"A política da Xunta consiste en entregar a grandes empresas todos os recursos do país, desprezando o que xa existe a pé de terra"

Xosé Carlos Morgade © CEP Sequelo (Marín)

Xosé Carlos Morgade é unha das persoas que mellor coñece en Galicia a realidade dos os montes veciñais, polos que leva décadas traballando. Promotor en 1993 da Comunidade de Montes de Mourente (Pontevedra), é membro da súa Xunta Reitora desde aquela; actualmente é o seu presidente. En 1999 foi promotor da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, da que foi Secretario ata o 2016; actualmente é membro da súa Xunta Reitora. En 2015 foi elixido primeiro presidente de Iniciativa Comunales, que traballa pola defensa e recoñecemento das áreas conservadas por Comunidades Locais en todo o Estado Español: Iniciativa Comunales é a entidade encargada en España do Rexistro de ICCAs promovido pola ONU.

Este mércores participou na Semana de Filosofía de Pontevedra, centrada este ano no concepto do Común. Resultaba obrigado, polo tanto, que o evento organizado pola Aula Castelao lle dedicase un espazo aos montes veciñais e outras formas de xestión e propiedade comunitaria, que en Galicia contan cun asentamento local e cun peso económico e social excepcionais. Morgade ofreceu unha conferencia, titulada "O que é do común non é de ningún", na que destacou que "os montes veciñais estiveron historicamente ao servizo das comunidades de veciños para cubrir as súas necesidades. E se puideron facelo foi porque conservaron o proindiviso para garantir a equidade na desigualdade e que cada un puidera aproveitar o que necesitase segundo o que había, sempre desde a consideración de que o monte era de todos".

"A falta de apoio institucional está clara. Se observamos a política da Xunta nesta cuestión nos últimos vinte anos o balance é moito ruído e poucas noces, moitas boas palabras pero sen un apoio auténtico"

Na túa intervención na Semana de Filosofía describiches moitos dos elementos que caracterizan ás formas comunitarias de xestión: o seu carácter necesariamente sustentable, participado, xerador de riqueza e emprego a nivel local... Pero tamén criticaches un certo esquecemento institucional en Galicia, dende o escaso apoio da administración á falta de difusión, por exemplo, nos centros de ensino. Dáselle as costas aos montes comunais?

A falta de apoio institucional está clara. Se observamos a política da Xunta nesta cuestión nos últimos vinte anos o balance é moito ruído e poucas noces, moitas boas palabras pero sen un apoio auténtico. Facer que fan, como dicía a miña avoa. A pesar das repetidas peticións das comunidades de montes de considerar o monte veciñal como recurso educativo e como recurso económico (pois ocupa a cuarta parte do territorio, nada menos), nada se fixo. É un modelo exitoso de xestión económica, un modelo sustentable, participativo e o máis socialmente defendible, pero non se ten en conta. Cando sería fundamental para deseñar un novo modelo forestal para o país e, sobre todo, cando o monte comunal é o camiño para levar a cabo un verdadeiro desenvolvemento local nas zonas rurais.

"Por que temos que crer que xente vida de fóra sabe como aproveitar os recursos dun lugar e en cambio a xente que vive aí, que lle vai a a vida niso, non sabe?"

Fixeches fincapé no seu carácter sustentable, porque ten que asegurar a continuidade do recurso e o respecto á contorna na que vive a propia comunidade...

Si, eu citaba o outro día en Pontevedra unhas declaracións de Elinor Ostrom, premio Nobel de Economía en 2009, que estudou durante varias décadas modelos de xestión comunitaria en todo o mundo. Ela dicía que o modelo de xestión comunitaria dos recursos é moito máis sustentable que o modelo de empresa privada. Destacaba, ademais, que as persoas que vivían na zona e que xestionaban eses recursos tiñan unha gran capacidade de adaptarse ás novas circunstancias. Por que temos que crer que xente vida de fóra sabe como aproveitar os recursos dun lugar e en cambio a xente que vive aí, que lle vai a a vida niso, non sabe?, preguntábase Ostrom. 

"Temos que recuperar o sentido participativo e a responsabilidade a longo prazo, porque esa é a mellor política ambiental: ser conscientes de que aquí imos ter que vivir mañá, e despois os nosos fillos e os nosos netos, e isto ten que durar"

Outro dos elementos fundamentais é a democracia interna nas comunidades e o carácter participativo. É algo do que tomar exemplo para outros ámbitos? Mantense esta filosofía ou estase a perder?

As comunidades de montes son as mellores experiencias de democracia directa en Galicia. Todos os comuneiros teñen todo o poder de decisión, pois as Xuntas Reitoras son apenas quen executan os acordos da comunidade e todas as decisións minimamente importantes deben ser adoptados pola asemblea. Aí temos que recuperar o sentido do consenso: se se poden falar as cousas e chegar a unha solución que contente a todos, sen votación, moito mellor. Os nosos avós si sabían chegar a esas solucións, porque había que falar entre todos, e non se trataba como agora de facer votacións para que gañen uns e perdan os outros. Ollo, que tamén hai comunidades que funcionan mal, onde catro ou cinco tentan gobernar todo. Esas comunidades non funcionan correctamente. Temos que recuperar o sentido participativo e a responsabilidade a longo prazo, porque esa é a mellor política ambiental: ser conscientes de que aquí imos ter que vivir mañá, e despois os nosos fillos e os nosos netos, e isto ten que durar.

"Ou se conta co monte veciñal, ou calquera política forestal que se queira deseñar será un completo fracaso. Os incendios son unha mostra"

Ao longo do século XX as comunidades de montes tiveron que loitar pola súa supervivencia, moitos terreos foron privatizados ou, sobre todo na ditadura, espoliados pola administración. Mesmo así, as comunidades conseguiron a través da mobilización manter as súas estruturas. A historia do monte veciñal é a historia dunha resistencia? Aínda hoxe ten que seguir loitando pola supervivencia deste modelo?

É a historia dunha resistencia, si. O rural está loitando pola súa supervivencia, o monte veciñal tamén. A Xunta levan 30 anos tropezando neste tema, porque non cre nas comunidades de montes. Inviste diñeiro e esforzos nas concentracións parcelarias, pero ti analizas como están as parcelas e ves que a extensión media non chega a unha hectárea, mentres que a extensión media dos montes en mancomún anda polas 200. Tentaron asociar os propietarios privados de terreos forestais, tentárono duramente, con grandes subvencións, e non houbo maneira. Foi un fracaso máis dos moitos que leva colleitado a Xunta no rural. Ou se conta co monte veciñal, ou calquera política forestal que se queira deseñar será un completo fracaso. Os incendios son unha mostra.

"A política da Xunta consiste en confiar nas grandes empresas e entregarlles todos os recursos do país, desprezando o que xa existe a pé de terra"

Na xestión comunitaria e no éxito das comunidades de montes pode estar un camiño de futuro para o rural galego?

Temos que pensar un modelo para o rural que beneficie, primeiro, á propia comunidade, á parroquia e á comarca na que se sitúa esa comunidade, e que potencie a creación de emprego local. Suponse que esa é a clave de toda política de desenvolvemento rural: a fixación de poboación e evitar o despoboamento. E unha vez que consigamos iso, poderemos falar de logros de país a nivel de produción forestal, mineira ou enerxética. Pero, en cambio, a política da Xunta consiste en confiar nas grandes empresas e entregarlles todos os recursos do país, desprezando o que xa existe a pé de terra.

A Xunta dixo que esta ía ser "a lexislatura do rural". A súa política está a dar froitos positivos?

Propostas coma a de impostos cero no rural, que difunden todos os días a bombo y platillo, son unha burla cruel para as persoas que vivimos aquí, cando a realidade é que a Galicia interior está agonizando. É escandaloso que saquen peito por esta medida, que en realidade supón apenas unha rebaixa dunhas centésimas. A situación no rural é moi negativa. Só se salva a produción de viño e porque non depende da Xunta en absoluto, buscou a vida pola súa conta.

O aproveitamento multifuncional dos montes pode ser a clave para a creación de riqueza no rural?

Os montes comunais galegos somos o primeiro produtor de madeira de toda España, cada ano recursos monetarios das comunidades de montes serven para complementar os anémicos orzamentos municipais de moitos concellos rurais, somos o pulmón das cidades nas zonas periurbanas, somos o primeiro abastecedor de auga para as traídas de moitas localidades. E hai moitos máis exemplos de usos e aproveitamentos: os ciclistas cando van polo monte van polas pistas dos montes comunais, porque son as únicas que están abertas. Ou modelos mixtos de produción de cogomelos, de framboesas... para as que as comunidades poden facilitar pequenas parcelas que xeran moito emprego local. A pesar das dificultades hai tamén comunidades con boas explotacións de porco celta e doutra gandaría. Os múltiples servizos que pode dar o monte non se ven porque non se queren ver. 

"Como é posible que unha explotación gandeira que ten cen vacas e á que non lle deixan ampliarse teña ao lado unha parcela de monte que todos os anos hai que limpar e desbrozar?"

Como pode ser que a madeira que se vende en Galicia é a de peor calidade de todo o Estado, madeira para triturar? Terá que ver isto con que as dúas principais empresas do sector en Galicia se dedican a triturar madeira? Como é posible que unha explotación gandeira que ten cen vacas e á que non lle deixan ampliarse teña ao lado unha parcela de monte que todos os anos hai que limpar e desbrozar? Por que non se pode facer un acordo nese sentido? Por que a Xunta non promove que haxa eses acordos? Será porque a Xunta decidiu que o monte comunal tiña que servir para a explotación forestal e non o incluíu como posible terreo de pastos? Será por incompetencia? Aínda que eu cada vez creo menos na incompetencia e cada vez falo máis de torpeza interesada.

"O problema está nas zonas máis rurais, nas que queda pouquiña xente e xente moi maior, ademais. E a Xunta está agardando a que estas comunidades queden sen recambio demográfico para entregarlle a súa xestión ás empresas"

Como ves o futuro das comunidades de montes?

Dáseme moi mal facer predicións. Eu creo que vai ser moi difícil asaltar as comunidades de montes nas zonas máis poboadas de Galicia. Xa ves que as comunidades das comarcas costeiras e das cabeceiras de comarca son as mellor funcionan, sobre todo porque entrou xente novo, máis preparada, que sabe xestionar mellor, que utiliza as novas tecnoloxías... O problema está nas zonas máis rurais, nas que queda pouquiña xente e xente moi maior, ademais. E a Xunta está agardando a que estas comunidades queden sen recambio demográfico para entregarlle a súa xestión ás empresas, a través do que chama contratos temporais de xestión pública. Van ser de ata 50 anos, polo que de temporais teñen pouco, e o de xestión pública non é certo, porque a lei especifica que os contratos poderán ser entregados a corporacións privadas. Outra burla máis. E como ven que non hai reacción, cada vez son máis descarados nos seus enganos.

"Quérenlle impoñer ás comunidades de montes un modelo empresarial, cando unha comunidade de montes nunca será unha empresa"

O perigo é a privatización da xestión?

Quérenlle impoñer ás comunidades de montes un modelo empresarial, cando unha comunidade de montes nunca será unha empresa. Porque para unha comunidade é importante o factor económico, que o monte xere recursos para a comunidade, pero tamén outros factores sociais e ambientais: garantir a continuidade do recurso e o respecto ao medio ambiente, porque eles viven aí, queren calidade de vida. En cambio, unha empresa só se rexe polos factores produtivos e só cumpre os sociais e ambientais que lle marca a lei, que ben poucos son e moi facilmente pódense burlar.

 

Xosé Carlos Morgade © CEP Sequelo (Marín)
Morgade foi promotor en 1993 da Comunidade de Montes de Mourente, que aínda preside Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.