A folga do lixo: unha oportunidade para abrir o debate da compostaxe?

Sistema de compostaxe CC-BY-SA Adega

As rúas de Lugo levan case un mes cheas de lixo, a pesar de que tanto os servizos mínimos coma outras alternativas contratadas por Urbaser e Concellos recollen ao redor dun cento de toneladas cada día. A folga fixo presente a enorme cantidade de residuos que xeramos os cidadáns do século XXI, ou como destaca ADEGA, "en Lugo estamos a sufrir a visión pública do noso lixo. A folga dos traballadores/as debruzounos bruscamente perante os nosos residuos". A organización ecoloxista considera que este problema debe servir cando menos para iniciar un proceso de reflexión e debate sobre as distintas formas que temos de xestionar estes residuos.

A organización ecoloxista considera que este problema debe servir cando menos para iniciar un proceso de reflexión e debate sobre as distintas formas que temos de xestionar estes residuos

Un debate que xa estaba en marcha, en boa medida polo incremento nun 34% do canon que Sogama lles cobra aos Concellos por desfacerse do seu lixo e queimalo. Este argumento económico situou moitas administracións locais ante a pregunta de como pagar menos pola xestión dos seus residuos, un aforro que pasaría en primeiro lugar por xerar menos lixo (seguindo a doutrina dos 4 R's: reducir, reutilizar, recuperar e reciclar) e por explorar distintas alternativas distintas da incineración, comezando pola compostaxe progresiva.

"ADEGA non formula o problema en termos do noxo que produce ver todo o que desbotamos da nosa vida, para as nosas rúas, mas si debemos facer fincapé na cantidade de lixo producimos. Canto e que caro nos sae! Caro en saúde, en estética, en recollida e en limpeza", destacan. A entidade fai fincapé nos residuos orgánicos, que representan aproximadamente o 50% do conxunto de residuos que producimos. É, ademais, "o que máis cheira e o de maior risco para a saúde", e así mesmo, o que se pode recuperar grazas aos procesos de compostaxe. ADEGA salienta que "este lixo podería e debería ser reciclado para producir compost que se aproveitase no abono de terras e, por tanto, para cumprir co mandato da natureza: a circulación da materia e da enerxía".

A entidade esíxelle ao Concello de Lugo que cumpra co compromiso que adoptou en pleno, no ano 2010, de construír unha planta de compostaxe para a comarca

A entidade esíxelle ao Concello de Lugo que cumpra co compromiso que adoptou en pleno, no ano 2010, de construír unha planta de compostaxe para a comarca. E lémbralle igualmente á Xunta que tamén esta administración se comprometeu no actual Plan Galego de Residuos a construír varias plantas de compostaxe por todo o territorio galego. Tamén sinala o exemplo positivo do acordo ao que en Pontevedra chegaron o Concello e a Deputación para a construción dunha planta comarcal de compostaxe. 

"Cremos que é o momento de apostar pola compostaxe e a todos os niveis, ben sexa para o tratamento da materia orgánica da comarca nunha planta de compostaxe, ben sexa para o tratamento do lixo orgánico domiciliario, a través da compostaxe caseira", subliñan, "deste xeito, reduciríamos cando menos o 50% o volume do lixo que trasladamos a Sogama e poderíamos reutilizar o residuo como compost". Lembran, ademais, que "a compostaxe dá moitos máis postos de traballo que a incineración, xa que se precisa dunha mellor recollida selectiva, máis que dunha tecnoloxía cara". Poñen o exemplo da planta de Lousame, onde fai falla un traballador por cada 380 toneladas de lixo, mentres que en SOGAMA hai unha empregada por cada 2.496 toneladas. Adega calcula que se toda Galicia seguise un sistema coma o da planta do Barbanza, se poderían xerar 2.300 empregos directos.

 

Alternativa a Sogama

En Galicia recíclase apenas o 11% dos materiais e non se chega ao mínimo esixido nin sequera no vidro ou no papel. Os datos de 2011 amosan que o 46% do lixo galego se incinera sen valorización e outro 43% vai directamente a vertedoiros

Sogama é unha modalidade de xestión dos residuos máis cara por varios motivos, comezando polos centos de quilómetros que ten que percorrer o lixo dende os catro recantos do país para chegar á centralizada planta de Cerceda, e pasando pola escasa eficiencia enerxética demostrada por Sogama á hora de xerar electricidade a partir da combustión de residuos. De feito, a prevención e a reciclaxe deses residuos terían aforrado máis enerxía da que Sogama produciu, pois a súa eficiencia enerxética rolda o 0.3, moi por debaixo do 0.6 esixido por Europa. Pero tamén porque esta planta apenas recupera materiais, non os revaloriza, incumprindo todas e cada unha das recomendacións da Unión Europea, o que levou a que varios grupos presentasen unha denuncia ante as instancias comunitarias. Nesa denuncia salientábase que Sogama "só queima o lixo" para reducir o seu volume e para despois acumulalo no gran vertedeiro da Areosa e lembrábase que en 2020 este tipo de vertedoiros estarán prohibidos en Europa.

Na actualidade, por culpa de Sogama, Galicia incumpre as normativas europea, estatal e galega en varios aspectos, comezando polas esixencia de que cando menos o 50% por cento dos materiais se recuperen e reciclen. En Galicia recíclase apenas o 11% dos materiais e non se chega ao mínimo esixido nin sequera no vidro ou no papel. Os datos de 2011 amosan que o 46% do lixo galego se incinera sen valorización e outro 43% vai directamente a vertedoiros. En total, Sogama recupera só o 8% dos materiais que lle chegan. Mentres, a media da UE en 2009 ofrece datos moi diferentes: 24% de materiais reciclados, 18% de compostaxe, 20% de residuos incinerados, e un 38% acumulados en vertedoiros.

Protesta dos traballadores de Urbaser no Concello de Lugo © CIG
Sistema de compostaxe CC-BY-SA Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.