A forza cidadá logra que Galicia endureza as multas por maltrato animal

Cartel da asociación Libera contra o maltrato animal © Libera

"Un país, unha civilización, pódese xulgar pola forma na que trata os seus animais", disque dixo Mahatma Gandhi. En Galicia, a Lei 1/93 de Protección dos Animais segue a ser unha das normativas máis antigas e morna do Estado nese ámbito. Mentres a maioría das comunidades autónomas e países da contorna foron actualizando a lexislación para endurecer as sancións a quen lles provoca dano e sufrimento, a norma galega sitúa aínda, por exemplo, nuns ridículos 30 euros a multa por maltratar ou deixar morrer un can. Axiña deixará de ser así. O Parlamento decidiu este martes reformar a lexislación para a protección de animais domésticos e salvaxes en cautividade logo do apoio do 98% dos seus deputados á iniciativa presentada por AGE. Un proxecto que chegou á Cámara co apoio cidadán de 118.000 sinaturas recollidas a través da Rede (agora xa se superan as 122.000) e tras unha intensa campaña da asociación animalista Libera, que é a terceira vez que consegue que o poder lexislativo dea pasos na protección animal en Galicia a través do pulo da cidadanía.

Todos os deputados, agás Carmen Iglesias, do grupo Mixto, apoiaron a iniciativa de AGE para endurecer as multas por maltrato animal

Foi un apoio case unánime ao proxecto lexislativo presentado por AGE, xa que tanto PP como PSdeG e BNG votaron a favor de tramitar esta lei e da que só se desmarcou Carmen Iglesias, do grupo Mixto, que decidiu absterse por non aludir ás corridas de touros ou esquecer a protección integral. E iso malia que a iniciativa, tal e como explicaron os seus impulsores, estaba limitada a un ámbito normativo concreto e separado doutras intensas campañas que Libera e outros colectivos animalistas levan a cabo contra as touradas ou a protección dos animais.

O texto iniciará agora a súa fase de tramitación parlamentaria e, de non haber cambios, as sancións por infraccións leves por maltrato, que na actualidade van dos 30 aos 300 euros, incrementaranse a entre 100 e 500 euros. Oscilarán tamén entre esas cantidades as multas por falta de vacinación, pola non recollida de excrementos ou pola falta de óptimas condicións hixiénico-sanitarias nos animais. En canto ás infraccións graves, como a morte dun animal ou importante maltrato, as sancións irán dos 5.001 euros aos 30.000 cando, até o de agora, a máxima cifra a pagar quedaba nos 15.000 euros.

A sanción mínima pasará de 30 a 100 euros e a máxima de 15.000 a 30.000

"Estamos moi satisfeitos; que o Parlamento aprobe co 98% dos deputados a toma en consideracións desta iniciativa abrea porta a pensar que a sensibilidade e o respecto cara aos animais non é só dun ou duns grupos parlamentarios senón que corresponde á totalidade da Cámara", coordinador da asociación Libera en Galicia, que lamenta a "nota discordante" que supuxo a postura da representante do grupo Mixto e que ve difícil de entender.

Pérez, ademais, insiste en que o éxito chega tras unha "iniciativa cidadá" coa que tamén se pretende "abrir un camiño para unha reforma futura máis profunda" e que chegará, si ou si, a Galicia en canto á normativa se teña que adaptar aos cambios que no ámbito da protección animal se van dar proximamente na UE. "É unha vitoria da cidadanía, dos colectivos animalistas e do propio Parlamento, que recoñece 21 anos despois que hai que cambiar a lei e incidir nas políticas públicas de benestar animal para que se reduzan os casos de maltrato que, nos últimos tempos, son moi habituais", asegura.

"É unha vitoria da cidadanía, dos colectivos animalistas e do propio Parlamento", di Rubén Pérez, coordinador de Libera-Galicia

De feito, e segundo datos de Libera, no pasado ano 2013 abandonáronse en Galicia uns 13.000 animais e, nos últimos cinco anos, os casos de maltrato a estes seres vivos multiplicáronse por doce, ao incrementarse os casos investigados polo Seprona nun 1.190% desde 2008. Rubén Pérez destaca, ademais, a importancia que nas campañas e na sensibilización social teñen recollidas de sinaturas como as que facilita a plataforma Change.org. Así, lembra que a través de iniciativas como esta última, Libera e outros colectivos animalistas conseguiron tamén que o Parlamento galego traballe xa no veto á asistencia ás touradas para os menores de 12 anos ou nunha proposición de lei contra as pexas nos cabalos dos montes galegos.

Rubén Pérez, no rexistro do Parlamento, xunto cos deputados de AGE © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.