O Coletivo de Independentistas Imputadas e Imputados na Operación Jaro, da que se vai cumprir un ano, aproveita este aniversario para denunciar o que consideran un "proceso de represión política" contra o movemento independentista disfrazado de "loita antiterrorista". Son nove os investigados ao abeiro desta operación e acusados de integración en banda armada e enaltecemento do terrorismo, delitos que suporían anos de prisión para todos eles nos caso de seren condenados. Ademais, o proceso supuxo tamén a suspensión de actividades e "ilegalización de facto" da formación Causa Galiza.
Un ano despois da 'operación Jaro', os imputados denuncian "vulneracións" na custodia de probas e "indefesión xurídica absoluta"
Os imputados veñen de denunciar "vulneracións" na custodia das probas, o que os colocaría nunha "situación de indefesión xurídica absoluta" e que provocou que os avogados decidisen "impugnar" estas "supostas probas" contra eles. "Obxectos mesturados, caixas que non están precintadas...", lembra un dos investigados.
O voceiro destes nove independentistas, ao cumprirse un ano da detención, advirte da "incerteza absoluta" que lles provoca "non ter noticia ningunha" sobre a data do xuízo, unha espera que "se pode prolongar anos". Ademais, lembra que existe a "posibilidade de condenas de prisión de non pouco tempo". Mentres, apostan por seguir coa "dinámica" de "posicionar diferentes axentes sociais, políticos e sindicais, mantendo isto vivo e insistindo é que non é ningún proceso de loita antiterrorista senón de represión".
"Non é ningún proceso de loita antiterrorista senón de represión política", din os acusados
Desde o colectivo advírtese, tamén, da "impresionante" e "sorprendente" fundamentación do auto que ditamina as súas imputacións e que alude á súa participación en homenaxes aos Mártires de Carral e á promoción de actos de memoria histórica da loita independentista durante o século XX. Ante esta situación, os independentistas están a recibir apoios e suman máis de cen colectivos posicionados contra a ilegalización de Causa Galiza. "Temos detrás todo o que se pode chamar arco político-social do nacionalismo e da esquerda deste país", din, pero queren sumar máis apoios.
O caso chegou ao Parlamento Europeo, que antes do vindeiro 10 de novembro terase que pronunciar sobre a operación logo dunha iniciativa presentada pola coalición que forman EH Bildu e BNG. O Bloque tamén se comprometeu a levar á Cámara galega a situación dos nove imputados, así como a ilegalización de Causa Galiza. Os implicados teñen tamén prevista unha xuntanza con En Marea.
"Imos manter a tensión permanentemente e denunciar que o réxime de 1978, por se alguén precisaba dalgunha proba máis, é un réxime onde as liberdades democráticas penden dun fío, onde non hai garantías", rematan.