A marcha polo Pindo ponlle cor a un espazo que exixe "protección real"

A marcha polo Monte Pindo Dominio Público @hugo_guezeta

Preto de cincocentas persoas percorreron este sábado o Monte Pindo, arrasado polas lapas tras o último e dramático incendio, para reclamar "protección real" para o espazo nun roteiro (Do negro ao verde) marcado pola intensa chuvia caída. Non foi impedimento para os dous grupos de persoas que saíron desde dous puntos (a praza da Solaina e Caldebarcos) nunha marcha verde que acabou devolvendo cor a un bosque negro de cinzas.

Os participantes no roteiro reclamaron "protección real" para o Monte Pindo

A leitura dun manifesto por parte do presidente e o secretario da Asociación Monte Pindo, Xilberto Caamaño e Mario Maceiras, puxo fin ao roteiro. Ambos os dous lembraron que o acontecido no Pindo "demostra a desastrosa política de prevención", así como unha política forestal da Xunta que está dirixida "aos grandes intereses das grandes madereiras e pasteiras". "O lume non é só causa do que o prende, senón tamén do desleixo do Goberno", insistiron, tras reclamar a dimisión da responsable de MedioRural, Rosa Quintana, e do Medio Ambiente e Territorio, Agustín Hernández, pola súa responsabilidade no incendio.

"O lume demostra a desastrosa política de prevención e o desleixo da Xunta"

Entre berros de "Monte Pindo, Parque Natural", e tras máis de dúas horas de camiñata, os manifestantes percorreron o bosque reclamando unha vez máis unha declaración que nuncha chegou e que tería axudado a evitar o desastre. Entre os asistentes, o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, entre varios activistas sociais e ecoloxistas.

A marcha polo Monte Pindo Dominio Público @hugo_guezeta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.