A 'Frota da Liberdade' busca por terceira vez romper o bloqueo de Gaza

O 'Estelle', hai unhas semanas en Malmö © Rumbo a Gaza

A Frota da Liberdade volve navegar. É a terceira vez que os grupos activistas e en solidariedade con Palestina tentan rachar o bloqueo ao que a somete Israel e desta vez a estratexia é outra. Non son un grupo numeroso de embarcacións tentando chegar ao porto de Gaza de forma case clandestina para evitar os controis do exército e os servizos segredos israelís, senón un único barco, o fermoso veleiro Estelle, que hai un mes partiu de Suecia. O Es​telle chegará este domingo a Euskadi despois de pasar por Noruega, Francia e outros países, e despois duns días de actividades no País Vasco, partirá de novo.

Cando este domingo o Estelle chegue a Donostia, será recibido polo alcalde da cidade e polo deputado xeral de Guipúscoa, ambos os dous de Bildu, e mais polo embaixador de Palestina

O obxectivo é fundamentalmente informativo: concienciar á sociedade sobre a situación do pobo palestino e das dificultades que atopa para algo tan sixelo como recibir axuda humanitaria. No barco viaxan unhas 16 persoas, e en cada escala irán subindo e baixando novos activistas. En cada un dos portos nos que recalan realízanse actividades e encontros con colectivos sociais e políticos. Por exemplo, cando este domingo o Estelle chegue a Donostia, será recibido polo alcalde da cidade e polo deputado xeral de Guipúscoa, ambos os dous de Bildu, e mais polo embaixador de Palestina. Haberá pasarrúas, concertos e tanto en Donostia coma en Bermeo, onde o barco chegará o martes, haberá xornadas de portas abertas para quen queira visitar o barco. O Estelle volverá á mar o 30 de agosto, en dirección a Alacante, onde chegará o 11 de setembro. 

Este xoves celebrouse en Madrid, no Ateneo, un acto de apoio á Frota da Liberdade, que contou coa participación de Musa Amer Odeh, embaixador de Palestina en España, Manuel Espinar, coordinador do proxecto Rumbo a Gaza ou Zohar Chamberlain Regev, cidadá israelí e activista de Rumbo a Gaza, e no que se presentou o libro Poemas por Palestina.

Alba Rico salienta o poder simbólico da acción do Estelle

Santiago Alba Rico publicou un texto, Insistir en Gaza, que se leu no acto e no que di que "o fermoso veleiro Estelle constitúe -como diría Thoureau fronte á escravitude- unha maioría de un. Maioría porque, con independencia do seu número, ten razón". No texto, Alba Rico salienta o poder simbólico da acción do Estelle: "a idea de saír de Suecia e deterse en diferentes portos de tres mares distintos opera, en efecto, unha especie de liberación territorial subrogada. O ano pasado Israel bloqueou as costas de Europa. Gaza está en cada porto onde atraque o Estelle; cada porto é Gaza. Por tanto, aínda antes de chegar ao seu destino en Palestina, o veleiro parido pola Humanidade levantaría moitas veces o bloqueo, devolvendo ás nacións europeas a soberanía que os seus gobernos non souberon defender o ano pasado en Grecia".

Alba Rico tamén destaca que "as revoltas árabes obrigaron a EE.UU. e as potencias europeas, compracentes coas ditaduras derrocadas, a intervir en nome da democracia e os dereitos humanos. Pero este discurso hipócrita non fai senón subliñar a excepcionalidade de Palestina ou, mellor dito, a excepcionalidade da ditadura israelí".

 

Arca de Gaza

Neste ano 2012 tamén está en marcha outra iniciativa que procura rachar o bloqueo israelí. Arca de Gaza construirá un barco en Gaza, usando recursos existentes na Franxa. Un equipo de activistas internacionais e palestinos navegarán desde o porto levando produtos palestinos para levar a cabo acordos de comercio con compradores internacionais. A Arca de Gaza tamén proporcionará adestramento aos mariñeiros de Gaza no uso de equipamentos electrónicos de navegación de última xeración e de medios técnicos que lles foron denegados durante anos a causa do bloqueo.

 

A terceira 'Flotilla'

Despois de que a primeira flotilla con axuda humanitaria para Gaza fose interceptada polo exército israelí, nun violento ataque no que morreron nove activistas, unha segunda frota, máis numerosa, volveu tentalo o pasado ano. Os barcos que participaban na acción tiñan previsto atoparse en augas internacionais durante o mes de agosto de 2011, pero Grecia prohibiu a saída, presionada por Israel e a UE. Despois de varios intentos de saída, vendo a imposibilidade, realizáronse distintas accións en Atenas. Unha destas accións tivo lugar na embaixada española, na que se pecharon varios activistas. Só un barco conseguiu saír dirección a Gaza e foi interceptado por comandos israelís.

O 'Estelle', hai unhas semanas en Malmö © Rumbo a Gaza
Outra imaxe do 'Estelle' © Rumbo a Gaza
Este xoves celebrouse no Ateneo de Madrid un acto de apoio á 'Frota da Liberdade' © Rumbo a Gaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.