A polémica volve arrodear as xuntas dos parques naturais galegos

Dunas de Corrubedo CC-BY Luis Miguel Bugallo Sánchez

Unha nova polémica volve arrodear as xuntas consultivas dos parques naturais galegos. Logo de anos sen convocarse (máis de cinco malia a obriga de que haxa unha xuntanza anual) e a pesar das reiteradas solicitudes, a do espazo de Corrubedo celebrouse por fin no pasado mes de decembro. Foi alí onde se expuxo a memoria de actuacións e iniciativas desenvolvidas nas últimas épocas e onde se presentou o seu novo presidente, José Luis Torres Colomer, ex presidente da Deputación, ex alcalde de Ribeira e senador, que chega ao cargo malia non ter experiencia no ámbito da conservación da natureza.

Torres Colomer chega á presidencia da xunta consultiva de Corrubedo malia non ter experiencia no ámbito da conservación da natureza

O seu nomeamento foi duramente criticado por colectivos ecoloxistas con presenza na xunta, como Verdegaia, que deixou claro o seu "estupor, malestar e sorpresa" ante a designación "dunha persoaa que non é axeitada para o cargo, por carecer de recoñecido prestixio científico ou técnico no ámbito de conservación da natureza e por levar a cabo actuacións durante a súa carreira política que comprometeron gravemente o ambiente e o medio natural".

Verdegaia amosa o seu "estupor, sorpresa e malestar" polo nomeamento dunha persoa "que non é axeitada para o cargo por carecer de recoñecido prestixio científico ou técnico"

O decreto 139/1992, do 5 de xuño, polo que se declara Parque Natural o complexo dunar de Corrubedo asegura no seu sexto artigo que a xunta reitora estará integrada, entre outros membros, por un presidente que será "unha persoa de recoñecido prestixio científico ou técnico no ámbito da conservación da natureza e coñecedor do territorio afectado polo parque". Nada que ver coa experiencia de Torres Colomer, que é mariño mercante e foi director xeral de Pesca e Marisqueo e de Cultivos Mariños antes de acceder como deputado ao Parlamento galego.

"Non ten nin unha formación nin unha traxectoria que garde relación algunha coa defensa da natureza. Non abonda con mandar plantar unha ducia de árbores cada ano na xornada do Día da Árbore para ser un defensor da natureza. Cómpre algo máis. Pero é que ademais, na súa traxectoria política o señor Torres fixo gala en moitas ocasións de actitudes contrarias a esa defensa", denuncia Verdegaia, presente na xunta consultiva, que lembra a "permisividade do Concello de Ribeira durante o mandato de Colomer para cos vertidos das empresas do polígono que vertían directamente á rede de sumidoiros e que provocou problemas na ría de Arousa". O grupo ecoloxista recorda tamén que, sendo alcalde, "situouse claramente do lado dos interses urbanísticos, permitindo que se incumpriran as condicións establecidas na normativa do Parque Natural, incluso contradicindo informes negativos da Xunta".

"O nomeamento de Torres Colomer dá unha idea da importancia que desde a Xunta se lle dá á defensa dos valores medioambientais: ningunha", expresa, tras criticar o "absoluto dsleixo" que vive a zona. "É o raposo coidando das galiñas", insiste.

As xuntas consultivas dos parques naturais caracterízanse pola súa parálise e a ausencia das convocatorias anuais exixidas pola lei

Porque este nomeamento, ademais, contrasta co ocorrido noutros parques naturais, como o das Fragas do Eume. Ricardo García Mira, profesor universitario, dimitiu hai uns meses, pero o seu cargo será ocupado por un profesor da Universidade de Santiago, experto en Forestal e vinculado á xeestión de espazos naturais como unha aula de conservación no Courel. Así o aclara Mónica Arto, representante de Verdegaia na xunta consultiva deste espazo e que leva anos criticando que non se celebren as xuntanzas estipuladas por lei, nin tan sequera o mínimo dunha anual.

"A Xunta ten potestade de que as xuntas consultivas funcionen e quen as convoca, pero non só non as convoca, senón que as paraliza e non cumpren a súa función", engade Arto, que aclara que os colectivos ecoloxistas loitan "porque se convoquen". "Pelexamos polo mínimo, por acceder á información e se presenten os informes pertinentes", lembra quen critica o funcionamento dun organismo consultivo -o dos parques naturais- que, como tantos outros, non só non funciona senón que está arrodeado de polémica.

Dunas de Corrubedo CC-BY Luis Miguel Bugallo Sánchez
Certo Xornal CC-BY José Luis Torres Colomer

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.