A pesar da crise e da emigración, Galicia segue sendo país de acollida

Gonzalo e Lorena CC-BY-SA Praza Pública

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) en 2013 a inmigración baixou, por primeira vez dende 1990, un 0,6% respecto ao ano anterior. Habitantes tanto estranxeiros como españois decidiron marchar,  2.797 dos uns e 15.202 dos outros, un total de 17.999 inmigrantes menos en Galicia, a un ritmo de 50 habitantes cada día.  Estas cifras poden ser debidas á situación de Galicia coa crise, pero a pesar de todo o saldo migratorio segue a ser positivo, e son os inmigrantes os que seguen a paliar o fluxo de saídas e os baixos índices de natalidade.

Dende xaneiro de 2012 Galicia perdeu unha media de 50 inmigrantes por día

"Galicia ten historias de resistenzas, un pobo con forza de loitar", "Un país de grandes recursos e potencialidades", "sen querer caer en tópicos de terra máxica e especial, ben é certo a súa identidade propia e riqueza cultual que a unha andaluza e un manchego nos aporta moito". Así pensan Rebeca, Avelino, Gonzalo e Lorena, catro mozos e mozas que decidiron facer de Galicia o seu novo fogar. A calidade de vida, as oportunidades académicas ou laborais, a natureza, o custe de vida ou o amor son algúns dos motivos polos que estes catro mozos e mozas decidiron formar parte da terra galega.

 

Dificultades ou facilidades no proceso de migración

Lorena e Gonzalo son unha parella, ela andaluza e él manchego, que vivian até agora en Madrid. "Vimos para traballar nun proxecto, Xanela Social. Un proxecto moi atractivo, case irrexeitable. O salto en calidade de vida é considerable e pese ao estado do país en xeral, vimos con moita ilusión". Afirman que polo de agora todo foron facilidades: "no plano económico atopamos máis facilidades en Santiago xa que é unha cidade mais asequible que Madrid, na adaptación temos dous bos amigos que nos axudan e ademais temos moitas ganas de aprender galego". Gonzalo pola súa parte, ademáis dos amigos en común, ten familia en Ribadeo: "o cambio de Madrid a Galicia, lonxe de ser brusco, está sendo acolledor. Ademais, o meu traballo en Revista Magnolia permiteme traballar dende calquera cidade, polo que todo son facilidades". 

"O salto en calidade de vida é considerable e pese ao estado do país en xeral, vimos con moita ilusión"

Rebeca é unha moza brasileira que escolleu Galicia como destino por amor, ao mesmo tempo que por cuestións académicas. Cursou un máster en xénero e afirma que iso foi realmente o máis fácil: "todo o demais foi difícil, iso de saír e chegar non é fácil". "Para saír do Brasil o mais difícil foi deixar todo un proxecto político, unha carreira profesional que sería difícil retomar, a pesar de ter un título europeo". Outra das dificultades coas que se atopou foi o diñeiro: "Se queres vir de maneira "legal", tes que pagar por todo, visado, pasaxe, seguro médico, tradución de documentos, selos,...deixei e continúo deixando moito diñeiro en burocracia". As linguas foron outro dos obstáculos para Rebeca, "xa falaba algo de castelán e galego pasei a falalo no 3º ano. Non é fácil a pesar do que digan, sobre todo a gramática". Destaca tamén o sexismo que sofren as mulleres brasileiras en Europa: "é como se o feito de ser brasileira me transformase nun obxeto non só desexado, senon dispoñible para calquera cousa". A nivel social fala das complicacións no primeiro ano: "os galegos son moi... timidos por así decilo. Tardan en achegarse pero cando o fan é porque o queren facer, non por conveniencia. Son moi agradables e sempre te axudan". "Tardei en facer amizades, pero as moitas que fixen son verdadeiras, en Galicia sintome como na casa". 

Avelino é un rapaz asturiano que decidiu facer en Galicia o seu máster e finalmente tamén o doutoramento. "En canto aos obstáculos, non lembro ter moitos problemas. No relativo ás cuestións administrativas, en canto a axudas e demais, non vexo que haxa un gran cambio en relación con Asturias". Para Avelino o idioma nunca se converteu nun problema: "entendo que haxa xente para a que a cuestión lingüística poida ser una problema nun comezo pero, dende o meu punto de vista, só se constitúe nun verdadeiro obstáculo se se quere que o sexa, creo que é só unha cuestión de vontade". A nivel social recoñece que a acollida foi moi boa por toda a xente: "síntome moi agradecido polo trato recibido en todo este tempo polos galegos, incluíronme nas súas vidas dende un comezo e estou moi contento de ter entrado nelas". 

 

Situación de Galicia

Gonzalo ve os mesmos problemas e dificutades político-sociais que no resto de España e Lorena destaca as facilidades coas que se están atopando para emprender en Galicia. "Despois de vivir en catro cidades distintas cada un nunca podremos decir que esta é a definitiva", di Lorena. A Gonzalo non lle importaría que Santiago fose a cidade definitiva: "Se algo destaca da nosa xeración é que somos de mochila lixeira e raices pouco profundas, a pesar diso non nos importaría nada quedarn en Santiago".

"En Galicia aínda se pode vivir antes que sobrevivir, pero agora a cousa vai en dirección ao abismo"

Rebeca recoñece que a situación de Galicia é mellor que a do Brasil e que a de moitos sitios do mundo. "Todavía se pode vivir antes que sobrevivir, pero agora a cousa vai en dirección ao abismo". "As políticas económicas e sociais son un retroceso ás conquistas históricas do pobo. As mesmas políticas neoliberais que fixeran no Brasil e en toda América Latina levándonos a unha extrema subordinación e dependencia do mercado financeiro, empeorando, aínda mais, a pobreza do pobo". Destaca a situación do problema do leite e os gandeiros, de todas as políticas de privatización na saúde, sanidade e asistencia social e a criminalización dos movementos sociais: "todo isto xa foi feito nos países do sur e sabemos moi ben as consecuencias".  A pesar de todo, recomenda a todo o mundo que emigre: "emigrar é coñecer, experimentar, descubrir as cadeas que nos impiden movernos polo espazo". A pesar de que agora se atopa en Portugal cunha bolsa Erasmus, Rebeca pensa en volver: "En Composterla estaba involucrada en moitas cousas e o meu traballo de tese é coas mulleres do Sindicato Labrego Galego, teño que seguir co doutoramento. Aínda hai moitas cousas que me unen a Galiza".

Avelino destaca a complexidade da situación a nivel económico e social. "Vivimos momentos duros, como está a acontecer noutros lugares pero creo que sempre hai oportunidades, e Galicia ten moito potencial para saír ben parada desta. Existe unha estrutura económica bastante diversificada e un tecido asociativo moi traballador e combativo que chama a esperanza". El recomenda vir a pesar de que as oportunidades "non abondan tanto como hai uns anos".  "Como experiencia de vida creo que paga moito a pena pasar unha tempada por estas terras". Pensa en quedar polo menos ata rematar a tese de doutoramento, mínimo dous anos máis. "Quedar a vivir aquí está entre as miñas primeiras opcións pero nunca se sabe onde se pode ir parar, e tampouco me pecho a outras posibilidades, hai moito mundo e todo o que sexa medrar persoal e profesionalmente, será para ben. Agora mesmo entre as miñas prioridade está vivir aquí ou volver a Asturias, definitivamente este sería un moi bo lugar para vivir". 

Gonzalo e Lorena CC-BY-SA Praza Pública
Avelino González CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.