O goberno local da Coruña obtivo hai tan só uns días unha autorización xudicial para poder botar das súas vivendas seis veciños e derrubar as casas nas vindeiras semanas. Son os domicilios de varios cidadáns cuxos terreos deben ser destinados aos equipamentos públicos para os futuros habitantes do parque Ofimático, unha urbanización que se acaba de comezar a construír na entrada da Coruña. Neste mes de novembro, a administración local conta con desafiuzar a Isabel, o seu fillo Álvaro e os dous fillos deste en San Vicente de Elviña e privalos así do lugar no que viviron toda a vida. Este luns, Stop Desafiuzamentos acompañou a veciñanza afectada por esta polémica decisión nunha protesta na que unhas corenta persoas cortaron o tráfico na entrada á universidade.
O Concello conta con desafiuzar unha familia da súa casa nas vindeiras semanas
Baixo o lema, Elviña non se vende, Elviña se defende, os alí concentrados volveron opoñerse a estes desaloxos provocados por unhas obras "desmedidas, innecesarias e totalmente inxustificadas que non só ameazan o lugar de residencia destas familias, senón tamén o seu medio de subsistencia", tal e como relata Stop Desafiuzamentos.
O obxectivo de Álvaro e a súa nai de 72 anos é quedar onde están, tras denunciar a expropiación "forzosa" que, segundo levan tempo advertindo varios veciños da zona de Elviña, obrigounos a cambiar a súa propiedade por outra con cargas e que non inclúe vivenda. Unha expulsión obrigada para unha urbanización de máis de 1.000 vivendas promovida pola Xunta e que leva vinte anos con atrancos, cambios e numerosas denuncias xudiciais.
Stop Desafiuzamentos cortou este luns o tráfico en protesta por uns desaloxos debidos a unhas obras "desmedidas e innecesarias"
O caso é que nin esta familia afectada inminentemente nin o resto dos veciños afectados viron aínda un peso da indemnización da Xunta. Uns 200.000 no caso Álvaro e Isabel pola casa e a horta onde viven. Os cartos foron retidos polo Concello para cubrir os gastos de urbanización do Ofimático e o terreo que lles outorgaron en compensación preto da nova urbanización de pouco lles serve porque din que nin teñen capacidade económica para construír nada nin promotor que llelo compre. A situación económica dos expropiados, a maioría xubilados con escasas pensións, será empregada polos seus avogados nas batallas xudiciais que emprenderon mentres a administración local procura que marchen a un piso de aluguer social.
As familias afectadas polos desaloxos non foron indemnizados e nos terreos que lles outorgaron nin teñen cartos para construír nin hai quen llelos compre
Stop Desafiuzamentos lembra que, por exemplo no caso de Álvaro, nos terreos que se van expropiar ubícase tamén o taller no que el traballa xunto aos seus dous fillos. Mentres, denuncia, "o Concello malgasta cartos públicos en obras de dubidoso retorno social e aproveitamento comunitario como o túnel da Mariña. o parque Ofimático, o porto exterior e un longo listado de infraestruturas innecesarias".
Ademais, Stop Desafiuzamentos repasa o que considera "abusos e absurdos" nos que "incorre o goberno local na súa ilóxica urbanística". Segundo o colectivo, o plan do parque Ofimático segue sen estar pechado "máis de vinte anos despois de que se proxectara" e lembran que segundo as pevisións, a vivenda de Álvaro e Isabel debe ser derrubada para construír unha ponte "que quedaría truncada a oito metros de altura, suspendida no aire" porque "aínda non está previsto onde rematará".
Do mesmo xeito, denuncian que "ningún goberno local" debateu coa veciñanza para acordar un modelo de cidade que conciliase os intereses de todas as partes. "Só houbo simulacros de consenso sen contido real", lembran, tras acusar o executivo local do PP de "non tratar nunca o problema de forma colectiva", senón "con reunións particulares".
O Concello prevé derrubar a casa antes de que se resolva o recurso presentado pola familia ante o TSXG
"A orde de desaloxo que pesa sobre a vivenda de Álvaro e Isabel, a executar nun prazo aberto ata finais de novembro, está condicionada pola interposición posterior dun recurso ante o TSXG", lembran no colectivo, que denuncia que o Concello non queira "agardar pola resolución do recurso" e que se pregunta "como se reparará o dano feito se o xuíz establece que a intervención é ilegal". Stop Desafiuzamentos recorda tamén que a casa que se vai destruír está na outra marxe da avenida e que as zonas de Elviña-Galán e San Vicente de Elviña, onde se proxecta o Ofimático, "teñen fontes naturais e un patrimonio histórico que non debería ser arrasado" por un plan que xa custou máis de 7 millóns de euros e que podería chegar a supor 36 millóns.
Ante a situación, o colectivo volverase manifestar o vindeiro xoves 20 de novembro ás 20 horas ante a casa de Isabel e Álvaro para amosar o seu "rexeitamento ante a política corrupta do goberno local do PP e, ao mesmo tempo, manifestar a nosa solidariedade e apoio á veciñanza de Elviña, que vive coa constante ameaza de desaloxo".