A Mostra do Posible amosará como "florecen as alternativas reais ao sistema de consumo”

Presentación en Compostela da 'Mostra do Posible', este xoves Dominio Público Mostra do Posible

O concello de Compostela acolleu este xoves a presentación a nivel galego da Mostra do Posible, o encontro de entidades e colectivos sociais organizado pola Rede de Solidariedade Popular (RSP) de Vigo que xuntará máis de medio cento de organizacións en Cangas do Morrazo os vindeiros 7 e 8 de outubro.

A Mostra do Posible contará cun total de 54 colectivos participantes, que impartirán seis palestras, dous faladoiros, tres obradoiros (incluíndo un sobre mellora do traballo colectivo nas organizacións), dúas presentacións, unha asemblea da Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia (REAS) e varios encontros de intercambio entre grupos de consumo e sementes. Ademais, durante toda a fin de semana, máis de 27 colectivos terán postos de exposición na Alameda Nova de Cangas, onde darán información sobre as súas organizacións e actividades.

Na presentación participaron a coordinadora xeral da RSP, Elisa Pérez, e David Esperón, coordinador da Mostra do Posible, aos que se sumaron as actrices Mónica Camaño e Marta Pérez. Polo Concello de Santiago interveu Marta Lois, voceira do goberno municipal e concelleira de Igualdade, Desenvolvemento económico e Turismo. Marta Lois explicou que o Compostela aposta "polas alternativas xurdidas dende os movementos sociais, con especial atención a aquelas propostas relativas á economía solidaria". Ademais, moitos dos colectivos que participarán na Mostra do Posible teñen a súa sede en Compostela, polo que dende o concello “entendemos que é unha cuestión de coherencia apoiar ás organizacións e movementos sociais”.

Mónica Camaño destacou na súa intervención que eidos como o das finanzas éticas son aínda moi descoñecidos para amplas capas da cidadanía e por iso son precisos eventos como a Mostra do Posible. Tamén fixo fincapé no feito de que, hoxe por hoxe, as alternativas que hai uns anos parecían quimeras amosaron de sobra a súa viabilidade. Marta Pérez, actriz e directora da compañía Inversa Teatro, centrou a súa intervención na situación do sector cultural e a importancia das iniciativas comprometidas co mundo da cultura. “So unha sociedade comprometida pode ter unha cultura comprometida”, afirmou, poñendo tamén en valor a aposta da organización da Mostra do Posible por tres eixos fundamentais: feminismo, medio ambiente e cultura. A coordinadora da RSP de Vigo, Elisa Pérez, sinalou o compromiso da organización coa difusión e apoio ás “alternativas a un sistema inxusto que vai excluíndo os máis desfavorecidos”.

Por último, interveu David Esperón, coordinador xeral do evento, que afondou no papel central que os colectivos terán na Mostra, afirmando que “nós so os xuntamos; o traballo é seu e o protagonismo ten que ser deles e as súas iniciativas”, pasando de seguido a facer un breve resumo das palestras e eventos que se celebrarán no seo das xornadas. O coordinador xeral da Mostra rematou convidando a todas aquelas persoas que “algunha vez tiveran curiosidade polas alternativas económicas e sociais” a achegarse ata a Mostra do Posible e comprobar “como, cada vez máis, florecen as alternativas reais ao sistema de consumo”. 

 

Presentación en Compostela da 'Mostra do Posible', este xoves Dominio Público Mostra do Posible

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.