Segundo día de mobilización gandeira en Compostela en sexto en Lugo. Tras a masiva tractorada vivida dende o mediodía deste luns polas principais vías de comunicación da capital galega co foco posto nos baixos prezos que paga a industria, este martes o obxectivo céntrase na distribución, nomeadamente, nas grandes áreas comerciais. Tras a asemblea na que parte dos gandeiros decidiron manter os seus vehículos bloqueando o paso en zonas como a avenida de Lugo, a tractorada comezou sinalando algúns dos distribuidores que tiran os prezos do leite. Mentres, o Estado minimiza a mobilización e a Xunta, denuncian as organizacións agrarias, opta por "un perfil baixo".
Tras unha noite de tractores nas rúas o movemento comezou este martes moito antes do amencer. Os primeiros obxectivos da protesta gandeira foron dous: de madrugada procurouse o bloqueo do centro loxístico dos supermercados Día no complexo de Mercagalicia, no polígono do Tambre, para denunciar, explican, que a cadea se nega a asinar un dos compromisos esenciais para o sector: deixar de empregar o leite como produto reclamo e non tirar os prezos. A continuación outra parte da comitiva dirixiuse a área comercial de máis recente apertura da capital, o centro As Cancelas, no que se ubica o Carrefour. O obxectivo é bloquealo por idénticos motivos.
A segunda xornada de tractorada comezou co bloqueo do centro loxístico dos supermercados Día e do hipermercado Carrefour
Isto sucedía en Compostela mentres, en Lugo, a mobilización que comezaba o pasado xoves, lonxe de cesar, semella aumentar a súa dimensión. Así, unha concorrida asemblea desenvolvida nas inmediacións do centro administrativo da Xunta decidiu manter os tractores arrodeando a Muralla cando menos ata o xoves, cando remata a mobilización en Compostela -á que polo momento non se suman-, e formular un escrito con reivindicacións dirixidas á Consellería de Medio Rural. Segundo informa Campogalego.com, o que desbotan os gandeiros mobilizados en Lugo é, cando menos de momento, medidas de presión dirixidas á industria e á distribución.
O Goberno central reduce a participación
Así comeza unha nova xornada de mobilización que as novas que chegan de Bruxelas contribuíu a alimentar. "Non queremos esmolas", senón "prezos xustos", afirmábase a últimas horas do luns nas rúas de Compostela tras coñecer que a Comisión Europea, tras a xuntanza extraordinaria do Consello de Ministros de Agricultura, ofrece un paquete de axudas "inmediatas" de 500 millóns de euros para o conxunto da UE, pero desbota intervir nos prezos. As medidas, segundo o Goberno de España, responde en boa medida ás reivindicacións do gabinete de Mariano Rajoy.
A UE anuncia un paquet de 500 millóns de euros en axudas pero desbota intervir nos prezos
O Estado saúda o anuncio da UE e, ao tempo, tenta minimizar o que acontece nas rúas da capital galega. Así, nun breve comunicado, a Delegación do Goberno central en Galicia atribúe á Policía Nacional un dato de participación duns "800 tractores e unhas 1.000 persoas", cifras que dificilmente se corresponden, sobre todo no que atinxe ao número de vehículos, coa situación de bloqueo vivida ao longo de toda a xornada polas rúas de Santiago. Segundo a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo o número de tractores que permanecen en Compostela rolda os 3.000.
O Goberno central mantén que só participaron 800 tractores na primeira xornada de protestas
A Xunta, pola súa banda, continúa optando por, practicamente, desaparecer do foco mediático. Así, noutro comunicado, o Goberno galego asegura que este luns o presidente, Alberto Núñez Feijóo, lle "trasladou" a "representantes do sector" o seu "apoio aos gandeiros", ademais de "agardar unha maior sensibilidade da Unión Europea para garantir a viabilidade futura das explotacións". A conselleira do Medio Rural, pola súa banda, participou este luns na Conferencia Mundial do Atún, en Vigo, e este martes ofrece declaracións á prensa sobre o sector lácteo antes de visitar as obras dun espigón en Porto do Son.