'A liña do galego' é o servizo d'A Mesa pola Normalización Lingüística que dende o ano 2007 permite achegar e espallar queixas ou parabéns a respecto do uso da lingua en diversos eidos, co obxectivo de facer ver a necesidade de exercer "os dereitos lingüísticos". Esta iniciativa, ata agora baseada en comunicacións telefónicas e por correo electrónico, estará accesible de agora en diante nunha aplicación móbil, que a asociación vén de presentar.
Desenvolvida por Imaxin Software e dispoñible para dispositivos cos sistemas operativos Android e iOS, a aplicación permite "o envío de queixas e parabéns" cubrindo un formulario e anexando nel "unha fotografía, arquivo ou documento". A Mesa resalta que, como ata agora, "non admite denuncias anónimas", se ben "garante a confidencialidade e anonimato de todos os datos".
O obxectivo da aplicación, resalta o colectivo, é "proporcionar unha nova forma de comunicación" e unha "ferramenta" para quen "fan a elección de vivir en galego, queren atopar o galego en calquera lugar" e "sosteñen o desexo de vivir en galego". Estas persoas, din, poden agora a través dos dispositivos móbiles "amosar as dificultades para avanzar" no uso da lingua, pero tamén "arroupar a quen co seu esforzo e sen ningún tipo de colaboración da Administración fai que o galego exista".
A aplicación está dispoñible para Android e iOS, e permite "enviar queixas e parabéns" sobre o uso do galego en todos os eidos
Este aplicativo, di o presidente d'A Mesa, Marcos Maceira, é un resultado máis do "esforzo" dos "case 5.000 socios e socias" da entidade, que "manteñen vivo o proxecto de activismo a favor da lingua galega, tamén coas principais achegas económicas que permiten a existencia de iniciativas tan importantes como A liña do galego". Asemade, di, existen unhas poucas "entidades públicas" que son "as únicas que, en maior ou menor medida, colaboran co noso traballo", tales como os concellos de Allariz, Arzúa, A Capela, Manzaneda, A Pobra do Brollón, Poio, Pontecesures, Rianxo, San Sadurniño, Teo e Pontevedra.
"Ferramentas como a liña do galego son imprescindíbeis para visibilizar a situación real" do idioma, afirma Maceira, quen destaca que este servizo xa "tramitou case 200 expedientes, maioritariamente de queixa por vulneración de dereitos lingüísticos, coas que elaborou o informe da Liña do Galego que xa foi presentado a organismos internacionais como o Consello de Dereitos da ONU, o Consello de Europa ou o Parlamento Europeo". No que vai de ano, salienta, "xa se igualou a cantidade de expedientes de todo o 2015".