A Mesa denuncia que unha doutora do Sergas "prohibiu falar galego na casa dun moribundo"

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Un ataque á "liberdade lingüística máis esencial". Así define a Mesa pola Normalización Lingüística o sucedido o pasado 29 de xuño nunha casa de Oleiros, cando unha familia atopou o conflito por razóns de lingua na máis insospeitada da situacións: a asistencia a unha persoa a piques de morrer. A organización de defensa da lingua vén de facer público que os familiares deste home, xa falecido, xa tramitan unha reclamación formal despois de que unha doutora do servizo de emerxencias do Sergas, "ao observar que nese fogar utilizaban o galego" lle espetou a "un dos familiares": "No te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano".

Nomeadamente, a presenza da doutora -que "se negou a identificarse por nome ou número de empregada", sinala a familia no seu escrito- foi requirida porque o avó de quen agora tramita a denunica "estaba a convulsionar e todo indicaba que ía morrer en breve". "Con 89 anos, padecía un canco de páncreas con metástase en fígado e ril esquerdo" e os doutores do hospital da Coruña "xa nos informaran reiteradas veces de que estaba en fase terminal". É neste punto no que se produce o incidente protagonizado pola médica que, "segundo o parte" de emerxencias "se chama Isabel Álvarez".

A doutora esixiu que os familiares do paciente falasen en castelán mentres o paciente daba mostras de estar a morrer

Foi nesta situación na que a doutora se desprazou á vivenda onde, nada máis chegar, constatou que "sí, se está muriendo". "Eu fíxenlle xestos para que falase en voz baixa, posto que tan só uns minutos antes meu avó dera sinais de ser quen de entender o que se lle dicía", relata o escrito de reclamación. "Ela dixo 'no escucha' pero saíu fóra do cuarto e preguntou que medicación tomaba". Neste diálogo fóra do cuarto "cando comecei a respostar cortoume dicindo 'hábleme en castellano', ao que eu respostei 'como?', sinxelamente porque non o agardaba", abonda este familiar. "Que si me puede hablar en castellano", reiterou a doutora. "Non, e en todo caso sería eu quen lle podería pedir que me atendese en galego, pero non é o intre de falar diso", retrucou. "Ela reaccionou erguendo a voz e dicindo de xeito chulesco 'mira, es que no te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano porque no soy gallega".

Neste contexto, o familiar do home a piques de falecer evidenciou que "falaba como me daba a gana" e que, ademais se a doutora "traballaba aquí tiña que saber galego", dados os requisitos esixidos nas probas de acceso do Sergas. Así, reclamoulle á médica o seu "número de identificación para pór unha queixa contra ela". "A súa resposta foi dirixirse aos meus tíos e dicirlles, case berrando, 'saquen a esta persona de aquí". Dada a situación, o agora denunciante "deulle as costas" á doutora "para evitar unha discusión absurda que puidese chegar a prexudicar ao meu avó". Meus pais e tíos amosáronlle o listado de medicamentos que tomaba, mentres ela non lles facía caso e dicía 'Debe estar muy nervioso, ¿no?' e outras cousas semellantes en vez de atender a situación. En minutos, meu avó morreu, antes de que se lle subministrase nada".

Por todo isto A Mesa "reclama que o Sergas responda a esta denuncia cunha investigación a fondo e as medidas disciplinarias correspondentes", xa que "se trata dunha discriminación moi grave, non só no plano lingüístico", pois se produciu "nunha sitaución de especial vulnerabilidade". Do mesmo xeito, a asociación "responsabiliza directamente ao presidente da Xunta" de que "haxa unha maré de discriminacións contra o galego na Administración autonómica", froito "das reiteradas mensaxes galegófobas do Goberno".

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.