A Fiscalía investiga os danos de Cosmos na Cova Eirós, que sofre xa graves estragos

Canteira de Vilavella, en Triacastela © Salvemos Cabana

A Fiscalía abriu dilixencias de investigación polos danos que a cementeira Cosmos está a crear na Cova Eirós en Triacastela. Tanto o fiscal xeral do TSXG, Carlos Varela, como o fiscal delegado de medio ambiente, Álvaro García Ortiz, comunicaron a Adega -que foi quen trasladou a situación- o comezo dos trámites que poderían rematar na suspensión cautelar dos traballos da empresa -tal e como reclama a asociación ecoloxista- e o comezo das pescudas pola presunta comisión dun delito contra o patrimonio histórico e a posíbel prevaricación na que incorrerían as administracións, "como cooperadoras necesarias desta desfeita".

A Fiscalía abre dilixencias de investigación polos danos que Cosmos está a provocar na Cova Eirós

"Unha desfeita", como denuncian Adega, a veciñanza, a oposición política e outras moitos colectivos, que xa puideron comprobar expertos que lograron acceder a este xacemento peleontolóxico, arqueolóxico e con moreas de pinturas e gravados rupestres únicos que permanece sen vixilancia ningunha deste que Cosmos retomou con polémica os traballos logo de que o Concello de Triacastela renovase con polémica unha licenza que AGE considera xa suspendida. 

Puidéronse comprobar xa danos "con toda probabilidade graves" no xacemento

A eliminación da capa de solo e do material xeolóxico que protexía a planta da cova está a provocar a infiltración de augas superficiais, producindo escorregamentos polas paredes da cova, co risco de destrución das pinturas e gravados rupestres do seu interior. Segundo fontes que puideron coñecer a situación real da Cova Eirós, aprécianse xa danos "que con toda probabilidade son graves", tal e como destaca o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, que denuncia o "desleixo" que desde a Xunta se ten con esta "Altamira galega" na que os últimos arqueólogos que traballaron nela abandonaron os seus labores en agosto. Desde aquels, e tras o reinicio dos traballos de Cosmos, séguense producindo danos que incluso provocaron que xa non se vexan algunhas das pinturas. "As condicións que permitiron conservar todos estes achados durante anos mudaron radicalmente e estanse poñendo en perigo", insisten desde Adega.

Ante esta situación, a asociación ecoloxista segue achegando documentación á Fiscalía, á que insta a que "de xeito urxente" decrete a paralización cautelar das obras, que se establezan medidas de contención para evitar un maior deterioro e obrigue a Xunta a elaborar un informe sobre o estado dos bens da Cova Eirós e sobre as posibles afeccións provocadas pola reanudación dos traballos na canteira tras renovárselle a licenza. Tamén solicitou Adega unha entrevista urxente coa Dirección Xeral de Patrimonio.

Adega insta a Fiscalía a que decrete "de xeito urxente" a paralización cautelar das obras

Porque a cuestión "é urxente". "Igual xa chegamos tarde porque ninguén sabe o que está a pasar na Cova desde o mes de agosto, máis aínda cando si se sabe que Cosmos está a traballar xusto enriba do xacemento; petaremos en todas as portas ata que se tomen axiña as decisións", insiste Eirexas, que considera "algo inaudito en Europa" o que está a acontecer en Galicia coa "nosa catedral do paleolítico". "Se ocorre isto con este lugar, que non ocorrerá noutros de menor importancia arqueolóxica e histórica", engade.

"É urxente que a Xunta faga o seu traballo dunha vez e que se tomen medidas urxentes; logo haberá que depurar responsabilidades porque non pode ser que ante o que está a ocorrer ninguén sexa responsable", aseguran desde Adega, que ve na Xunta e no Concello de Triacastela dous "cooperadores necesarios" do presunto delito contra o patrimonio histórico.

Cos datos na man, e con toda a información que está a recibir a Fiscalía, tanto desde Adega como desde outros colectivos que levan tempo loitando contra esta polémica canteira de Cementos Cosmos son optimistas ante unha futura suspensión cautelar dos traballos e a asunción de responsabilidades. Unha vez máis, a reacción social e o activismo cidadán lideran unhas reivindicacións que van camiño de, cando menos, deter uns danos que pode que sexan irreparables. 

Zona dos traballos de Cosmos, sobre a Cova Eirós © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.