A Mesa denuncia a exclusión do galego nas festas da Coruña

A concelleira Ana Fernández na presentación das festas © Concello da Coruña

A Mesa pola Normalización Lingüística da Coruña vén de denunciar que é "misión imposíbel" atopar en galego a programación completa das Festas de María Pita 2012. Segundo aclara a entidade, a ausencia de información na lingua propia non se debe á deficiente distribución ou a que estean esgotados os folletos, senón a que "nin tan sequera se chegaron a editar", tal e como recoñeceu o Consorcio de Turismo da coruña a través do Twitter.

O Consorcio de Turismo recoñeceu en Twitter que nunca se editaron folletos en galego

A Mesa lembra nun comunidado que "o ano pasado, por estas mesmas datas", a concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández, estreaba o seu cargo cunhas polémicas declaracións nas que anunciaba un novo deseño para as festas da cidade, xa que o anterior lle parecía “demasiado gallego”. Así, a entidade en defensa do galego ironiza "dándolle os parabéns por tan rápido éxito". 

"Un ano máis, os veciños da Coruña pagan unhas festas pensadas máis para os de fóra que para os da casa"

A Mesa lamenta nun comunicado "que un ano máis as veciñas e veciños da Coruña paguen unhas festas máis pensadas en querer compracer as persoas de fóra que o público da casa” nas que calquera contido galego e en galego é “no mellor dos casos, arrombado  a unha segunda categoría”. "É unha concepción errada do que é o turismo pois é evidente que os públicos que escollen visitar A Coruña nas festas desexan ver algo máis que touradas, cabalos andaluces bailando flamenco ou os mesmos concertos que xa poden ver nas súas cidades de orixe”, destaca a entidade.

Para A Mesa, o Concello da Coruña actúa “como se non existise turismo dentro do propio país e non houbese persoas que visitan a cidade provenientes doutras vilas e cidades galegas". Ademais, lamenta tamén que toda a presenza da lingua galega nas Festas de María Pita fique reducida aos lemas A cidade que dorme de pé e Trouleando, "no entanto para todo o demais as linguas de referencia en exclusiva son o castelán e o inglés". Para a entidade, o goberno local de Carlos Negreira ten unha “concepción folclórica do galego máis próxima dos últimos anos do franquismo que do actual sistema democrático”. "A lingua propia de Galiza é apta para “troulear”, mais non como vehículo normal de expresión e contacto coa cidadanía, menos aínda se esta vén de fóra", rematan.

A asociación destaca como “sintomático” que na edición da programación festiva en castelán, si amplamente difundida, se chegue ao extremo mesmo de “traducir denominacións amplamente consolidadas en galego desde hai anos”, como é o caso da Feira do Libro, a Feira das Marabillas na Cidade Vella ou mesmo o prestixioso salón Viñetas desde o Atlántico. Pola contra, respéctanse escrupulosamente as denominacións en inglés, como acontece coa Tall Ships Race.

A Mesa leva a cabo unha campaña de envío de correos electrónicos para pedir "espazo para o galego"

A entidade cidadá a prol do idioma propio de Galiza denuncia que non se está a tratar o galego como unha verdadeira lingua oficial. O grupo local da Mesa sinala que “non son de recibo” respostas recibidas por veciñas e veciños da cidade a través das redes sociais desde o perfil de Turismo da Coruña ao solicitaren o programa das festas en galego: “En el programa publicado se hace un guiño a los dos idiomas y se juega con ambos” ou “Nas oficinas de Turismo temos os programas que máis demandan os visitantes, en castelán e inglés”, entre outras respostas polo estilo. “Subxace en todas elas a consideración de que, no mellor dos casos, o galego é unha lingua estranxeira máis, por tanto prescindíbel”, lamenta A Mesa, que recorda que “o uso dunha lingua oficial, mentres o sexa, non se pode someter a un simple criterio da demanda”.

Así, a delegación da Mesa inicia, como xa fixera o ano pasado, unha campaña de envío de correos electrónicos á Concellaría de Cultura demandando “espazo para o galego” na actividade festiva da cidade. A entidade anima para este envío a toda a cidadanía “que desexa poder gozar das Festas de María Pita tamén na lingua propia de Galiza e da Coruña, independentemente de cal sexa a lingua que empregue habitualmente”. O correo-e da concellaría é cultura@coruna.es.

A concelleira Ana Fernández na presentación das festas © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.