En todo o 2017 Galicia recibiu 18.000 inmigrantes, fronte a 11.000 persoas que emigraron fóra de España. Venezuela, Brasil e Colombia, orixe das persoas que chegan
Galicia volve ser un país netamente de acollida. No segundo semestre do pasado ano 10.403 persoas chegaron dende o estranxeiro, fronte ás 5.200 que marcharon a outros países. En conxunto, en todo o 2017 Galicia recibiu 18.000 inmigrantes, fronte a 11.000 persoas que emigraron fóra de España. A cifra achégase moito ás algo máis de 19.000 inmigrantes de chegaran no ano 2008, xusto antes do iniciio da crise económica. Nos anos seguintes, este fluxo sufriu un gran recorte, reducíndose ata as 8 mil ou 9 mil persoas nos anos 2012 e 2013. O número de inmigrantes que chegan á nosa comunidade vén incrementándose notablemente dende o 2015 e prácticamente se duplicou nos últimos dous anos. Das 10.403 persoas chegadas no último semestre de 2017, case tres mil viñeron de Venezuela, o país de orixe máis frecuente, seguido a gran distancia por Brasil e Colombia.
De igual xeito, o saldo migratorio de Galicia co resto do Estado foi positivo no segundo semestre de 2017 por primeira vez nos últimos cinco anos. Algo máis de 7 mil persoas trasladaron a súa residencia a outras comunidades, principalmente a Madrid, Cataluña e Andalucía.
O saldo migratorio co resto do Estado é negativo se só temos en conta os e as menores de 35 anos
En cambio, o saldo é negativo se só temos en conta os e as menores de 35 anos. Durante o 2017 a diferenza entre os mozos e mozas que marcharon a outras comunidades e os mozos e mozas que chegaron (ou regresaron) a Galicia superou as mil persoas. Este saldo negativo mantense inalterable nos últimos sete anos, nos que a diferenza entre os mozos e mozas que chegan e que marchan é de -8.419.
A desagregación por idades non muda o apuntado sobre a as migracións externas: no segundo semestre de 2017 case seis mil mozos e mozas de menos de 35 anos chegaron a Galicia dende outros países, e pouco máis de dous mil marcharon fóra de España.