A Fiscalía de Medio Ambiente querélase contra o vertedoiro compostelán de Miramontes

Vertedoiro de Miramontes © Plataforma de afectados polo vertedoiro de Miramontes

A Fiscalía de Medio Ambiente decidiu trasladar ao Xulgado dúas querelas contra as empresas xestoras do vertedoiro e da planta de elaboración de tecnosolos da canteira de Miramontes, Sertego Servicios Medioambientais SL e Tecnosolos Galaicos SL. As querelas parten das denuncias presentadas nos últimos meses polo Concello de Santiago, pola Plataforma de Afectados polo Vertedoiro e mais por FERUSA.

As querelas parten das denuncias presentadas nos últimos meses polo Concello de Santiago, pola Plataforma de Afectados polo Vertedoiro e mais por FERUSA

No caso do vertedoiro, a Fiscalía considera que a mala xestión do mesmo pode supoñer un posible delito medio ambiental, enumerando unha serie de incumprimentos recollidos nas actas de inspección realizadas pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta, que "demostrarían a súa mala xestión e o perigo potencial para a saúde das persoas e o medio ambiente", destaca a Plataforma.

O colectivo lembra que na actualidade "está depositada no vertedoiro moita máis materia orgánica que a permitida polo seu proxecto construtivo, orixinando problemas coma os cheiros procedentes dos gases e comprometendo a seguridade do propio vertedoiro".

Segundo a Fiscalía, “estaríanse incumprindo todas as prevencións e autorizacións e, por tanto, xerando un perigo para o medio”. Ademais, sinala que "os indicios recabados para chegar a esta conclusión son poderosos e proveñen da propia documentación obtida dos organismos oficiais e, por se isto fora pouco, do feito certo de que a poboación está padecendo una situación insoportable de cheiros aos que en ningún caso debería estar exposta, correspondendo ás administracións públicas protectoras do medio ambiente garantir que a súa calidade de vida non se vexa diminuída por unha actividade industrial e lucrativa como é a xestión dun vertedoiro”.

Segundo a Fiscalía, “estaríanse incumprindo todas as prevencións e autorizacións e, por tanto, xerando un perigo para o medio”

En relación á planta de tecnosolos, que xa conta con dous expedientes sancionadores da Xunta, a Fiscalía tamén traslada denuncia ao xulgado pola posible comisión dun delito medio ambiental. Sinala, entre outros, incumprimentos relativos á actividade autorizada, posto que o tecnosolo elaborado non cumpre cos requisitos esixidos, "polo que sería un vertido de residuos que está danando o medio ambiente e poñendo en perigo a saúde das persoas", indica a Plataforma.

Imaxe do vertedoiro no ano 2017 © Plataforma de afectados polo vertedoiro de Miramontes

A entidade subliña que os lixiviados procedentes da acumulación de residuos fóra da planta e directamente sobre o terreo están a afectar gravemente á contorna, concretamente ao río Gatofero, afluente do Tambre, e "poden afectar a algunhas captacións de auga para consumo humano". Engaden que a instalación "tamén superou a súa capacidade de xestión, excedendo amplamente os máximos permitidos pola súa autorización". A Fiscalía considera que a empresa "era plenamente consciente dos feitos e que se lucraba con eles", salienta a Plataforma.

Nos últimos meses os episodios de cheiros e a súa intensidade aumentaron considerablemente, afectando a zonas cada vez máis extensas, o que derivou en continuas denuncias e chamadas á Policía

A Plataforma expresa a súa "satisfacción" pola decisión da Fiscalía de denunciar no xulgado a mala xestión do vertedoiro e da planta de tecnosolos de Miramontes, e confían en que deste xeito "se depuren responsabilidades e se tomen medidas para paliar a penosa situación que está a soportar a poboación próxima á canteira".

"A vida dos veciños segue a verse gravemente alterada. Nos últimos meses os episodios de cheiros e a súa intensidade aumentaron considerablemente, afectando a zonas cada vez máis extensas, o que derivou en continuas denuncias e chamadas á Policía", explican. A Plataforma volve facer "un chamamento urxente" ás autoridades competentes para que tomen "medidas inmediatas", sendo conscientes de que o proceso xudicial "pode dilatarse no tempo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.