Tres polémicos proxectos industriais, en activo ou previstos no futuro inmediato, fixeron erguer a voz da cidadanía e da veciñanza máis afectada. No pasado domingo, unha concorrida manifestación clamou en Santiago contra a posible reapertura da antiga mina de Touro e as temibles afectacións medioambientais, sociais e económicas dun macroproxecto a tan só 15 quilómetros do centro da capital galega. Na marcha, representantes tamén de colectivos que loitan contra a planta de residuos prevista no veciño concello de Teo, a uns 8 km da Catedral, e veciños da parroquia compostelá de Grixoa, a 6 km da zona vella, onde opera desde hai tempo un vertedoiro que está a causar importantes e denunciados problemas.
As tres polémicas iniciativas coiciden no rexeitamento social e veciñal e na proximidade ao núcleo urbano de Compostela
As tres iniciativas coinciden no rexeitamento social e na proximidade ao núcleo urbano de Compostela, formando un triángulo ao seu redor que abrangue o interior unha área de 139 km2 e suma un perímetro de pouco máis de 56 quilómetros, cunha distancia máxima de 15, no caso do proxecto mineiro de Touro. No caso desta pretendida reactivación da antiga mina, a zona de afectación incluiría tamén o Camiño de Santiago e o seu proxecto futuro chega mesmo a Santiago, mentres que na planta prevista en Calo (Teo) sitúase ao carón de espazos densamente habitados. En todos os casos, ademais, o temor ao prexuízo das actividades aos terreos agrícolas e gandeiros é común.
"Estamos moi preocupados", recoñece Xan Duro, concelleiro de Medio Ambiente en Compostela, que insiste en advertir da "preocupación máxima" polos proxectos, en especial polo feito de que o de Touro poida chegar mesmo a territorio do municipio santiagués. "É unha iniciativa enorme, que está centrado en Touro, pero que abre moitas outras posibles afectacións", di o edil, que alerta das autorizacións de prospeccións, que chegarían "a zonas de Santiago". "Son mapas difusos; se estes permisos non están en terreo municipal de Santiago, están no límite", insiste.
"Estamos moi preocupados", di o edil de Medio Ambiente de Santiago, que advirte de que os permisos de prospeccións da mina de Touro chegan a territorio compostelán
A megamina de Touro
A plataforma Mina Touro O Pino Non, así como outros colectivos como a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), levan tempo advertindo dos riscos dun proxecto mineiro que precisa do visto e prace da Xunta. Uns trinta plenos municipais aprobaron mocións contra a aprobación da mina, entre eles a maioría dos que se sitúan na conca do río Ulla e nas proximidades da área afectada, así como a Deputación da Coruña.
O proxecto de extracción de cobre previsto supón voaduras diarias na que se empregarán entre 9 e 16 toneladas de explosivos cada unha, así como unha mina a ceo aberto con emisións de pó que conleva unha grave contaminación atmosférica. Tamén se prevé a utilización dunhas 15.000 toneladas de produtos químicos altamente perigosos e sospeitosos de causar cancro para a separación do mineral.
O proxecto de Touro prevé voadurias diarias, unha mina a ceo aberto ou dúas grandes balsas de lodos de 80 metros de altura
Segundo os colectivos que piden que se impida a autorización, a empresa Cobre San Rafael prevé gastar arredor de 2,25 hectómetros cúbicos de auga ao ano (seis veces máis que os concellos de Touro e O Pino xuntos no mesmo período), así como a creación de dúas grandes balsas de lodos cun dique de 3,2 quilómetros e 80 metros de altura, cos graves riscos que supoñen para as localidades máis achegadas. A área de afectación, lembran, é dunhas 700 hectáreas ampliables a máis de 1.800 e o proceso desviará regatos e eliminarán varios centos de hectáreas de masa forestal e cultivos. Alén disto, advírtese das filtracións e drenaxes dos amcontaminantes ao río Ulla e a consecuente afectación á ría de Arousa e os problemas que causarían nos bancos marisqueiros e pesqueiros.
"Non estamos en absoluto de acordo co proxecto megamineiro de Touro, ao que nos opoñemos frontalmente", di o Concello de Santiago
"Non estamos en absoluto de acordo con este proxecto, ao que nos opoñemos frontalmente, pero non só porque nos afecte directamente, senón porque o que non queremos para nós tampouco o queremos para os demais", explica Xan Duro, que advirte de que esta nova megaminería "establece un patrón de consumo" que non desexan.
Contaminación na contorna da antiga mina de Touro / © Mina Touro-O Pino Non
Vertedoiro en Grixoa
A tan só 6 km de Santiago, na parroquia compostelá de Grixoa, hai un complexo de tratamento de residuos formado por un vertedoiro (dende 2008) e unha planta de elaboración de solos artificiais (tecnosolos), neste caso desde 2015. A iniciativa foi presentada como un plan para a recuperación medioambiental da antiga canteira, enchendo o seu oco con cascallos da construción e restos desta, para lograr recuperar o solo da explotación con terra vexetal.
A veciñanza leva dous anos sufrindo e denunciando o tráfico de camións, cheiros e afectacións medioambientais
Pero nos últimos dous anos, a veciñanza das proximidades comezou a sufrir as afectacións dun complexo que mudou o seu funcionamento inicial, tal e como denuncia outra plataforma, a STOP Vertedoiro Santiago, que vén de celebrar unha andaina contra o complexo e que nun documental explicou con claridade todas as problemáticas e posibles irregularidades. Advirten, ademais, que o inspector técnico de medio ambiente do Concello de Santiago elaborou dous informes que desaconsellaban a instalación dunha industria deste tipo nesta localización.
Agora, tal e como explica Duro, será a Xunta quen decida sobre o futuro inmediato da planta, xa que ten un expediente aberto polo incumprimento de varios puntos da autorización ambiental integrada.
A Xunta deberá resolver o expediente aberto contra a planta de residuos
Alí entran todo tipo de residuos industriais, residuos domésticos que non son reciclados noutras plantas e outros de forte olor para os tecnosolos, mesmo lodos da ría de Noia, que son depositados xunto a casas, leiras e un regato, o de Oufín, que desemboca no Tambre, río do que bebe Santiago e moitas outras poboacións da comarca. Así, a veciñanza denuncia os cheiros, as filtracións de líquidos ao solo e ao subsolo e a acuíferos e regatos, así como o tráfico intenso de camións --até un cento ao día-- que ciscan cascallos e lixo nun tránsito que podería ser irregular.
A única vía de acceso á canteira de Miramontes é unha vía rural á que se accede dende a estrada DP-7804 (Val do Dubra - Santiago). Este camiño rural, chamado Camiño de Gandarón, é unha vía de titularidade municipal, de 4,5 metros de anchura e ten unha prohibición de paso para vehículos de máis de 5,5 toneladas (agás os que conten cun permiso especial). O Concello de Santiago confirmou a través dun escrito que a única empresa que ten autorización de paso para vehículos de máis de 5,5 toneladas é Áridos CNC, non a que empresa que explota o vertedoiro.
Antiga canteira de Casalonga, onde se prevé instalar a planta / © Habitaq
Planta de reciclaxe na Casalonga
A 8 quilómetros en liña recta do centro de Santiago, no veciño Concello de Teo, sitúase o outro proxecto polémico na contorna compostelá. Previsto na parroquia de Calo, no espazo que anteriormente ocupou unha mina a ceo aberto en Casalonga, a planta prevé o tratamento anual dunhas 90.000 toneladas de residuos e situaríase a tan só 400 metros dun núcleo de poboación. Ocuparía uns 135.000 metros cadrados, a menos de dous quilómetros de onde viven 4.000 persoas e a uns seis doutras 50.000.
A planta en Teo prevé o tratamento anual dunhas 90.000 toneladas de residuos e situaríase a tan só 400 metros dun núcleo de poboación
A planta, cunha extensión equivalente a uns 14 campos de fútbol, prevé unha balsa de 7.000 metros cúbicos de capacidade para almacenar os residuos, dous gasómetros para 1.000 metros cúbicos cada un, un espazo para o lavado diario de 20 camións que transportarían os residuos orgánicos e lodos á planta ou unha nave de recepción de residuos duns 2.000 metros cadrados.
Tanto a plataforma veciñal Casalonga Limpa de Residuos, que xa celebrou varias xuntanzas informativas e accións de protesta, como o informe técnico encargado polo Concello advirten dos riscos e das posibles afectacións sociais, medioambientais e económicas dun proxecto que, coinciden, non elixiu o lugar máis axeitado para situarse ante o achegado da proboación e de varios núcleos.
"Santiago está rodeado de empresas altamente contaminantes", advirte a plataforma contra a planta da Casalonga (Teo)
Logo da campaña de recollida de sinaturas iniciada o pasado día 9, este domingo 17 a plataforma chama "a todas as persoas contrarias á instalación da planta da empresa Toysal a participar nunha andaina ata o monte da Casalonga" e que sairá de varios puntos da localidade. "Que cada un, dende o seu lugar, avance decidido para dicirlle ben alto e claro: Nós chegamos primeiro, Toysal fora!", din desde un colectivo que nas súas comunicacións advirte de que "Santiago está rodeado de empresas altamente contaminantes".