O Executivo central tería chegado a un acordo coa maioría das empresas de recollida do leite, así como coas principais distribuidoras, para garantir un prezo mínimo polo produto que se lle paga aos gandeiros. Iso foi o que a delegada do Goberno en Lugo, Raquel Arias, lles transmitiu aos gandeiros que permanecían este venres na capital provincial cos seus tractores na reclamación de solucións eficientes para a crise que pon en grave risco as arredor de 12.000 explotacións galegas. Pero non hai ningunha noticia oficial nin ningún resultado efectivo. Os sindicatos agrarios deron por finalizada a protesta o xoves, pero varios mantiveron os seus tractores naquela noite e algúns menos (sobre un cento) seguen arestora mentres se lle unen algúns reforzos.
A delegada do Goberno en Lugo transmite aos gandeiros a inminencia dun acordo do Executivo con empresas e distribuidoras para un prezo mínimo
Segundo fontes do sector consultadas por Praza, foi a propia Raquel Arias a quen asegurou os gandeiros que se reuniron en asemblea en Lugo o acordo que lle viñera de comunicar a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina. Ademais,a conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, desprazouse durante a xornada deste venres á capital lucense para comunicarlles os avances das negociacións. Intentou así deter a tractorada permanente que arrodea a Muralla por parte duns gandeiros que se organizan xa en asemblea e á marxe dos sindicatos. E intenta tamén o Goberno galego evitar a imaxe de 5.000 tractores colapsando Compostela a vindeira semana e a poucos meses dunhas eleccións xerais.
Este colectivo gandeiro dividiuse na asemblea da noite e mentres algúns decidiron abandonar a protesta tras a visita da conselleira, outras avogaron por manterse na Ronda da Muralla e mesmo mobilizar máis compañeiros durante este sábado.
Mentres, o acordo para garantír un prezo mínimo e digno -cando menos por riba dos custos de produción dos gandeiros- para o leite parece máis perto e contaría co apoio da maioría das empresas lácteas e das distribuidoras, pero non é seguro que sexan todas as que o apoien. A decisión non é nin moito menos definitiva, á espera da xuntanza de ministros de agricultura da UE da vindeira semana. De feito, sindicatos como Unións Agrarias acusan a conselleira e a Xunta de "intentar dividir" e de crear "falsos protagonismos" para desactivar a mobilización. "Quen tratou de dividir foron os gandeiros do PP a través da titular de Medio Rural", asegurou na Cadena SER Roberto García, secretario xeral de UUAA, que acusa o goberno de intentar "enfrontar" os produtores.
Tamén o ocoordinador da Organización de Produtores Lácteos e membro da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, Anxo Escariz, acusou a conselleira que, "lonxe de permanecer ao lado dos gandeiros, defendendo o que tan xustamente pedimos e aplaudindo a unión do sector produtor que estamos conseguindo con moito esforzo, busca e case consegue o seu obxectivo: enfrontar os gandeiros"
O que si parece claro é que, sexa como for, a vindeira semana debera acabar con algún tipo de pacto. A Interprofesional Láctea (Inlac), que agrupa todo o sector, produción e transformación, asegurou tamén o seu optimismo de cara a un acordo histórico. Non obstante, os sindicatos lácteos non confían en que se artellen mecanismos para garantir o cumprimento dun acordo e non son optimistas.
Ao tempo, en Lugo mantéñense sobre un cento de gandeiros cos seus tractores mantendo a protesta que o pasado xoves ateigou a cidade, ademais de prepararse para as que na vindeira semana se prevén en Compostela, onde se prevé a chegada de 5.000 vehículos agrícolas e catro días de mobilización. Outro medio milleiro abandonou xa a cidade.
O SLG reafírmase en "continuar coas mobilizacións" ao non anunciar a conselleira "ningunha nova medida"
Ademais, o SLG reafirmouse en "continuar coas mobilizacións até que os gobernos de Galiza, do Estado e da UE lexislen para defender os intereses dos produtores e das produtoras fronte aos abusos e o espolio a que están a ser sometidos e sometidas, impunemente, pola industria e pola distribución". Fano despois de que na xuntanza da conselleira en Lugo cun grupo de gandeiros "non se anunciase ningunha nova medida que contribúa a solucionar a crise".
Así, o SLG, "no seo da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo", porá "todos os seus recursos en dar continuidade á campaña de mobilizacións galega que, tras pasar polas principais comarcas gandeiras do país, recalará en Compostela este luns, 7 de setembro". A maiores, coincidindo coa xuntanza do Consello de Ministros e Ministras de Agricultura da UE, o sindicato tamén participará nas manifestacións que terán lugar en Bruxelas polo mesmo motivo, onde acudirá a nosa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, en calidade de representante do sector lácteo da Coordinadora Europea da Vía Campesina.
As mobilizacións de Compostela comezarán cunha tractorada o 7 de setembro. Ese día, os tractores concentraranse na explanada de Salgueiriños e, a partir das 12, farán un percorrido por toda a cidade. Os actos de protesta continuarán o 8 e 9 de setembro con manifestacións nas áreas comerciais de Fontiñas e As Cancelas, para rematar cunha grande marcha o día 10, dende Salgueiriños até San Caetano.
O Goberno advirte do caos de tráfico en Compostela
Ao tempo, a Subdelegación do Goberno na Coruña advirte da "circulación moi lenta, atascos ou posibles cortes de circulación" que provocará a mobilización gandeira que desde o vindeiro luns 7 e ata o xoves 10 desenvolverá o sector lácteo en Compostela. Nunha nota, o Executivo alerta do "gran número de tractores" que permanecerán varios días na cidade e aconsella "telo en conta á hora de planifiar os desprazamentos á capital galega".
Así, recomenda aos cidadáns que realicen os traxectos "preferiblemente a primeira hora da mañá ou a última hora da tarde" e, de ter que facelo durante outro horario, pide que "utilicen a AP-9 para atravesar a cidade".