A familia Couso pide aos partidos derrogar a reforma que tombou a xustiza universal

Concentración ante a Embaixada dos EUA por José Couso Dominio Público @VirginiaUzal

"Este novo recurso é a proba de que non pensamos rendernos, fagan o que fagan e pase o que pase". Con estas palabras, David, irmán de José Couso, anunciou este xoves a nova ofensiva legal que a súa familia emprendeu para que se xulgue os militares estadounidenses que asasinaron en 2003 ao reporteiro galego de Tele 5 en Bagdad, a capital iraquí.

O pasado 25 de novembro, a Audiencia Nacional rexeitou interpor unha cuestión de inconstitucionalidade contra a Lei que acabou coa chamada Xustiza Universal e confirmou o arquivo da causa. Agora, os avogados da familia Couso e a acusación popular presentan un recurso de casación contra ese auto.

Segundo Enrique Santiago, un dos avogados da familia, a decisión da Audiencia "ignorou o mandato imperativo existente na Convención de Xenebra sobre a obriga de perseguir os crimes de guerra que permanecen na impunidade".

As convencións internacionais subscritas polo Estado español prevalecen, segundo a Constitución, sobre a lexislación ordinaria. Por iso, numerosos xuristas consideran que, ao bater co mandato da Convención de Xenebra, a reforma legal que realizou o Goberno do PP e que acabou coa Xustiza Universal é inconstitucional. Ese foi un dos eixos das alegacións presentadas polos avogados da familia que o 25 de novembro rexeitou a Audiencia Nacional.

Por iso, Enrique Santiago cre que "o que están a facer o Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional é, sinxelamente, impedir a aplicación en España dos mandatos contidos na lexislación internacional subscrita polo noso país".

Derrogar a 'Lei de impunidade'

"O xuíz demostrou que José foi asasinado e sinalou claramente os culpables"

David Couso lembrou que esta situación obedece "á teima do Goberno de Rajoy por garantir a impunidade dos asasinos do meu irmán. Para iso non dubidou en cambiar as regras do xogo e aprobar unha Lei 'á carta' que impedise aos xuíces perseguir os culpables. O triste é que agora comprobamos que o Executivo non está só nesta batalla contra a Xustiza. A 'operación impunidade' emprendida polo Goberno está a contar coa complicidade dalgúns membros da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo".

O voceiro dos colectivo Irmáns, Amigos e Compañeiros de José Couso (HAC) lembrou tamén que "o xuíz Santiago Pedraz demostrou xudicialmente que José foi asasinado e sinalou con claridade os culpables. Foi nese momento cando o Goberno lexislou en favor dos asasinos".

"Non poden perseguir aos terroristas do ISIS"

David Couso cre que a reforma da Xustiza Universal "foi, ademais, unha chapuza realizada a fume de carozo para pechar investigacións xudiciais que incomodaban ao Goberno. Recentemente vimos outro efecto perverso máis desa impresentable e 'patriótica' iniciativa: os nosos xuíces non poden perseguir os terroristas do ISIS que asasinaron a españois no masacre de París, nin atender os requirimentos das súas familias".

"Pedímoslles que acaben coa impunidade que impuxo o PP coa súa reforma legal"

Este é un motivo máis polo que a familia do reporteiro asasinado en Bagdad en abril de 2003 fixo un chamamento aos partidos que concorren ás próximas eleccións xerais: "Pedímoslles que acaben coa impunidade e coa inxustiza universal que impuxo o PP coa súa reforma legal. Pregámoslles que derroguen esa reforma e que permitan aos xuíces facer o seu traballo".

A familia Couso insistiu ademais en que, se é necesario, levará o caso até o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo. Enrique Santiago está convencido de que este Tribunal "nos dará a razón e declarará que o arquivo desta causa incumpre as obrigas internacionais de España e consagra a impunidade dos autores deste crime de guerra".

Concentración ante a Embaixada dos EUA por José Couso Dominio Público @VirginiaUzal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.