A Mesa pide que O Carballiño rescinda o contrato coa empresa que non "entende" o galego

O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, no centro © Concello do Carballiño

O pasado mércores A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou que o Concello do Carballiño lle negara a un cidadán o seu dereito a ser atendido lle "polo feito de se expresar en galego", no que a entidade vía un "grave caso de discriminación lingüística". A Tesouraría do Concello envioulle a este veciño unha notificación e, a seguir, esta persoa dirixiuse ao número de atención indicado no escrito para aclarar algunhas dúbidas sobre os trámites que a administración o instaba a realizar.

Cando este cidadán comezou a expor as súas dúbidas, en galego, a persoa que o atendía díxolle que non entendía o que dicía ("no sé gallego", indicou) e que nese momento non había ningún compañeiro que o puidese atender se se continuaba a expresar nesa lingua, indicándolle que volvese a chamar outro día e dando por finalizada a chamada. Ademais, o feito de non seren atendidas as súas dúbidas nese momento supuxo un grave prexuízo a este cidadán ao lle dificultar o cumprimento dos prazos administrativos establecidos.

A Mesa presentou unha queixa ante o Concello. O alcalde, Argimiro Marnotes, recoñeceu os feitos, pero sinalou que "nunca un empregado do Concello rexeitou atender ningún veciño" e que o incidente foi responsabilidade do "servizo de atención permanente da empresa contratada para o cobro dos impostos e taxas municipais", que cumpre con esta competencia da administración local.

"Que Marnotes decidise precarizar o servizo de atención tributaria subcontratando unha empresa incapaz de atender ás e aos galegofalantes non lle resta responsabilidade ao Concello neste caso, máis ben ao contrario"

En consecuencia, A Mesa pídelle ao Concello do Carballiño que rescinda o contrato coa empresa subcontratada para xestionar o servizo telefónico de atención tributaria, pois “cando un cidadán chama ao teléfono de atención tributaria do concello para aclarar uns trámites administrativos sobre os impostos que lle cobra ese concello, ten dereito a que o atendan e o entendan na súa lingua, entre outras cuestións de sentido común porque así o di a lei". "Quen está ao outro lado do teléfono está representando o Concello nun acto administrativo, independentemente de se é funcionario, bolseiro ou un call center subcontratado en Xibraltar. Se o servizo se ofrece de forma incorrecta a responsabilidade é do Concello, e o alcalde non se pode limitar a lanzar balóns fóra”, engade.

Dende A Mesa lémbrase que "a lexislación vixente tamén sinala que as empresas privadas concesionarias de servizos públicos deben garantir o dereito dos cidadáns a seren atendidos na lingua oficial da súa elección"

Marcos Maceira, presidente da Mesa, sinalou: "que Marnotes decidise precarizar o servizo de atención tributaria subcontratando unha empresa incapaz de atender ás e aos galegofalantes non lle resta responsabilidade ao Concello neste caso, máis ben ao contrario, nin xustifica que se vulneren os dereitos lingüísticos da cidadanía”. Dende A Mesa lémbrase que "a lexislación vixente tamén sinala que as empresas privadas concesionarias de servizos públicos deben garantir o dereito dos cidadáns a seren atendidos na lingua oficial da súa elección". E conclúe que "no Concello do Carballiño hai xente demandando emprego que estaría perfectamente cualificada para desenvolver estes postos de traballo, que ademais son coñecedores da lingua galega, polo que ofrecerían un servizo máis próximo e de maior calidade. Seguro que as veciñas e veciños do Carballiño agradecerán que os seus impostos se revirtan na creación de emprego na propia vila".

O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, no centro © Concello do Carballiño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.