A nova Cerna de Prolingua promoverá o galego no deporte e nas pemes

Presentación das '55 mentiras' en Cambados CC-BY-NC-ND Pilar Ponte

Prolingua, a plataforma a prol da defensa e da promoción da lingua galega, celebrará este sábado unha asemblea que renovará a súa Cerna ou órgano permanente de dirección, definirá o seu funcionamento e accións prioritarias para os dous vindeiros anos, ademais de aprobar un chamamento ás distintas organizacións políticas con motivo das eleccións do 21 de outubro en relación coa lingua e cultura galegas. O encontro celebrarase no Auditorio do Centro Sociocultural da Ramallosa (Teo), ás 11 horas en primeira convocatoria e ás 11:30 horas en segunda convocatoria e nel poderán participar as máis de dúas mil persoas que asinaron o manifesto de Prolingua.

Só se presentou unha candidatura para compoñer esa nova Cerna, con 15 persoas que polo tanto se converterán nos novos responsables da xestión diaria da plataforma. A candidatura está formada por Ana Acuña, Anxos Sobriño, Malores Villanueva, Fran P. Lorenzo, Paco Martín, Marga Tojo, Xavier Senín, Mercedes Queixas, Alejandro Tobar, Francisco Fernández Rei, Xosé Antón Laxe Martiñán, Xosé Luís Santiso, Agustín Fernández Paz, Xosé Henrique Costas e Xabier P. DoCampo.

Un grupo de traballo centrarase na normalización do deporte galego, en especial do fútbol, colaborando cos clubes de terceira división

Tamén se presentou o conseguinte "programa de actividades" para o período 2013-2015, isto é, as prioridades de actuación da plataforma para os vindeiros dous anos, e algunhas das iniciativas que se poñerán en marcha. Destaca o obxectivo de "comarcalizar" o funcionamento de Prolingua mediante a designación de responsables comarcais para racionalizar e acelerar o seu traballo. Haberá "entre 12 e 18 áreas", unha delas a diáspora.

Prolingua proporá a celebración dunha marcha pola lingua en Compostela "na que os asistentes camiñen sen máis marca ca a da lingua"

Tamén se crearán tres grupos de traballo, naquelas áreas ou eidos que a candidatura para compoñer a Cerna considera prioritarias. Un dos grupos traballará na normalización do deporte galego, en especial do fútbol, colaborando cos clubes de terceira división "tanto para promocionar o uso da lingua como para felicitar e asesorar a quen xa o fai". Outro grupo traballará nunha campaña enfocada ás pequenas e medianas empresas para a incorporación do galego como elemento de identidade corporativa. O terceiro grupo centrarase no dereito e na administración, elaborando un decálogo de "boas prácticas lingüísticas" tanto para o traballador da Administración como para o usuario desta.

Entre as restantes propostas da nova Cerna, alén das puramente organizativas, coma o achegamento ás plataformas pola lingua catalá (Òmnium e Plataforma per la Llengua) ou a fixación dunha cota anual de 60 euros para os socios, destacan algunhas iniciativas que poderian ver a luz o vindeiro ano. Prolingua proporá, por exemplo, a celebración dunha marcha pola lingua en Compostela "na que os asistentes camiñen sen máis marca ca a da lingua". Ademais, Prolingua presentará un informe anual de queixas ao Valedor do Pobo, a ser posible en colaboración con outras organizacións e plataformas de defensa e promoción do galego.

Traballarase no fomento dunha rede xuvenil de revistas e radio de temática adolescente e en galego, para fomentar o uso do galego entre os e as máis novas

A plataforma editará cando menos dúas obras. A máis importante será un libro didáctico de divulgación sociolingüística, realizado por Xosé-Henrique Costas, e que publicariá en 2014. Ademáis, realizarase un vídeo documental sobre a evolución en materia de política lingüística en Galicia. Presentarase en asociacións e locais de todo o dominio lingüístico galego, á maneira das 55 mentiras sobre a lingua galega.

Por último, apúntanse outras ideas, como a reivindicación diante da TVG da continuidade con novos capítulos do programa Ben falado! e tamén "a volta dunha programación infantil e xuvenil que fomente o uso da lingua galega". De igual xeito, traballarase no fomento dunha rede xuvenil de revistas e radio de temática adolescente e en galego, para fomentar o uso do galego entre os e as máis novas.

Logo de Prolingua CC-BY-SA Pilar Ponte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.