A Policía acusa a Resistencia Galega de liderar os disturbios do 22M

Un detido ante varios antidisturbios o 22M CC-BY-SA Virginia Uzal

Resistencia Galega sería quen liderou e organizou os principais altercados que se produciron en Madrid tras a manifestación das Marchas da Dignidade do pasado sábado e que acabou con 24 detidos, ademais de varios feridos. Así o recolle a Policía no seu atestado policial, segundo adiantou a Cadena Ser, e no que asegura que os actos de violencia estiveron liderados por radicais simpatizantes deste grupo terrorista. A brigada de información fala de entre 150 e 200 persoas achegadas a RG que terían comezado os altercados dunha maneira moi organizada e diferente aos doutros manifestacións, o que tería sorprendido incluso aos antidisturbios, sempre segundo afirmarían os axentes.

A Policía fala de entre 150 e 200 persoas achegadas a Resistencia Galega que provocaron os altercados de maneira moi organizada

Un dos argumentos empregados para vincular os disturbios con Resistencia Galega é que entre os detidos en Madrid o 22M había catro galegos. Segundo o atestado policial, en total serían 1.000 os manifestantes violentos que se infiltraron entre o resto da cidadanía para despistar os antidisturbios e ralentizar a súa actuación. Ademais, entre os obxectos incautados aos arrestado hai martelos, tirapedras e paus cunha punta de ferro.

Por outra banda, o titular do Xulgado de Instrución número 30 de Madrid, Francisco Javier Tejeira, decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para un dos 24 detidos o sábado á noite. O maxistrado acúsao de desordes públicas, atentaod á autoridade e un delito de lesións, polo que rebaixa a pretensión da policía de que fose imputado por tentativa de homicidio, segundo informan fontes xurídicas consultadas por eldiario.es.

O xuíz rebaixa a lesións a acusación policial de intento de homicidio para un dos detidos

O atestado policial sinal que este home lanzou unha gran pedra a corta distancia dun axente que perdera o casco. O informe forense será fundamental para concretar a acusación contra Miguel M.S. O Código Penal castiga con entre 1 e 5 anos as lesións causadas con "armas, instrumentos, obxectos, medios, métidos ou formas concretamente perigosas para a visa ou a saúde, física ou psíquica, do lesionado". Se a lesión causa "deformidade grave", a pena podería estar entre 6 e 12 anos.

Ademais, ante o xuíz compareceron 19 detidos e outros tres estarían a disposición do xulgado de menores. Os 18 restantes están acusados de dous delitos xenéricos (atentado contra a autoridade e desordes públicas) que se irán concretando para cada un. Estes 18 quedaron en liberdade con cargos na tarde do luns. Entre eles, o estudante galego do Carballiño de 18 anos, que denuncia que estivo preso máis de 24 horas e sen poder comer. Os seus achegados critican tamén que pasasen horas sen saber nada del.

Actuación policial tras as Marchas da Dignidade CC-BY-SA Virginia Uzal
Un detido ante varios antidisturbios o 22M CC-BY-SA Virginia Uzal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.