A 'Frota da Liberdade' deixa este mércores Barcelona en dirección a Gaza

Manu Chao visitando o banco © Rumbo a Gaza

Suecia, Noruega, Francia, despois Donostia, Bermeo, Porto, Santa Pola, Alacante e Barcelona. O veleiro Estelle leva cinco meses de travesía e aínda pasará por Córcega, La Spezia e Nápoles antes de dirixirse cara a Gaza co obxectivo de rachar o bloqueo imposto á poboación palestina polo exército israelí. Desta vez a Flotilla da Liberdade non é un grupo numeroso de embarcacións tentando evitar os controis do exército e os servizos segredos israelís, senón un único barco cun obxectivo fundamentalmente informativo: concienciar á sociedade sobre a situación do pobo palestino e das dificultades que atopa para algo tan sixelo como recibir axuda humanitaria. O barco ademais transporta unhas 40 toneladas de cemento e diversas donacións de material escolar e de ocio para nenos e nenas.

Este mércores parte do porto catalán despois de tres dias de actividades dende o pasado domingo, encabezadas por un concerto de Feliu Ventura, Che Sudaka ou La Troba Kung-Fú no no que participou de forma inesperada Manu Chao. Os activistas tamén mantiveron encontros con representantes da Generalitat e de varias formacións politicas coma EUiA, ICV e ERC, por exemplo o deputado Joan Tardá e Joan Josep Nuet, secretario xeral dos comunistas cataláns. Todos os actos contaron ademais coa colaboración do concello de Sant Adrià del Besòs e as visitas al barco foron continuas durante o luns e martes, facéndose pases guiados para subir ao Estelle e coñecer de cerca a nova campaña.

 

Arca de Gaza

Neste ano 2012 tamén está en marcha outra iniciativa que procura rachar o bloqueo israelí. Arca de Gaza construirá un barco en Gaza, usando recursos existentes na Franxa. Un equipo de activistas internacionais e palestinos navegarán desde o porto levando produtos palestinos para levar a cabo acordos de comercio con compradores internacionais. A Arca de Gaza tamén proporcionará adestramento aos mariñeiros de Gaza no uso de equipamentos electrónicos de navegación de última xeración e de medios técnicos que lles foron denegados durante anos a causa do bloqueo.

 

A terceira 'Flotilla'

Despois de que a primeira flotilla con axuda humanitaria para Gaza fose interceptada polo exército israelí, nun violento ataque no que morreron nove activistas, unha segunda frota, máis numerosa, volveu tentalo o pasado ano. Os barcos que participaban na acción tiñan previsto atoparse en augas internacionais durante o mes de agosto de 2011, pero Grecia prohibiu a saída, presionada por Israel e a UE. Despois de varios intentos de saída, vendo a imposibilidade, realizáronse distintas accións en Atenas. Unha destas accións tivo lugar na embaixada española, na que se pecharon varios activistas. Só un barco conseguiu saír dirección a Gaza e foi interceptado por comandos israelís.

Manu Chao visitando o banco © Rumbo a Gaza
Concerto de apoio á flotilla © Rumbo a Gaza
Chegada do barco ao porto de Barcelona o pasado domingo © Rumbo a Gaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.