Durante a primeira semana de xullo celebrouse na Coruña o Encontro Ibérico de Orzamentos Participativos que contou coa presencia de representantes públicos e persoas expertas de distintas cidades do espazo iberoamericano onde se están a implementar estes dispositivos. No marco das xornadas, ademais de avanzar no debate sobre o seu alcance e a utilidade, xurdiron interesantes reflexións en torno ao concepto da participación cidadá como vector para provocar cambios políticos e sociais de profundidade.
Establecer as condicións para a transformación
Para que a participación poida converterse nunha panca deste cambio, precisa dunha serie de condicións: ter en conta a diversidade, dotar de calidade ao proceso e garantir a capacidade da cidadanía para tomar decisións
En todo o mundo e a diferentes niveles están a desenvolverse políticas, instrumentos e ferramentas que abren as institucións á participación. É o que Laura Gómez a que fora Directora Xeral de Igualdade da Deputación Foral de Gipuzkoa, denomina “a ecoloxía da participación”, todo un ecosistema no que conflúen iniciativas públicas, sociais e híbridas. Iniciativas que “non transforman automaticamente as nosas vidas, pero si poñen as condicións para o facer”.
Estamos nun momento histórico no que resulta imprescindible declararnos “en transición cara a outro sistema que rache coas exclusións actuais”. E para que a participación poida converterse nunha panca deste cambio, precisa dunha serie de condicións:
- Incluír e tomar en conta a diversidade, activando a participación de colectivos e sectores diferentes.
- Coidar a calidade do proceso deliberativo, entendendo a participación coma un proceso a desenvolver, e non só coma un medio para acadar un fin determinado.
- Garantir a capacidade da cidadanía para participar na toma de decisións sobre as políticas que a afectan.
Estes dispositivos deben ser entendidos como instrumentos políticos “capaces de influír no conflito actual capital-vida, que enfronta o capital contra os coidados, as mulleres e o medio ambiente"
Estes dispositivos, despregados baixo esta visión, deben ser entendidos non só como instrumentos técnicos, mais como instrumentos políticos “capaces de influír no conflito actual capital-vida, que enfronta o capital contra os coidados, as mulleres e o medio ambiente. Estes dispositivos poden facer emerxer a consciencia crítica da cidadanía: nos permiten enfrontar problemas públicos complexos desde a empatía. Coñecer os puntos de vista dos outros e das outras e poñernos no seu papel”.
E iso, para avanzar nunha liña clara no enfoque das políticas públicas que desde o punto de vista de Laura, deben “por unha banda responder ás urxencias sociais inmediatas nestes tempos de crise e pola outra, articular as medidas de resistencia fronte ao sistema neoliberal”.
Comunidades que constrúen pensamento crítico
“Por unha banda deben responder ás urxencias sociais inmediatas nestes tempos de crise e pola outra, articular as medidas de resistencia fronte ao sistema neoliberal”
Yanina Welp é Directora Rexional para América Latina do Zentrum für Demokratie Aarau (ZDA, Centro para Estudos sobre Democracia) da Universidade de Zurich coincide nesta percepción da participación como ferramenta para a transformación: “estes dispositivos de participación pódense converter en sistemas de contrapoder para a cidadanía, sempre que se garantan as condicións para a súa participación, sempre que esta sinta que pode controlar as políticas e avalialas”. E lembra que foi precisamente no marco dun destes procesos de participación e deliberación cidadá que se deron os primeiros pasos para a celebración do gran debate nacional sobre o aborto na República de Irlanda e que rematou na súa despenalización.
Nun escenario global marcado pola “individualización derivada do capitalismo, é fundamental a xeración de bases para a participación e a construción de comunidades humanas
Nun escenario global marcado pola “individualización derivada do capitalismo, é fundamental a xeración de bases para a participación e a construción de comunidades humanas. Comunidades que constrúen colectivamente decisións críticas e fundamentadas fronte ao relato único que emiten os grandes medios de comunicación”.
Quebrando coa dinámica da exclusión
Estes espazos deliberativos están tamén na base das experiencias de democracia por sorteo nas que Arantxa Mendiharat (mediadora cultural e colaboradora do Participalab de Medialab Prado) é experta. No marco deste dispositivo, experimentado xa en diferentes países, cidadáns e cidadás son elixidas aleatoriamente para tomar decisións sobre unha determinada acción ou política pública. E de novo, é fundamental o tempo e o espazo adicado a conformar esas decisións: “as persoas que participan teñen acceso a expertos de todas as tendencias, incluíndo técnicas, políticas, representantes de empresas e movementos sociais”.
No marco doutro dispositivo, experimentado xa en diferentes países, cidadáns e cidadás son elixidas aleatoriamente para tomar decisións sobre unha determinada acción ou política pública
Alén das decisións acadadas nestes procesos por sorteo, é interesante o proceso en si: “quebra coa exclusión dos colectivos que quedan sempre fóra da toma de decisións, xa que o sorteo non toma en conta clase, xénero ou idade das participantes; o grupo é pouco manipulable polos grandes medios de comunicación e lobbies, pola calidade do espazo deliberativo que se establece; e no marco deste mecanismo se poden abordar decisións de máis largo prazo, xa que o colectivo non está condicionado polas eleccións”.
Ante a pregunta de se coñece algunha experiencia de democracia por sorteo que teña derivado nunha saída reaccionaria, responde “non, no papel podería darse, pero non coñezo ningún”. E cita de novo o caso da despenalización do aborto en Irlanda, ou o posicionamento en contra de favorecer a entrada de transxénicos en Mali.
Unhas novas institucións para unha nova cidadanía
"Formouse unha nova cidadanía que require unhas novas institucións. E as institucións estamos aínda moi por detrás destes cambios”
Para Camilo Romero, Gobernador do Departamento de Nariño, o punto de partida da apertura e os cambios que se están a dar nas institucións cara unha maior participación social está no “convencemento de que se formou unha nova cidadanía que require unhas novas institucións. E as institucións estamos aínda moi por detrás destes cambios”. Nariño é un Departamento (demarcación territorial equivalente ao que podería ser unha Comunidade Autónoma no Estado Español) de Colombia especialmente afectado pola guerra, no que está en marcha nos últimos anos unha experiencia de “goberno aberto” co obxectivo de que as institucións “deixen de ser clubs privados de expertos e lobbies, para abrir á cidadanía a xestión pública e o protagonismo na definición das políticas”.
En Nariño, ademais de experiencias de consultas cidadás e orzamentos participativos, celebráronse no mes de febreiro os Laboratorios de Innovación Cidadá (LABIC) para a Paz: trátase dunha proposta desenvolvida en colaboración co Proxecto de Innovación Cidadá da Secretaría Xeral Iberoamericana, para aplicar as metodoloxías destes laboratorios a pensar solucións para facer efectivo no territorio o proceso de paz e imaxinar colectivamente, e desde as comunidades afectadas, o escenario dunha vida post-conflito.
A Coruña, cara a un ecosistema da participación
Nos últimos anos, na cidade da Coruña pódense observar cambios profundos na relación entre a cidadanía e as institucións. Por unha banda, coa posta en marcha de instrumentos que permiten a participación da veciñanza en distintos momentos do proceso de toma de decisións públicas. Os Orzamentos Participativos son a proposta máis consolidada nesta liña, pero existen outras, como o proceso de definición dos novos distritos ou a renovación das liñas de bus.
Na Coruña os Orzamentos Participativos son a proposta máis consolidada nesta liña, pero existen outras, como o proceso de definición dos novos distritos ou a renovación das liñas de bus
Por outra banda, favorecendo espazos híbridos (público-sociais) de autoxestión de edificios e recursos públicos, como o que se está a dar no antigo Cárcere ou o proceso en experimentación comunitaria que se ven dando no marco do laboratorio cidadán da Coruña, o Co-Lab.
Un ecosistema da participación en construción que, en palabras de Claudia Delso -Concelleira de Participación e Innovación Democrática- “está transformando a forma de entender as políticas públicas na nosa cidade”.
