A loita do cerco intensifícase en Galicia

Protesta de mariñeiros do cerco en Vigo CC-BY-SA Gzvideos.info

O cerco galego está en loita. Os mariñeiros trasladaron as duras manifestacións do pasado xoves en Vigo á Coruña este venres, onde cortaron momentaneamente a ponte Pasaxe -un dos poucos accesos á cidade-, sufriron algunha carga policial e trasladaron a súa marcha ao centro da cidade, fronte ao peirao e a lonxa coruñesa primeiro e ante a Delegación do Goberno despois. Foi unha mañá intensa pola protesta dun milleiro de traballadores do mar que exixen xa a dimisión do ministro Arias Cañete e a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana. Volveron protestar polo que consideran inxusto reparto das cotas da xarda e do xurel e que os deixa "vendidos" e en clara situación de desigualdade ante tripulacións como as do País Vasco.

Os mariñeiros do cerco trasladaron as súas protestas de Vigo á Coruña e piden a dimisión de Cañete e Quintana

Os altercados deste venres na Coruña reproduciron en parte os de Vigo, onde houbo un detido e varios feridos, tamén policías, nuns duros enfrontamentos protagonizados por mariñeiros e patróns que din representar ás 15.000 familias que "viven do cerco" en Galicia e que claman por un "trato igualitario". Os manifestantes insisten en denunciar que o reparto de cotas se basee agora en "históricos falsos" e non no número de tripulantes e lembran que mentres en Euskadi hai 51 barcos do cerco, en Galicia hai 155 (1.500 mariñeiros e 5.000 empregos indirectos). Non obstante, o País Vasco leva o 70% das capturas fronte ao 30% de Galicia. O Goberno central defende este novo sistema no que os galegos volven sentirse desprezados.

En Galicia  hai 155 barcos do cerco, fronte aos 51 do País Vasco, que leva o 70% das capturas

Os mariñeiros insisten en poñer exemplos para amosar o que consideran inxusto. "9.000 quilos ao ano por un euro ao quilo dá a 9.000 euros; iso para vivir todo un ano?", queixábase un deles. Outro aseguraba que agora lle correspondía unha cota de 2.500 quilos de xarda anual cando lle corresponderían 6.000 ao día. As diferenzas, en tripulación e capturas, de cada embarcación non son tidas en conta por un sistema que volve obviar as especificidades galegas. Por iso, reivindican que se aplique o criterio do número de tripulantes por embarcación, de forma lineal.

"Non somos delincuentes, queremos traballar", reivindican os mariñeiros, que censuran que a Administración lles pida crear traballo e renovar a frota mentres non poden saír a pescar polas exixencias que impón o propio Goberno. Ao tempo, denuncian que os "políticos en Galicia" recoméndanlles que estiren a cota á marxe da normativa, para logor sufrir "inspeccións estritas todos os días no porto".

Protesta de mariñeiros do cerco en Vigo CC-BY-SA Gzvideos.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.