A mina responde ás críticas augurando emprego en Corcoesto e presionando co seu 'lobby' na UE

Marcha contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

A resposta ao exitoso vídeo no que diversos persoeiros galegos alertan dos riscos que a megaminería contaminante supón para Galicia non se fixo esperar. Mineira de Corcoesto, a filial de Edgewater Exploration, fixo público un estudo socioeconómico no que prevé máis de 1.600 empregos, ao tempo que anuncia unha viaxe a Bruxelas para defender ante as autoridades europeas o polémico proxecto, xunto con cargos políticos dos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco e dous profesores universitarios, todos eles apoiados por un dos lobbys industriais máis importantes do continente, a Asociación Europea de Industrias Mineiras (Euromines).

A campaña contra a megaminería en Galicia supera as 96.000 sinaturas e as 250.000 reproducións do vídeo en YouTube

É a contestación a unha campaña que vai a máis e que colle folgos máis aló do Padornelo. Con máis de 96.000 sinaturas conseguidas e preto de 260.000 reproducións do vídeo en YouTube, a concienciación sobre o problema que denuncian varios colectivos sociais, políticos e ecoloxistas vai en aumento. Ao tempo, a Xunta vén de autorizar unha nova orde de axudas destinadas ás "entidades sen ánimo de lucro que traballan a prol do sector mineiro galego", 300.000 euros que se unen aos 800.000 que o Goberno galego xa achegou hai un ano. No mesmo día, Mineira de Corcoesto presentou ou seu optimista informe sobre a repercusión laboral do polémico proxecto de Corcoesto.

O informe de Edgewater prevé crear máis de 1.600 empregos na construción da mina, pero 282 postos directos durante a explotación

No documento, asinado por NW Consultores e un profesor do Idega (Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC), prevese a creación de ata 1.628 empregos na fase da construción das infraestruturas necesarias para a xigantesca mina. Serían 480 postos de traballo directos, 474 indirectos e 664 inducidos, segundo aseguran dous dos autores, Aureliano García e Alfonso Herías, que recoñecen que no período de explotación o número de empregos directos será de 282, ademais de 188 indirectos e 147 inducidos.

Malia as críticas e advertencias de estudos científicos, grupos ecoloxistas e diversos expertos, os autores do estudo cren que a chegada da mina de ouro a ceo aberto a Corcoesto suporá "unha grande oportunidade" para a zona, que podería verse beneficiada por un proceso de desenvolvemento responsable "social e economicamente".

Os gobernos de Cabana e Coristanco defenderán a mina en Bruxelas axudados polo potente lobby mineiro

Eses son os mesmos argumentos que usará a comitiva que viaxará a Bruxelas e que estará liderada polo alcalde de Cabana de Bergantiños, así como concelleiros de Coristanco. Xunto a profesores universitarios e responsables de Edgewater, tratarán os vindeiros 28 e 29 de maio de contrarrestar as voces de denuncia e crítica que xa aterraron hai tempo nas institucións comunitarias. Pero é o lobby Euromines quen está a realizar xa o traballo máis silencioso, presentando o proxecto na Eurocámara e defendendo a súa viabilidade social e económica ante as enormes dúbidas que esperta entre varios parlamentarios europeos.

De feito, a Comisión Europea vén de requirir información ao Goberno español sobre a mina, a Declaración de Impacto Ambiental aprobalda pola xunta e o plan de restauración da mina logo da denuncia do socialista Antolín Sánchez Presedo. Semanas antes, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, xa denunciara os riscos do proxecto de Corcoesto e as numerosas eivas no visto e prace dado polo Goberno galego, unha advertencia que tamén fixo UPyD.

Unha ruta de sendeirismo percorrerá este domingo a zona que sería afectada pola mina a ceo aberto de Corcoesto

Pero mentres, a oposición á mina a ceo aberto segue mobilizándose. Preparando a gran manifestación que se prevé en Compostela o vindeiro 2 de xuño, antes, este domingo 26, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños anima a xente a participar nunha ruta de sendeirisimo que percorrerá as 700 hectáreas que poderían verse afectadas pola actividade mineira.

Organizada pola Sociedade de Montaña Ártabros da Coruña, será unha ruta circular que partirá as 10 da mañá da  carballeira de Santa Mariña e que terá un percorrido aproximado de 12 quilómetros. A actividade pretende advertir dos problemas que podería causar a infraestrtura nestas terras de Bergantiños.

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater
Participantes na manifestación contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.