A folga do persoal da Xustiza paralizará os xulgados galegos dende este mércores

Dependencias xudiciais baleiras nunha folga anterior Dominio Público @alternativasxus

O persoal da Administración de Xustiza en Galicia está chamado desde este mércores a unha folga indefinida e total -durante toda a xornada laboral- logo de fracasar as negociacións coa Xunta das últimas semanas e non lograrse un acordo nas reivindicacións. Nun conflito que vén de lonxe, os funcionarios xudiciais demandan melloras que compensen a "discriminación" que din sufrir, tanto no aspecto salarial coma nos seus dereitos laborais, con respecto aos traballadores do resto do Estado ou que non dependen do Goberno galego.

O éxito dos paros dun día convocados nos últimos meses e o apoio moi maioritario que as protestas teñen entre o persoal fan prever a paralización desde este mércores de centos de xulgados e de actos xurídicos e burocráticos en Galicia. Mesmo as vodas civís corren perigo nos vindeiros días visto o enquistado do conflito e a renuncia da Xunta a volver negociar cos traballadores. Son uns 2.500 os chamados ao paro indefinido en todo o país, así como ás concentracións que se levarán a cabo este mércores en todas as sedes xudiciais. 

Uns 2.500 traballadores da Administración de Xustiza en Galicia están chamados á folga indefinida desde este mércores

O seguimento será masivo, tal e como prevé o comité de folga, no que se representa tamén a unidade sindical que caracterizou esta protesta desde o inicio. As centrais SPJ-USO, AXG-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO coinciden nas demandas, como coincidiron á hora de denunciar por "abusivos" os servizos mínimos indicados pola Xunta. O TSXG denegou, no entanto, a medida cautelar de suspensión solicitada polos representantes dos traballadores ao entender que os fixados "non impiden o exercicio ao dereito de folga e a conseguinte chamada de atención á sociedade sobre as reivindicacións, e á vez permiten atender a protección dos dereitos dos cidadáns". 

Desde os sindicatos, porén, aseguran que os servizos mínimos publicados no DOG non coinciden cos presentados a semana pasada e que son, finalmente, os instaurados no caso nas últimas tres xornadas de folga, pero incrementando o número de efectivos nalgunhas seccións, como nas salas do TSXG. "A intención evidente é a de que non dea a impresión de que os xulgados están baleiros", advirten os representantes dos traballadores. 

O TSXG denegou a suspensión da orde de servizos mínimos e os sindicatos din que a Xunta mudou os presentados para aumentar os efectivos

Estes servizos mínimos considera esenciais, e xa que logo ineludibles, varios casos nos que non se poderá deixar de atender a cidadanía: servizos de garda de xulgados, fiscalías, Instituto de Medicina Legal, xuízos orais de causas co preso, medidas precautorios ou provisionais en materia de familia, de violencia sobre a muller e de liberdade provisional, entre outras, e actuacións relativas á violencia machista nos xulgados; tamén actuacións urxentes ou inaprazables no Rexistro Civil. 

Malia iso, o prexuíxo para os traballadores será grande, "pero moito máis para a cidadanía e por culpa de políticos incompetentes", din desde o comité de folga. 

O persoal advirte da suspensión de centos de xuízos, conciliacións e procedementos varios, ademais de futuros problemas coas vodas civís ou cobro de pensións

De feito, advirten de que este mércores suspenderanse xa centos de xuízos, conciliacións, apoderamentos e procedementos varios e típicos no Rexistro Civil. "Todo ese traballo que non é urxente vaise deixar de facer", insisten. Trámites habituais cancelados que poderían provocar, por exemplo, problemas para o cobro das pensións en xente que non poida acceder ao certificado de fe de vida ou a suspensión de vodas civís. "Non é un acto urxente nin irreparable, polo que é moi posible que se celebren moitos convites sen que o casamento se teña realizado oficialmente", exemplifican desde os sindicatos, que non ven solución a curto prazo "de continuar a Xunta nesta actitude totalitaria". 

O Consello da Avogacía Galega recoñece o "grave quebranto no funcionamento dun servizo público tan transcendente" e pide ás partes que "retomen o diálogo". 

Desde a Administración insístese nunha oferta económica que non se pode incrementar, mentres desde as centrais cualifican de "mentireiro" o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, por falar dunha suba salarial rexeitada polos funcionarios de entre 600 e 900 euros anuais cando, segundo o comité de folga, o que se ofrece son "15 euros mensuais máis a cada funcionario, entre 200 e 300 euros ao ano". Unha mellora a tres anos que a Xunta tería difundido en global. Alén disto, os funcionarios insisten en que a reivindicación económica é só unha de entre as cinco que levan meses demandando. 

O comité de folga denuncia que a Xunta renuncia a reunirse malia o ofrecemento a última hora do Consello Galego de Relacións Laborais

Ademais, o comité de folga denuncia que, malia a petición presentada para continuar a negociación coa mediación da presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, tal e como xa se fixera, a Xunta negouse. De feito, asegura que o propio Consello mandou unha convocatoria para intentar mediar desde este martes e que a Xunta rexeitou esa posibilidade e calquera outra negociación. "Queren tombartodo aquilo que dea a sensación de poder rebelarse", quéixanse os sindicatos. 

 

Reivindicacións

Os traballadores queren negociar un incremento do CAT (Complemento Autonómico Transitorio), xa que, segundo explican, desde 2013 os funcionarios perderon sobre un 40% das extras deste CAT, o que supón sobre uns 10.000 euros menos anuais no caso dos médicos forenses, 5.000 no caso dos xestores, preto de 4.000 para os tramitadores e sobre 3.500 para auxiliares. 

Ademais destes recortes, os funcionarios galegos da Xustiza din sufrir "discriminación" ao cobraren unha media de cen euros mensuais menos que os seus compañeiros noutras comunidades. E advirten sempre doutra discriminación, a sanitaria. Refírense á negativa a homoxeneizar o réxime de incapacidades temporais, impoñendo o decreto 169/2013 da Xunta fronte á Resolución da Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do 22/12/2015 e ao acordo do Consello Xeral do Poder Xudicial de 2013. Así, mentres uns funcionarios xudiciais con destinos noutra parte do Estado poden enfermar e coller a baixa sen sufrir descontos, en Galicia tan só se lles permite aos que sofren cancro ou precisan ingreso hospitalario. No resto dos casos, agás maxistrados e fiscais, descóntaselles un 50% do soldo durante os primeiros tres días de convalecencia e o 25% do cuarto ao vixésimo. 

Outro dos problemas que denuncian os funcionarios xudiciais é a eliminación de prazas, que calculan en 106 (un 5% do persoal total) desde 2013, co aumento de carga de traballo, os problemas á hora de executar sentenzas, a lentitude da Xustiza e a falta de medios que iso supón. Ademais, aseguran que esta situación afecta especialmente aos xulgados máis achegados á cidadanía, como os de familia, os de paz ou contencioso, polo que piden un plan de amortización das prazas eliminadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.