O persoal da Administración da Xustiza en Galicia comezou este luns a súa terceira semana de folga indefinida e suma o seu 14º día efectivo de paro con máis de 7.000 xuízos suspendidos desde que comezara a mobilización o pasado 7 de febreiro e coa perda en salarios de arredor de 1 millón de euros para os traballadores que secundan a protesta.
Logo dunha importante manifestación o pasado sábado -arredor de 2.000 persoas sobre un persoal atinxido de 2.700- na que os funcionarios advertiron á Xunta de que non darán "nin un paso atrás", o conflito continúa encallado. As posturas na negociación agora rachada, malia pequenos avances, seguen moi afastadas. E a cada declaración do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o comité de folga aumenta a súa firmeza. Vén de insistir en acusar os sindicatos de tomar como "reféns" os cidadáns e en que non vai mudar a súa oferta. Tampouco quere oír falar a Xunta de cambiar os interlocutores, logo de que os representantes dos traballadores reclamasen a marcha de José María Barreiro, director xeral da Función Pública.
"Os ánimos están espectaculares, temos as pilas cargadas e ganas de seguir loitando", advirte o comité de folga
"Logo da manifestación, os ánimos están espectaculares, temos as pilas cargadas e ganas de seguir loitando", explican desde o comité de folga que, no entanto, volve criticar a Rueda. "Demostra ignorancia, prepotencia ou algún problema de oído porque insiste en que a Xunta vai manter os mesmos interlocutores cando xa dixemos a pasada semana que non imos sentar máis con Barreiro; dá a impresión de que queren que o conflito continúe", advirten. Polo momento, nin tan sequera hai unha nova convocatoria de reunión. "Nin se agarda", aclaran, tras reclamar tamén a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais --este mesmo luns presentaron unha solicitude por escrito-- que o Executivo non acepta.
O comité de folga volve solicitar por escrito a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais
Malia algún achegamento nas últimas conversas, desde o comité advirten de que mesmo eses avances "retrocederon" coa última postura amosada polos negociadores da Xunta, que insiste, pola súa banda, en que en tres dos cinco puntos en cuestión o acordo era practicamente definitivo.
Complemento autonómico
A Xunta insiste en que a reivindicación dos traballadores é "inasumible" e que non se moverá da última oferta, que supón un incremento do complemento autonómico transitorio de entre 816 e 1.080 euros segundo o corpo (auxilios, tramitadores ou xestores) en dúas anualidades (2019 e 2020). O Goberno galego asegura que esta suba situaría o funcionariado galego "por riba da media" do conxunto de autonomías. O comité de folga acusa a Administracion de "manipular táboas e nóminas" e insiste nun aumento lineal de 225 euros ao mes que se aplique en tres anualidades desde deste mesmo ano e para todos os corpos.
A Xunta insiste en que o incremento do complemento autonómico que piden os sindicatos é "inasumible"
"Discriminación" no desconto das baixas
Respecto da "discriminación" no caso de descontos por baixas, a Xunta trasladou ao comité que se implementaría "o acordo máis favorable que se aplique a nivel estatal". Pola contra, os representantes dos traballadores acusan a Barreiro de advertirlles de que o devandito pacto non tería por que ser aplicable de igual xeito para xuíces, fiscais ou letrados. A Administración repite que se aplicarían as condicións "máis vantaxosas" que se acordasen en Madrid, tanto para os traballadores de Xustiza como para "o resto de empregados públicos galegos".
Desde o comité de folga responden que esa nova normativa aplicable a todo o persoal da Xunta non ten sentido porque os traballadores de Xustiza están explicitamente excluídos da Lei de Función Pública.
Amortizacións, consolidación de reforzos e substitucións
Os pequenos avances nestes puntos tamén "retrocederon", segundo contan os sindicatos, que acusan a Xunta de querer deixar a negociación das amortizacións e a consolidación de reforzos para a Mesa Sectorial. No caso do cobro do 100% das substitucións no caso de que realice o labor de a quen se substitúa, a Administración propuxo na última reunión aplicalo desde o día 1 do mes no que se asine o acordo, co que tería rachado co compromiso de que se cobrase a efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2018.
En canto ás prazas a consolidar, o acordo está preto, pero o comité de folga acusa os representantes da Xunta de aparecer a última hora cunha serie de prazas que non coinciden co acordado. "A sensación é que demos un paso atrás", din sobre a negociación, tras advertir de que a Administración "non dá concretado nada" neste devandito punto.
Mentres, o seguimento da folga mantense en cifras semellantes ás de toda a protesta, tanto nos datos que dá a Xunta, que o rebaixa a menos do 40% (37,3% este luns) e non ten en conta os servizos mínimos, como nos que achegan os sindicatos, que o sitúan entre o 80 e o 90%. Ademais, os grupos da oposición piden a Rueda que compareza no Parlamento e critican a súa postura.
Rueda di que a Xunta non aceptará "vetos" dos sindicatos, aos que pide "seriedade"
"O señor Rueda debe dar a cara e protagonizar as negociacións, facerlles unha oferta aos representantes dos traballadores que permita desbloquear o conflito e chegar a un acordo", asegurou Xaquín Fernández Leiceaga, portavoz do PSdeG. Desde o BNG, a súa voceira, Ana Pontón, asegura que "os cidadáns son reféns da chulería e prepotencia de Rueda".
Rueda, desde A Coruña, asegura que a Xunta "está sentada na mesa de negociación" e que non está disposta a aceptar "vetos" por parte dos sindicatos, aos que pide "seriedade".