Mentres Xunta e comité de folga volveron fracasar este martes nun novo intento por poñer fin ao conflito, o paro indefinido do persoal da Administración da Xustiza en Galicia suma a súa undécima xornada efectiva, cun amplo seguimento e cos xulgados do país paralizados. Os cálculos falan dun cento de xuízos aprazados ao día en cada cidade e dun total duns 7.000 os que se terían adiado en todo o país desde que comezara a protesta o pasado 7 de febreiro.
Neste martes, os sindicatos levantáronse da mesa de negociación coa Xunta despois doutra longuísima xornada de negociación desde as 9 da mañá e cun único receso de dúas horas para comer e tras outras nove horas de conversa o luns. Reclaman un cambio de interlocutor e advirten de que non sentarán máis co director xeral de Función Pública, José María Barreiro, ao que cualificaron de "usurpador da Xustiza" e de quen dixeron que descoñece o funcionamento desta administración.
Os sindicatos levantáronse da mesa de negociación e advirten de que non negociarán máis co director xeral de Función Pública
"O conflito está máis aberto que nunca", sinalaron os sindicatos, que insistiron en que hai "cero avances" e que insistiron en cambiar de interlocutor e que o director xeral de Función Pública non acuda máis ás reunións, ás que tamén asiste o director xeral de Xustiza, Juan José Martín. Os dous negociadores reivindicaron o dereito da Xunta a nomear interlocutores, aínda que non rexeitou de cheo a mudanza. Con todo, Barreiro lamentou que non fose "posible" un acordo e lamentou a "grave irresponsabilidade" dos sindicatos ao insistir no cambio de interlocutores. Segundo o Goberno, iso evidencia que non teñen interese real en negociar e alcanzar "un acordo" que poña fin á folga que mantén paralizados os xulgados galegos.
Os datos de participación dos traballadores no paro son semellantes en cada xornada. Mudan pouco os que facilitan os sindicatos e os que dá a Xunta, que aclara que arredor de 145 funcionarios non acoden ao traballo por ausencias xustificadas desde que comezara a folga e que 775 cumpren cos servizos minimos. Ademais, diariamente, son máis de 1.000 as persoas que exercen o seu dereito á folga. Segundo estas cifras oficiais, un mínimo de 1.200 persoas das 2.700 que conforman o persoal en conflito auséntanse cada xornada de paro. E sobre 800 máis cumpren cos labores marcados legalmente. Os números das centrais son aínda máis elevados.
Os sindicatos calculan que un cento de xuízos se adían cada xornada de folga en cada cidade galega
Ademais, e segundo os cálculos sindicais, en Galicia estanse a suspender uns 100 xuízos ao día, tendo en conta que no medio da semana, nas xornadas con máis carga, son 120 os adiados, mentres que no comezo e final da semana adoitan ser 80. Con todo, hai diferenzas segundo a sede xudicial: na Coruña, por exemplo, son xa máis de 1.000 os aprazados, e en Vigo superan os 800. Facendo o cálculo, e obviando o martes de Entroido festivo en moitas localidades, non menos de 6.800 procesos foron suspendidos, ao que habería que sumarlles varias ducias máis de procesos noutras vilas.
Cando se celebrarán? Tendo en conta que moitos xulgados tiñan xuízos marcados para o mes de xuño, como mínimo ata o último trimestre deste ano non se poderán celebrar. E máis ben cara ao final do exercicio. No entanto, son xa varios os xulgados nos que a cita está marcada para 2019. Mesmo procesos que se están a celebrar noutras comunidades autónomas se están a ver afectados de ter que levar a cabo trámites que teñan que exercer o persoal xudicial en Galicia, como declaracións de testemñas ou por vídeoconferencia.
Os xuízos aprazados non se celebrarán, como mínimo, ata o último trimestre de 2018 e moitos xa están fixados para inicios de 2019
Ademais, no caso daqueles xuízos urxentes que os servizos mínimos obrigan a celebrar, o proceso non queda resolto de todo ao non notificarse e rexistrarse as sentenzas, un trámite que non está incluído entre os requiridos legalmente. Esta mesma situación ocorre con outros procedementos como, por pór un exemplo, a adquisición dunha licenza de enterramento: tramítase pero non se envía, polo que non consta oficialmente.
Nos Rexistros Civís, son milleiros os trámites que se están a suspender, ao estar paralizados ao 100% e tan só realizarse aqueles procedementos necesarios para non incumprir prazos dos que dependa, por exemplo, o cobro dunha pensión. Fes de vida, partidas de nacemento, expedientes de nacionalidade ou divorcios... Case todo menos casos como os certificados de defunción.
"Os prexuízos son evidentes, pero á Xunta parece importarlle pouco porque mesmo presume de que está a aforrar"
Si se están a realizar, no entanto, casamentos civís. Malia que non é un servizo esencial dos incluídos nos servizos mínimos, o comité de folga decidiu que se levasen a cabo "por non prexudicar máis a cidadanía" e impedir que se tivesen que suspender tamén convites ou celebracións posteriores.
"Os prexuízos son evidentes, pero á Xunta parece importarlle pouco porque mesmo presume de que está a aforrar cartos coa parte do salario que non se nos está a pagar por estar en folga", din desde o comité.
Un conflito "estancado"
Malia todo, o conflito segue a tal hora "estancado" e con "cero avances". A Xunta ofrece melloras que se plasmarían en converter en fixas 36 prazas de reforzo e cambios xa nas substitucións. No entanto, non hai avance ningún no que ten que ver co incremento salarial, que limitan a eses entre 816 e 1.080 euros ao ano, ou na "discriminación" que sofre o funcionariado galego no que ten que ver cos descontos en baixas por incapacidades temporais.
Sobre se a Xunta volverá convocar, os representantes da Administración, os representantes da Administración advertiron de que "é a terceira vez que se levantan as organizacións". "Tentaremos que haxa unha negociación, pero o que non pode ser é chamar para que non haxa ningún tipo de avance", remarcan.
Villares pide o "cesamento inmediato" do director xeral de Función Pública e que Rueda "se poña á fronte" das negociacións
Nun dos recesos na negociación no mediodía, o portavoz de En Marea, Luís Villares, acudiu á sede da EGAP, onde se celebra a reunión, para apoiar as reivindicacións dos traballadores e pedir á Xunta "que os escoite" e que sexa o vicepresidente, Alfonso Rueda, "quen se poña á fronte" das conversas. Ademais, reclamou o "cesamento inmediato", do director xeral de Función Pública, José Barreiro. "Unha persoa que ofrece emigrar non pode estar na negociación", dixo, logo de lembrar que o funcionariado "loita polos dereitos de todos os cidadáns para que funcione ben a Xustiza".
Tanto Barreiro como o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, pola contra, acusaron os sindicatos de "descualificalos" a eles tamén e de estar protagonizando "un simulacro de negociación" coa petición continua de "máis documentación" mentres seguen "enrocados" no incremento salarial, segundo aseguran. Como novidade, a Administración fixo público un novo convenio colectivo ao que a Xunta está disposto a incrementaro complemento autonómico: os médicos forenses do Imelga, traballadores ligados ao Ministerio de Xustiza, pero xestionados pola Xunta ao ser unha competecia transferida.