Hai un ano a Xunta decretaba o final da actividade de Preescolar na Casa, despois de 35 anos. Retiroulle todas as achegas económicas e rexeitou calquera posibilidade de facerse cargo do servizo, gabado e imitado fóra de Galicia. Acababa deste xeito con 32 postos de traballo e coa atención que recibían máis de 3000 familias en toda Galicia, que chegaran a ser moitas máis. Preescolar na Casa contribuíra a configurar a historia recente deste país en materia de educación, converténdose nun referente pedagóxico cun modelo de intervención pioneiro, orixinal, preventivo, vertebrador do territorio e exemplar en canto á implicación das familias na educación dos fillos e fillas. Porén, a conselleira Beatriz Mato dixo que era "un programa obsoleto" e que "non valía". E no Parlamento a deputada popular Marisol Piñeiro sentenciou que "a Administración pública non pode asumir algo que xa non funciona".
Como vén sendo cada vez máis frecuente nos últimos anos en Galicia, os espazos e servizos que son desbotados polo Goberno, son ocupados de inmediato por novas iniciativas sociais, nacidas dende a base, como hai 36 anos botara a andar Preescolar na casa froito do impulso de Antonio Gandoy. Antigos traballadores de Preescolar crearon o pasado mes de febreiro a Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy, con dous grandes obxectivos, como destaca a súa presidenta, Mª Luisa Rey Otero. O primeiro, evitar que "o patrimonio material e inmaterial de Preescolar na Casa non acabase por aí, no esquecemento. Como non se viu intención por parte da administración ou da universidade de facelo, facémolo nós". E o segundo, continuar emprestando o servizo fundamental de Preescolar na Casa: orientación ás familias para a educación dos seus pequenos e pequenas, unha orientación que realizan desprazándose cada semana a varios concellos das provincias de Lugo e A Coruña.
"Chegamos a ter 60 traballadores circulando todos os días polas estradas e camiños de Galicia, chegando ás aldeas máis remotas, indo cada 15 días alí onde está a xente"
"Eramos capaces de dinamizar moitas familias", destaca Rey Otero. "Chegamos a ter 60 traballadores circulando todos os días polas estradas e camiños de Galicia, chegando ás aldeas máis remotas, indo cada 15 días alí onde está a xente. Sabían que contaban cun foro no que manifestar as súas preocupacións e inquedanzas, non só a nivel educativo. Cando vas con tanta frecuencia a un lugar, cos ollos e as orellas abertas, chegas a moito máis que o meramente educativo, aínda que todo é educativo", explica. "Tiña un compañeiro que dicía 'eu estudei para mestre e vin para Preescolar como mestre, pero son case de todo ademais de mestre: son psicólogo, son pedagogo, son axente de extensión agraria,son auxiliar de clínica...'. Cando chegas ás casas da xente, a xente plantéxache os problemas que está vivindo nese momento, e os problemas que afectan aos adultos, afectan tamén á educación dos nenos".
"Para poder educar con eficacia temos que ter as raíces ben mergulladas na nosa contorna. Se sacamos a xente do contorno a súa formación vai estar máis coxa a todos os niveis"
No documento presentado este mércores pola Mesa Galega de Educación no Rural demándase que non pechen máis centros e unidades na zona rural, e que se aprobe un plan específico de ensino no rural, no marco dunha política integral para frear o despoboamento. A este respecto, a presidenta da asociación lembra que Antonio Gandoy dicía sempre que “a educación ten as raíces na casa de cada quen”. "E é certo, porque para poder educar con eficacia temos que ter as raíces ben mergulladas na nosa contorna. Se sacamos a xente do contorno a súa formación vai estar máis coxa a todos os niveis. Ademais das consecuencias de despoboamento: eu se teño un neno de tres anos e sei que ao ano seguinte vou ter que levalo todos os días ao colexio a vinte quilómetros, por un camiño que me leva unha hora, pois seguramente me mudarei".
"A maneira máis eficaz de rematar co rural é acabar cos servizos educativos da zona", destaca, "os servizos fundamentais teñen que estar onde está a xente. E a xente quere estar no rural. O problema é que os políticos miden isto con baremos economicistas e a educación e a sanidade non se poden medir así". Preescolar na Casa, como destacou o profesor da USC Jorge García Marín nun artigo publicado en Tempos Novos, "fixo unha achega fundamental ao desenvolvemento do tecido sociocomunitario de moitos concellos rurais galegos, partindo da educación de miles de nenos e nenas a través dos seus pais e nais, concibindo a comunidade rural como unha comunidade viva e operante que pode ir resolvendo os seus problemas".
"A xente quere estar no rural. O problema é que os políticos miden isto con baremos economicistas e a educación e a sanidade non se poden medir así"
No documento tamén se fai énfase na importancia da implicación das familias na educación dos nenos e nenas. "Toda a sociedade é responsable da educación dos nosos fillos e fillas e o primeiro seo da educación é a familia. Non se pode desligar a escola da familia, porque familia e escola deben ir á par, teñen que estar mergulladas unha na outra para que sexan eficaces", conclúe.
En crecemento
"Non se pode desligar a escola da familia, porque familia e escola deben ir á par, teñen que estar mergulladas unha na outra para que sexan eficaces"
"A primeira actuación da Asociación foi acudir á poxa dos bens de Preescolar na Casa, sobre todo para facernos coa marca, que tamén saía á venda, para que a marca non quedara por aí, en mans de calquera", explica Rey Otero. "Mercamos tamén os bens materiais de Preescolar na Casa. E unha vez que tivemos a asociación 'chea de cousas' pensamos 'que imos facer con isto'". Despois recuperouse o servizo de orientación ás familias, a través de reunións con elas. "Alí onde hai un voluntario, estamos facendo as reunións coas familias", di.
"Estamos en Lugo, Rábade, Baleira, Aranga, Frades, Mesía e Curtis, e en conversas con varios outros concellos. En todos os concellos presentamos unha proposta económica de colaboración co concello, e polo de agora practicamente todos aceptaron a proposta, ben para iniciar a actividade agora, ou ben para o ano que vén, pois para este xa tiña pechado o orzamento", explica. "Todos somos voluntarios, antigos traballadores de Preescolar na Casa. Non hai persoal contratado neste momento, e mesmo tivemos que poñer dos nosos cartos para ir á poxa. Por iso, as familias teñen que pagar unha pequena cota, duns 45 euros ao trimestre, para os nosos desprazamentos e para o material. Porén, en lugar de ter unha periodicidade quincenal, como tiña Preescolar na Casa, nós imos facela cada semana".
A asociación tamén puxo en marcha un centro de documentación, que pretende recompilar e sistematizar toda a experiencia dos 35 anos de Preescolar na Casa, para poñela ao servizo da comunidade educativa e da sociedade
Rey Otero tamén salienta que a asociación tamén puxo en marcha un centro de documentación, que pretende recompilar e sistematizar toda a experiencia dos 35 anos de Preescolar na Casa, para poñela ao servizo da comunidade educativa e da sociedade. "Fixéronse publicacións, pero houbo moitas cousas que nunca se sacaron á vista da sociedade, que penso que son moi interesantes para a pedagoxía ou a socioloxía. Estamos en conversas coa Universidade de Santiago para que Preescolar se inclúa como material de estudo", conta, e engade que "asinamos un convenio coa Fundación TIC da Deputación de Lugo, que aínda que non vai supor unha achega de cartos para nós, permitiranos rexistrar en vídeo todas as nosas actividades, e ese material serviranos para promocionar todo o que estamos facendo". Tamén puxeron en marcha outras actividades, como O Son que me Arrola, unha proposta musical que ofrece a posibilidade de achegar aos máis pequenos a cultura tradicional galega, da man dos cantos de berce, rimas e a instrumentación.