A folga volve paralizar a Xustiza en Galicia e Feijóo centra o debate na suba salarial

Concentración de funcionarios de Xustiza en Ourense Dominio Público @alternativasxus

Segunda xornada da folga indefinida na Xustiza e de novo un masivo apoio dos traballadores que provocou a paralización de centos de xuízos en Galicia, así como de milleiros de procedementos. Cunha media de seguimento do 90%, segundo os datos dos sidicatos, a protesta volveu ser secundada moi maioritariamente en todas as localidades, situándose Pontevedra e Vigo no 95%, ao igual que Ourense, mentres que tanto en Ferrol como na Coruña superouse o 80% e en Lugo alcanzouse case o 88%. 

O éxito da folga este xoves volveu paralizar centos de xuízos e milleiros de procedementos en toda Galicia

A Xunta, pola súa banda, rebaixou o seguimento do paro a pouco máis do 42%, nun dato semellante ao da primeira xornada do mércores, asegurando que os servizos mínimos se cumpriran sen problema ningún e recoñecendo que máis de 1.100 empregados participaran no paro, alén dos que tiveran que cubrir eses servizos mínimos e dos que estivesen de baixa. 

Ademais da folga, os traballadores da Administración da Xustiza en Galicia protagonizaron tamén accións de protesta como as levadas a cabo en Pontevedra ou na Coruña, onde a concentración de funcionarios provocou enormes ringleiras nas oficinas do Rexistro Civil, unha acción levada a cabo por consideraren abusivos os servizos mínimos que nesas seccións impuxo a Xunta. Tamén houbo concentracións, como na sede da Audiencia Provincial coruñesa ou as levadas a cabo en Vigo ou Lalín, así como noutras localidades. 

Malia o novo éxito da folga e as variadas reivindicacións dos funcionarios pola "discriminación" que sofren respecto dos seus compañeiros noutras comunidades ou non dependentes da Administración galega, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveuse centrar na petición de incremento salarial e insistiu nas crítica ás reivindicacións dos traballadores. Asegurou tras o Consello da Xunta que a oferta do Goberno galego segue "sobre a mesa" e acusou os sindicatos de ter sido eles os que se levantaron da negociación. 

“Comprendo que á xente lle guste cobrar como o que máis”, di Feijóo sobre as reivindicacións dos traballadores

Así, Feijóo volveu advertir de que a suba salarial que piden os funcionarios, que sitúa "entre un 12% e un 16%", uns 3.000 euros ao ano, é "inasumible" e engadiu que a oferta da Xunta xa os situaría entre os máis pagados de entre os seus compañeiros doutras comunidades autónomas e por riba da media. “Comprendo que á xente lle guste cobrar como o que máis”, chegou a dicir sinalando os funcionarios. 

Segundo a táboa que ensinou aos medios, a oferta da Xunta a través do complemento autonómico transitorio é unha suba de 75 euros ao mes (900 euros ao ano) para os xestores; 62 (744) para os tramitadores; e 55 (660) para os auxilios. E sería aplicable a partir do 1 de xaneiro de 2019 e en tres anualidades. Os sindicatos, pola contra, retrucan en que o incremento debería ser xa este ano e que a súa aplicación en tres anos implica que non cobrarían o total comprometido até 2021

Feijóo insiste en que a aplicación neste 2018 do incremento suporía ir en contra da Lei de Orzamentos Xerais do Estado, que é imposible levalo a cabo e que os sindicatos xa foran advertidos. 

“Se os datos non son certos, que mos remitan, que me remitan os datos para comprobar que todas estas comunidades non cobrarían menos”, retou Feijóo aos sindicatos, logo de aclarar que lle gustaría que a folga "durase pouco tempo" porque non creo que esteamos en disposición de "negarlle á xente un dereito fundamental". "Seguimos sentados, non abandonamos a mesa de negociación", rematou o presidente da Xunta, que asegurou que "máis da metade da xente acode ao traballo", obviando tamén os que o fan polo cumprimento dos servizos mínimos e os que están de baixa. 

Concentración de funcionarios de Xustiza en Vigo Dominio Público @alternativasxus

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.