Este luns celebrouse en Madrid a vista oral do xuízo contra Emilio Cao. No tribunal a Fiscalía reafirmouse na petición de penas de 5 anos e 8 meses de prisión (catro anos por un delito de atentado e un ano e medio por un delito de desorde pública) para o mozo carballiñés, ademais de 600 euros de multa. Durante toda a mañá Emilio Cao estivo acompañado por unha concentración de apoio na que participaron ducias de persoas con faixas que demandaban a súa absolución.
"Síntome máis tranquilo e seguro. A verdade está da miña parte. Non hai ningún delito, nin atentado nin desordes públicos", afirmou Cao ás portas dos Xulgados do Penal da capital do Estado. A Defensa de Emilio Cao cualifica de "desproporcionada" a petición de pena realizada pola Fiscalía, lembrando que non se identificou vítima ningunha dese posible delito de "atentado".
"Síntome máis tranquilo e seguro. A verdade está da miña parte. Non hai ningún delito, nin atentado nin desordes públicos", afirmou Emilio Cao ás portas dos Xulgados
O mozo estivo acompañado tamén por un gran número de representantes políticos, entre os que destacaban os deputados e deputadas de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello, Ángela Rodríguez e Antón Gómez-Reino e no Parlamento galego Paula Quinteiro e Antón Sánchez. Tamén participou o concelleiro en Santiago de Compostela Jorge Duarte.
Miguel Anxo Fernán Vello, portavoz de En Marea no Congreso, afirmou que "estamos aquí para mostrar a solidariedade plena con Emilio Cao e para denunciar o estado de persecución e de represión a partir da Lei Mordaza instaurada polo Partido Popular". Engadiu que "son vítimas directas desa represión, dese ataque continuo en contra da liberdade de expresión" e esixiulle a Pedro Sánchez "que derrogue a Lei Mordaza, sen medias tintas". Pola súa banda, Antón Sánchez, Portavoz Nacional de Anova, afirmou que "vimos dende Galicia a solidarizarnos con Emilio. Por el e por esa xeración que, nos peores anos da crise, saíu a reclamar xustiza contra a estafa e para defender un futuro digno para eles". Sánchez concordou na esixencia ao novo Goberno de Pedro Sánchez: "O Estado montou unha serie de artefactos lexislativos e policiais de represión contra a reclamación de xustiza social que cremos que hai que desmontar", dixo.
Máis de catro anos dos feitos xulgados
Hai máis de catro anos, o 22 de marzo de 2014, Emilio Cao foi detido en Madrid. Daquela tiña 17 anos, estaba integrado no colectivo Estudantes sen Futuro e viaxara á capital do Estado coa Columna galega das Marchas da Dignidade para participar na masiva manifestación que reclamaba "pan, traballo e teito" no momento máis duro da crise económica. A policía cargou durante o acto final da marcha, mentres aínda falaba Diego Cañamero, e 24 persoas foron detidas, tres delas galegas, entre elas Emilio. "Cóllenme, tíranme ao chan, esmáganme a cabeza co escudo contra o chan. Iso foi complemente innecesario, non había ningunha posibilidade de que eu puidese escapar", lembra. Foi trasladado despois á comisaría, onde non soubo ata o día seguinte de que fora acusado, e sometidos a un trato degradante: "Estivemos moitas horas de pé contra unha parede branca, sen poder falar cos compañeiros que tiñamos ao lado, que estaban tamén detidos".