O venres o Consello de Ministros aprobou a proposta de reforma da Lei do Aborto, unha iniciativa que, de saír adiante, colocaría España como un dos países desenvolvidos con menor protección do dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo. Ese mesmo venres houbo concentracións e manifestacións, convocada xa había meses para o día en que o Goberno decidise completar a súa ameaza de recortar o dereito a interromper o embarazo. Porén, o venres foi apenas o primeiro día dun proceso de debate lexislativo que será longo e que marcará unha boa parte do ano 2014. Que pode facer a sociedade para tentar deter esta reforma? Dáse por feito que, de perder o PP a súa maioría absoluta, nas vindeiras eleccións, a norma volverá ser modificada. Pero pódese frear antes?
O pasado sábado as ducias de entidades que compoñen a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto celebraron unha xuntanza da súa coordinadora nacional, convocada de urxencia, para debater a estratexia a seguir e a convocatoria de accións inmediatas. Agora, as coordinadoras comarcais da Plataforma debaterán as distintas propostas de acción para as vindeiras semanas e meses, que con toda seguridade se anunciarán nos primeiros días de xaneiro. Accións informativas e de protesta que, de seguro, levarán á convocatoria de grandes manifestacións.
"O feminismo está unido, sen fisuras, neste asunto, as mulleres estamos unidas", din dende a Plataforma, e esa unidade será unha das claves que marcarán o movemento de oposición á reforma de Gallardón, co obxectivo de aproveitar a "evidente" maioría social que se opón á iniciativa gobernamental. A estratexia, a partir de agora, pasa por esa sinalada "unidade", pola mobilización constante, nas súas diversas formas ("o que non imos facer, dende logo, é quedar caladiñas"), e a "pedagoxía". "É importante desmontar as súas falacias, con datos, con realidades. A ONU vén de advertir unha vez máis, con documentos, que a reforma que quere aprobar o Goberno provocará máis mortes das que evitará. Tamén quedou claro que a actual lei non levaba a que houbese máis abortos, senón todo o contrario", destacan.
"A maior parte da sociedade, entre ela a maioría dos e das votantes do PP estaba conforme coa actual lei e non está de acordo coa reforma. Era algo que estaba asumido pola sociedade e que non xeraba tensión social"
Outra das falacias que manexan estes grupos é a do "consenso social". "Todo o contrario, a maior parte da sociedade, entre ela a maioría dos e das votantes do PP estaba conforme coa actual lei e non está de acordo coa reforma. Era algo que estaba asumido pola sociedade e que non xeraba tensión social". Todo o contrario: o ambiente que se respira na rúa, mesmo en ambientes pouco politizados, escasamente activivistas e afastados do feminismo militante é o dun certo shock e estrañeza ante unha reforma que poucos cren necesaria e que vai empeorar as condicións de vida da meirande parte das mulleres. Tamén un anoxo crecente, como destacan dende a Plataforma: "Nas concentracións do pasado venres eu notei, sobre todo, unha sensacion de rabia, non se entende que suceda isto, que se dean estes pasos atrás neste momento, nun asunto que xa parecía consolidado, no que non se ía regresar ao pasado. As mulleres non estamos dispostas a renunciar a dar pasos atrás". "O pasado venres eu vin moitas mulleres que, dende fóra da concentración, nos aplaudian. Se realmente hai presión social, esta lei vaise parar", conclúen.
Aos partidos políticos da oposición ao Partido Popular a Plataforma reclámalles que fagan "fronte comun, sen posicions partidistas", cunha posición unitaria de rexeitamento á reforma dos populares, nun senso semellante ao pacto de deputadas e deputados xa acordado hai uns días ante a inminencia da decisión do Consello de Ministros. Outro dos grandes obxectivos das accións que leven a cabo os colectivos feministas será "gañármonos as representantes do Partido Popular, sobre todo as mulleres, sacar á luz as evidentes discrepancias que existen. Por exemplo, as nosas compañeiras Madrid sinalan que sería importante que Celia Villalobos se pronunciase publicamente en contra da proposta de reforma, como xa fixo noutras ocasións. Aquí imos buscar algo semellante".
Outro dos grandes obxectivos das accións que leven a cabo os colectivos feministas será "gañármonos as representantes do Partido Popular, sobre todo as mulleres, sacar á luz as evidentes discrepancias que existen"
Dende a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto xa se sinalou en varias ocasións que a reforma de Gallardón vai reabrir unha fenda entre as mulleres ricas e as mulleres pobres, un aborto diferente para unhas e outras, con clínicas privadas e viaxes ao estranxeiro para as que poidan pagalo, e outros métodos para as que non. "O perfil das mulleres que están nos chamados grupos provida ten unha capacidade económica que lle permitirá ir a unha clinica privada, e poderá abortar sen problema, atopará dous ou tres médicos que asinen e solucionarán o seu problema. En cambio, para o resto vai ser distinto; xa sabemos como funciona a sanidade pública, non dan os prazos para que se completen todos os procesos que prevé a lei", sinalan dende a Plataforma. "A clave de todo é abortar en condicions de seguridade" -destacan- "unha muller que está disposta a abortar vaino facer dun xeito ou doutro, e o importante é que establezan as condicións para que o faga con tranquilidade e seguridade".
"Unha muller que está disposta a abortar vaino facer dun xeito ou doutro, e o importante é que establezan as condicións para que o faga con tranquilidade e seguridade"
A lei poderá pararse ou non, pero en calquera caso xa se comeza a poñer en marcha, a través de Internet unha rede de apoios en Francia, promovida por grupos feministas, de mulleres que lles ofrecerán aloxamento ás mulleres españolas que vaian abortar alí, e que as acompañarán ás clínicas. Dende a Plataforma cren que en Portugal sucederá algo semellante, o que será moi importante para as mulleres galegas. "A solidariedade feminista vai funcionar", conclúen.