A investigación ao director do Parque das Illas Atlánticas súmase a unha década de actuacións cuestionadas

Obras de canalización dun rego, no que supostamente se empregaron pedras do antigo mosteiro medieval e salgadoiro © Verdegaia

O pasado mes de marzo coñecíase que o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil abrira unha investigación por un presunto delito urbanístico nas Illas Cíes, tras detectar a realización de obras presuntamente ilegais nunha vivenda do arquipélago, que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas. A actuación incumpriría a Lei de Parques Nacionais, que prohibe que nestes espazos exista "solo susceptible de transformación urbanística nin solo urbanizado" e só permite excepcionalmente "actuacións puntuais singulares para a activación económica sostible", unha situación que non se daría neste caso. A investigación do Seprona dirixiríase, entre outras persoas, contra José Antonio Fernández-Bouzas, director do Parque, por un presunto delito de prevaricación e outro contra o ordenación do territorio, pois supostamente tería coñecemento destas obras ilegais.

Os representantes ecoloxistas subliñan que as referidas condutas "non nos sorprenden en absoluto dada a súa traxectoria dende que foi nomeado na década pasada Director-Conservador do Parque Nacional"

Coñecida a investigación do Seprona, a representación ecoloxista no Padroado do Parque Nacional Marítimo-Terrestre Illas Atlánticas condenou publicamente "as presuntas condutas ilegais" de Fernández-Bouzas, sinalando que "de ser certo" estariamos "ante uns feitos de extrema gravidade que de pasaren en calquera outro país avanzado terían obrigatoriamente que implicar o cese inmediato do Director-Conservador do espazo protexido". Os representantes ecoloxistas subliñan que as referidas condutas "non nos sorprenden en absoluto dada a súa traxectoria dende que foi nomeado na década pasada Director-Conservador do Parque Nacional".

José Antonio Fernández Bouzas foi nomeado director do Parque Nacional das Illas Atlánticas no ano 2005 e dende o inicio a súa xestión foi moi cuestionada polos grupos ecoloxistas, que lle botaban en cara en primeiro lugar a non aprobación do Plano Reitor de Uso e Xestión do espazo protexido, que debería ter sido aprobado xa no verán de 2003, e que polo tanto acumula 15 anos de atraso. Tamén foi moi criticada a vulnerabilidade dalgunhas especies ameazadas e varias actuacións urbanísticas irregulares, que foron denunciadas por vía administrativa e xudicial.

Unha delas foi o proxecto de construción dunha pasarela polo medio do cordón dunar de Punta Muxieiro, que foi denunciado no xulgado de instrución número 1 de Vigo e ante diferentes administracións e posteriormente paralizado polo Seprona no ano 2009. Verdegaia solicitara a paralización das obras (nas que se empregara maquinaria pesada), que se avaliasen correctamente os impactos ambientais e alternativas do proxecto construtivo en execución, incluíndo a pertinente participación social e científica, e que se substituíse o acceso ao interior da illa a través das dunas por unha pasarela pola praia de Rodas para preservar ese valioso ecosistema dunar.

A denuncia advertía dun presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente e dun delito relativo á protección da fauna e da flora e lembraba que na zona existían dous hábitats de interese comunitario (Dunas blancas e Dunas grises), a única poboación galega de herba namoreira das dunas (Armeria pungens), amais dunha especie catalogada como “en perigo de extinción” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas: o escáncer de patas ibérico (Chalcides bedriagai).

Nos últimos anos Verdegaia alertou de varias actuacións urbanísticas irregulares, que foron denunciadas por vía administrativa e xudicial

Verdegaia tamén alertou no seu momento sobre as presuntas actuacións ilegais levadas a cabo en 2010 na illa Sur, nas que se empregaron pedras do antigo mosteiro medieval e salgadoiro para canalizar un rego carecendo de autorización do Parque Nacional, da Consellaría de Medio Ambiente, e realizándose sen licenza municipal.

A entidade denunciou as obras de canalización dun rego nas que se empregaron pedras do antigo mosteiro medieval e salgadoiro para canalizar un rego

A entidade ecoloxista denunciou igualmente en 2011 a construción a cargo do propio Parque Nacional dunha nave de 325 metros cadrados co obxectivo de facer de garaxe de vehículos e gardar xeradores. Estas obras, sinalaba Verdegaia, estaban situadas en solo rústico de protección de costas, solo rústico de protección de espazos naturais e nun espazo con xacementos arqueolóxicos singulares, e non contaron con licenza municipal nin coas autorizacións autonómicas preceptivas. A entidade sinalaba igualmente que antes do inicio das obras (nas que se volveu empregar maquinaria pesada) non houbera procesos de participación pública e de avaliación de alternativas rigurosos e axeitados á lexislación vixente.

Obras de construción dunha pasarela nun espazo dunar nas Cíes © Verdegaia
Obras de canalización dun rego na praia Sur das Cíes © Verdegaia
Restos dun antigo salgadoiro nas IllasCíes © Verdegaia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.