A oposición leva á Cámara as demandas das vítimas da violencia machista en folga de fame

Pancarta na sede de Ve-la luz © feminismo.info

As mulleres da asociación Ve-la Luz cumpren xa 25 días en folga de fame. Estas vítimas da violencia machista -seis das dez que comezaron a protesta- continúan coa súa desesperada loita á espera da resposta das administracións ás súas reivindicacións. O PP, como partido gobernante da Xunta, comprometeuse a tramitar as súas principais demandas e a poñer en marcha unha comisión de investigación no Parlamento respecto da petición de que se revisen as sentenzas por violencia de xénero dos últimos cinco anos en Galicia -o 60% foron sobreseídas- co compromiso de presentar unha proposición de lei neste vindeiro trimestre.

PSdeG e BNG asumen as demandas de Ve-la Luz a través de senllas proposicións non de lei presentadas no Parlamento

A oposición traballa tamén e PSdeG e BNG presentaron senllas proposicións non de lei de cara a resolver a súa situación e nas que asumen boa parte das súas demandas, mentres que AGE comprometeuse a levar a cabo xestións co voceiro dos populares na Cámara, Pedro Puy, así como coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, de cara a resolver a súa apurada situación.

A Administración, no entanto, non é quen de satisfacer o resto de demandas destas mulleres, que reclaman medidas para que, no caso de que haxa indicios de violencia de xénero, se suspendan as visitas e se impida o acceso destes supostos maltratadores á custodia dos fillos. Tamén piden que en caso de falta, non só de delito, se lle retire o acceso dos condenados á solicitude de custodia e que, de haber condena firme, se lle retire a patria potestade e se suspenda o réxime de visitas ao pai. Ademais, solicitan a renovación do persoal dos xulgados de violencia de xénero cada dous anos e a posibilidade de formación en violencia de xénero para o persoal xudicial.

O grupo socialista pide a tramitación urxente da proposta "polo evidente risco" das mulleres en folga de fame

Ante a gravidade da situación -nesta mesma semana outra das mulleres tivo que ser atendida e tres tiveron que deixar a protesta- o PSdeG presentou unha proposición non de lei para a súa tramitación urxente "polo evidente risco que poidan ter as mulleres en folga de fame". Neste texto, xa rexistrado no Parlamento, os socialistas piden que a Cámara solicite ao Goberno "que se dote á Administración de Xustiza dos medios humanos e económicos necesarios para atender rápida e eficientemente" os casos de violencia de xénero, así como que se "resolva de maneira inmediata as solicitudes de axudas ás vítimas, que se atopan paralizadas desde o mes de xuño". Ademais, reclaman tamén que se modifiquen os trámites para recibir esta axuda, "retornando á situación anterior, que daba acceso automático coa presentación dunha denuncia" por violencia machista.

A proposición pide dotar á Xustiza dos medios necesarios para responder rápida e eficazmente os casos de violencia de xénero e que se resolvan xa as solicitudes de axuda ás vítimas

Tamén se solicita "que se cumpra a Lei de Violencia de Xénero en todos os seus apartados", incluíndo o relativo á vivenda, para que a vítima e os seus fillos "non sexan os que teñan que abandonar o seu fogar en caso de violencia" e que se "garantan as mellores condicións para a estabilidade física e psicolóxica das vítimas". Do mesmo xeito, o PSdeG reclama "que as administracións de competencia autonómica destinen o 2% das súas contratacións de persoal ás vítimas" da violencia machista e que esta porcentaxe "tamén afecte ás compañías adxudicatarias de contratos coa administración".

Na mesma liña, o grupo socialista pide que os programas de cooperación da Consellería de Traballo e Benestar reservados ás vítimas da violencia de xénero sexan contratos "a tempo completo agás expreso desexo da vítima, cuxa duración dun ano poida ser prorrogable e cuxos procesos de solicitude estean abertos todo o ano".

O PSdeG asume tamén as reivindicacións de Ve-la Luz ao solicitar "rotar e renovar cada dous anos os funcinarios dos xulgados de violencia de xénero" co fin de "evitar a normalización destes actos de violencia" e que se "investiguen de forma inmediata" os expedientes das mulleres que se atopan en folga de fame "para evitar así o asañamento e/ou mal uso do circuíto xudicial por parte dos maltratadores ou presuntos maltratadores cara ás vítimas e os seus fillos".

O grupo dos socialistas reclama tamén que se abra a comisión de investigación, xa comprometida polo PP, e da que formaría parte a asociacón Ve-la Luz. Nela indagarase sobre o alto índice de sobreseimentos provisionais e a lenta instrucións dos procedementos, así como o funcionamento dos Puntos de Encontro Familiar en Galicia, as condicións de elaboración dos informes psicosociais e os motivos polos que "tan só se conceden  un escandaloso índice de ordes de afastamento". "Coas conclusións desta Comisión de investigación e en base á petición que se realiza neste documento, redactarase e formularase unha proposición de lei que se debaterá no Parlamento no prazo máximo de tres meses", di o texto.

O BNG reclama que se "faga efectiva a Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero" a través de cumprimento de varias medidas previstas e non aplicadas

 

O BNG presenta unha proposición que se debaterá no vindeiro pleno

O BNG, pola súa banda, tamén presentou unha proposición non de lei que se debaterá xa no vindeiro pleno para que o Parlamento inste á Xunta a "facer efectiva a Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero", de modo que "se melloren as axudas periódicas de apoio a mulleres vítimas da violencia de xénero, establecendo uns baremos de rendo idénticos aos que se recollían nas convocatorias anteriores a 2011" e "facilitando e eliminando a incompatibilidade do cobro desta axuda no caso de ter gozado de medidas anteriores". Tamén se pide que se amplíe a duración das axudas a 18 meses prorrogábeis ata 24 meses segundo a situación da vítima.

Aínda que non fai referencia á situación de Ve-la Luz, o Bloque solicita que se dea cumprimento a un artigo da lei que recoñece a necesidade de integrar a atención psicolóxica como un servizo de atención primaria e implantar, tal e como recolle tamén a norma, un sistema de rexistro de casos de violencia de xénero no ámbito sanitario. O BNG solicita tamén que se dea cumprimento "de xeito prioritario" ao artigo que garante que as mulleres que sofren o maltrato "sexan colectivo preferente nas axudas e subvencións ás empresas para a contratación de persoal".

As mulleres de Ve-la Luz volven denunciar "o abandono e silencio" ao que din estar sometidas

Ademais, o BNG pide que se garanta o cumprimento dunha "atención xurídica axeitada, permanente e especializada en materia de violencia de xénero" e que os profesionais que presten estes servizos "teñan unha formación específica na materia". Asemade, reclama que o Parlamento inste a Xunta a "demandar de xeito efectivo do Estado a creación de xulgados específicos de violencia de xénero nas cidades galegas, que aínda carecen deles".

Mentres, na Coruña, as seis mulleres que continúan coa folga de fame seguen na súa loita. "Moito máis débiles e con problemas", como aseguran a Praza, e indignadas unha vez máis "polo abandono e silencio" ao que din estar sometidos por parte da maioría de medios de comunicación. "Teñen orde de silenciarnos porque desde o poder nunca pensaron que nós puidésemos tirar da manta sobre o que está a ocorrer", aseguran, tras denunciar tamén que "ningún membro do goberno local da Coruña" foi aínda a visitalas.

Gloria Vázquez, primeira pola esquerda, nunha protesta de Ve-la Luz © Ve-la luz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.