A folga de fame "silenciada" das vítimas da violencia de xénero

Pancarta na sede de Ve-la luz © feminismo.info

Sete mulleres galegas acumulan quince días en folga de fame. Sete mullleres membros da asociación Ve-la Luz -das dez que comezaron a protesta- levan dúas semanas inxerindo tan só líquidos nunha acción coa que reclaman "protección real" para as vítimas da violencia de xénero nunha acción social tan contundente como silenciada. Os rostros de debilidade comparten espazo na sede desta agrupación coruñesa cun cartel onde escriben o número de horas (máis de 360) que levan sen comer e os colchóns e cadeiras onde aproveitan para descansar no tempo que os seus traballos e ocupacións -porque seguen traballando e atendendo os fillos- lles permiten acudir para continuar co seu activismo reivindicativo.

Sete mulleres permanecen en folga de fame mentres seguen indo a traballar e atendendo os seus fillos

"Estamos débiles, temos mareos e moito cansazo, pero xa non hai fame", relata unha das mullleres que se mantén en folga de fame desde a noite do día 14 ao 15 deste mes de outubro. Ao carón da Audiencia Provincial da Coruña -"é aquí onde temos que estar", din- é onde estas vítimas do maltrato machista seguen reivindicando "un sistema de protección real de mulleres e nenos vítimas da violencia de xénero" que "non fomente o empobrecemento da muller, nin a súa submisión nin a continuación do maltrato". Aclaran que a protesta é "indefinida" e que aguantarán "ata o final". "Non hai resposta porque saben que imos aguantar, que esta situación non é tan só unha acción, senón a situación á que nos somete o Goberno, á que nos obrigan; non temos recursos e a alternativa é ir á Cociña Económica", di Gloria Vázquez, presidenta de Ve-la Luz.

Foi o pasado día 21, unha semana despois do inicio da folga de fame, cando Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta, acudiu á sede da agrupación para solicitarlles que lles enviasen as súas demandas. Confirmáronlles desde a Administración que as recibiran, pero seguen agardando resposta.

A Xunta recolleu as súas demandas hai unha semana pero aínda non teñen resposta

"Queremos que se protexa os nenos, que se suspendan as visitas ao pai maltratador cando hai indicios de violencia e que, tras sentenza firme, se lles retire a patria potestade", recordan sempre. Máis agora, cando fan alusión ao último asasinato machista que en Vila-Real (Castelló) levou por diante a vida dunha nai e a do seu fillo de dez anos a mans dun maltratador que se quitou a vida. "Cantos menores foron asasinados xa? Cantos minutos de silencio máis sen dar solucións se van seguir facendo?", pregúntase Gloria Vázquez.

As mulleres -apoiadas por toda a oposición galega e unha morea de colectivos sociais- reclaman medidas para que, no caso de que haxa indicios de violencia de xénero, se suspendan as visitas e se impida o acceso destes supostos maltratadores á custodia dos fillos. Tamén piden que en caso de falta, non só de delito, se lle retire o acceso dos condenados á solicitude de custodia e que, de haber condena firme, se lle retire a patria potestade e se suspenda o réxime de visitas ao pai. A primeira e principal das súas reivindicacións é da que non dan recibido resposta satisfactoria, xa que o PP asegura que requiriría unha modificación lexislativa, mentres que Ve-la Luz cre que a suspensión de visitas e impedir o acceso á custodia é posible porque a norma xa capacita ao xuíz para aplicar esta medida.

A súa petición principal é que se suspendan as visitas dos pais aos fillos e o seu acceso á custodia no caso de que haxa indicios de violencia de xénero

No resto de reivindicacións, como na renovación do persoal dos xulgados de violencia de xénero cada dous anos e a posibilidade de formación en violencia de xénero para o persoal xudicial, así como a revisión das sentenzas dos últimos cinco anos -xa que en Galicia foron sobreseídas case o 60% do total dos casos- hai avances. Sobre esta última, o PP comprometeuse a unha comisión de investigación no Parlamento co compromiso de presentar unha proposición de lei neste vindeiro trimestre.

As mulleres protestan pola situación de moitas coma elas que, ademais de sufrir o maltrato, teñen que aturar logo o desleixo da policía ou da Xustiza,  sentenzas que consideran inxustas, o afastamento dos seus fillos ou o acoso dos mesmos que os maltrataron.  Os relatos dun vídeo elaborado por estas mesmas vítimas arrepían. Hai casos de todo tipo, incluso o dunha nai dun maltratador que pide que se lle retire a custodia do seu neto ao seu propio fillo, que tamén a maltratou a ela e ao que impuxeron unha orde de afastamento da súa propia nai.

Ve-la Luz quéixase de "censura" que está a sufrir a súa protesta en Galicia. "Censúrannos porque dicimos a verdade", din.

"O sistema e os problemas perpetúanse. Hai casos de mulleres que teñen até 32 xuízos pendentes por incumprimento das medidas adoptadas", lembrou varias veces Gloria Vázquez, que recorda que a folga de fame tamén denuncia os recortes sufridos nas axudas públicas ás maltratadas e a grave situación na que moitas quedan. "Unha vítima adoita cobrar 426 euros, pero teñen que deixar as súas casas e asumir un aluguer", insiste, tras reclamar que se reactive o salario da liberdade, "que leva desde xuño sen pagarse", así como que se recupere o sistema de atención psicolóxica ás vítimas, que agora abrangue só ás mulleres que teñen unha orde de afastamento. "Se cobramos estes pouco máis de 400 euros e nos metemos nun proceso xudicial, co pago de avogados e demais, de media podemos gastar entre 800 e 900 euros, o que queda agravado coa suba de taxas xudiciais que implanta o ministro Gallardón", lembra a presidenta de Ve-la Luz, que se queixa do "silenciada" que está a súa protesta "en Galicia".

 

O aumento do risco da folga de fame

"Recibimos chamadas de medios de Australia, Portugal ou Venezuela; saímos en emisoras de radio a nivel estatal, pero parece que aquí non nos queren facer caso, censúrannos", lamenta Vázquez, que sabe que, malia o desleixo que critican da Xunta, o Goberno coñece perfectamente a súa problemática e o arriscada sa súa acción. "Temos un trato VIP por parte deles porque dunha vez que chamamos ao 112 púxosenos a propia conselleira de Sanidade ao teléfono", di con ironía. Sorprende a enteireza coa que tratan o problema e a naturalidade coa que estas mulleres asumen que a folga de fame pode ter consecuencias gravísimas. "Sabemos que a partir dos quince días os problemas son moi importantes", lembran. De feito, das dez mulleres que comezaron a acción tres tiveron que abandonar por problemas de saúde e varias foron xa ingresadas un tempo.

Das dez mulleres que comezaron a folga de fame, tres tiveron que abandonala xa por problemas de saúde

Malia todo, a protesta, tan contundente, arriscada e meritoria, non acada a relevancia social que outras se cadra menos perigosas si teñen. "Censúrannos por dicir a verdade". Incluso nalgúns comentarios ás escasas informacións que se lles dedican aparecen críticas á súa acción e improperios. "A sociedade é machista e segue habendo xente que ve a violencia como algo normal; hai moito que cambiar", di Gloria Vázquez, que cre que os políticos son os primeiros que non dan exemplo. "Non pode ser que no Parlamento se dediquen insultos uns aos outros, porque iso tamén perpetúa unha actitude; o problema é de educación, de base", engade.

A asociación vén de presentar  un calendario solidario co que intentan conseguir fondos para manter as actividades e a sede de Ve-la Luz

Agora, na súa sede alugada pero con evidente necesidade de reformas, as mulleres de Ve-la Luz veñen de presentar un calendario solidario na que as imaxes de mulleres que simulan maltrato contrasta con fotografías de compañeiras plenas. "Depende de ti, depende de min, depende de tod@s", reza o lema do almanaque. Coa súa venda -cada exemplar costa dez euros- pretenden conseguir fondos para seguir pagando a renda da sede da asociación e poder seguir facendo as súas actividades, que inclúen terapias e apoio ás vítimas. Non teñen subvención ningunha e a única que recibiron, da Deputación e de 720 euros, cobrarana o ano que vén unha vez que xustifiquen os gastos. "Foi a única axuda que nos deron na vida", di quen preside un colectivo cuxa sinceridade e impacto verbal e activista semella non gustar entre as autoridades. Pero a folga de fame continúa e sete mulleres afrontan un novo día sen comer. E xa irán 16.

Captura do vídeo-denuncia de Ve-la luz © Ve-la luz
Gloria Vázquez, primeira pola esquerda, nunha protesta de Ve-la Luz © Ve-la luz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.