A política, baixo o cristal da filosofía, esta semana en Pontevedra

Cartel da XXXIII Semana Galega de Filosofía © Aula Castelao

Este luns comeza en Pontevedra a XXXIII Semana Galega de Filosofía, centrada este ano na relación entre filosofía e política, facendo fincapé nas mobilizacións contra o TTIP e a reivindicación de soberanía e democracia ante o poder transnacional. Organizadas un ano máis pola Aula Castelao no Teatro Principal de Pontevedra, os relatorios e debates chegarán ata o venres 1 de abril. 

Segundo Mercedes Moreno, coordinadora xeral da XXXIII Semana Galega de Filosofía, “os acontecementos dos últimos anos, tanto no noso país, como en Europa, e mesmo alén das fronteiras europeas, invitan a revisar os conceptos fundamentais da política dende unha perspectiva independente e multidisciplinar”. Unha semana de reflexión reunirá en Pontevedra a intelectuais de diversas disciplinas que  tratarán de dilucidar que queda “destes conceptos e institucións no mundo globalizado das grandes corporacións supranacionais e dos tratados transnacionais”, caso da proposta de libre comercio entre Estados Unidos e Europa (TTIP).

“Os acontecementos dos últimos anos convidan a revisar os conceptos fundamentais da política dende unha perspectiva independente e multidisciplinar”

A reflexión da primeira xornada irá do individual ao global, revisando conceptos básicos coma soberanía e democracia nun contexto globalizado de crise, onde as decisións macro xeran grupos vulnerables á precariedade e á exclusión. Sobre estas vulnerabilidades que suscitan a necesidade de actuaccións correctoras dos efectos adversos da globalización, falará pola mañá María Xosé Agra. Pola tarde, o filósofo Francisco Sampedro centrará a cuestión no suxeito político e na cuestión nacional; a prefiguración ideolóxica da globalización, subxectiva unha “idea de nación e responsabilidade nacional” na que “calquera suxeito político resulta estéril, opaco ou equívoco”. O reflexo desta realidade verase no relatorio da noite sobre o caso do “procés catalán”; Antonio Baños, xornalista, político, músico e escritor, presentará a “evolución do discurso independentista” dende “as mobilizacións masivas” ata a aparición na escena de “novos suxeitos políticos”.

Nas xornadas seguintes participarán, entre outras persoas, Ricardo García Zaldívar (presidente de Attac España), Alberto Cruz Bravo (periodista, politólogo e escritor) e Ángeles Diez Rodríguez (socióloga e politóloga), que protagonizarán as sesións das noites. Nas sesións das mañás estarán Concha Roldán (profesora de investigación no Instituto de Filosofía do CSIC), Arnau Matas (activista social e investigador), J. M. Bermudo (catedrático emérito de filosofía política da Universidade de Barcelona) e Juan García Morán (profesor de filosofía da historia e filosofía política na UNED). Polas tardes os relatorios corresponderán aos galegos e galegas Aleixo Vilas, Helena Miguélez Carballeira, Xoán Doldán ou Rubén Lois.

A sesión de clausura corresponderá a Laura Mintegi

A sesión de clausura corresponderá a Laura Mintegi (escritora, profesora da UPV e ex-política, candidata á presidencia do Goberno Vasco por EH-Bildu nas eleccións de 2012). A escolla realizouse pensando "nunha persoa que encarnara os valores que para nós é fundamental preservar á hora da praxe política", destacan os organizadores e organizadoras da Semana. "Pareceunos que ela era un exemplo de coherencia respecto a todos eses valores: o compromiso coa lingua, o compromiso coa realidade e o compromiso político", engaden.

 

Cartel da XXXIII Semana Galega de Filosofía © Aula Castelao

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.