"A política de estranxeiría é unha reforma laboral encuberta que precarizou as condicións de traballo"

Eduardo Romero © Praza Pública

"Entender as migraciones obriga a considerar como o proceso de acumulación capitalista baleira uns territorios e enche outros, como forza o desprazamento de poboacións desposuídas e garante unha man de obra migrante barata". ¿Qué hacemos con las fronteras? (Akal) é unha obra colectiva, na que Pablo "Pampa" Sainz, Gema Fernández, Raquel Celis, Leire Lasa e Eduardo Romero busca analizar os procesos migratorios dentro dos procesos de mobilidade do capitalismo. Romero atópase esta semana en Galicia presentando o libro. Despois de facelo este luns en Vigo e de participar este martes nunha mesa redonda en Compostela, nos días seguintes estará en Ourense, A Coruña e Ferrol. Unhas presentacións que se enmarcan na Semana Galega de Loita contra as Fronteiras.

Eduardo Romero é integrante do colectivo asturiano Cambalache, e autor de diferentes textos sobre políticas migratorias: Quién invade a quién. Del colonialismo al II Plan África (2011), Un deseo apasionado de trabajo más barato y servicial. Migraciones, fronteras y capitalismo (2010), A la vuelta de la esquina. Relatos de racismo y represión (2008), e Quién invade a quién. El Plan África y la inmigración (2007).

"Vemos como o capital necesita desa mobilidade das persoas, sexa como turistas consumistas compulsivos ou como migracións de traballadores"

No libro buscades chegar á orixe das correntes migratorias, a outras correntes, de capital que invaden territorios en América ou África, e obrigan os seus habitantes a abandonar a súa terra. Quen invade a quen?

O libro trata de ampliar a mirada, para inscribir as migracións dentro dos procesos de mobilidade do capitalismo. E vemos como o capital necesita desa mobilidade das persoas, sexa como turistas consumistas compulsivos ou como migracións de traballadores. Vemos tamén como a meirande parte das persoas migrantes non migran exercendo un dereito, senón que practicamente foxen dos seus lugares de orixe. Ben porque eses lugares son espoliados, ou ben porque hai políticas que directamente expulsan os cidadáns dos seus territorios, para ocupalos con outro tipo de actividades de saqueo. Actualmente, o mecanismo segue funcionando: para ocupar millóns de hectáreas en África ou en América Latina para monocultivos de exportación, para actividade mineira e de extracción de hidrocarburos, para construír grandes centrais enerxéticas, etc., é necesario previamente provocar o desprazamento forzado de millóns de persoas. No libro reflicto o tema de Colombia, onde multinacionais españolas ocuparon territorios previamente baleirados de xente a través da violencia.

"A política de estranxeiría é no fondo unha especie de reforma laboral encuberta que tivo lugar a comezos do século para precarizar as condicións de traballo e para anticipar a demolición social que logo se estendeu ao conxunto da poboación"

E para facer a análise completa hai que ver que pasa no lugar de destino. España recibiu cinco millóns de inmigrantes entre 2000 e 2008. Non houbo política de peche de fronteiras, senón que se promoveu a súa chegada e ao mesmo tempo xeráronse as condicións para que esa xente estivese atemorizada, para que sufrise a presión permanente da posible expulsión, da necesidade de renovar o seu permiso de residencia. Púxose aos pés do mercado de traballo a millóns de mulleres e homes, dispostos a traballar en condicións miserables. A política de estranxeiría é no fondo unha especie de reforma laboral encuberta que tivo lugar a comezos do século para precarizar as condicións de traballo e para anticipar a demolición social que logo se estendeu ao conxunto da poboación.

Defendedes o dereito á non mobilidade como parte do dereito á mobilidade?

Defendemos firmemente o dereito á mobilidade e a traspasar as fronteiras que reprimen a poboación. Pero no libro incidimos na necesidade de reconstituír as traxectorias migrantes, e ver que pasa na orixe, ver como millóns de persoas abandonan os seus lugares de maneira forzada. E non queríamos tampouco sumarnos a un discurso de idealización da mobilidade, de fascinación polo éxodo. Defendemos o dereito á mobilidade e o dereito á non mobilidade, á permanencia, como un dereito ligado a outros, como é a soberanía alimentaria ou a autonomía enerxética. O dereito a vivir dignamente en calquera lugar do mundo, en definitiva.

Dentro das persoas migrantes, son as mulleres as que se atopan con máis obstáculos e problemas. Os mesmos que teñen os homes e, a maiores, outros, non si?

O fío condutor do libro son historias de mulleres migrantes. E isto non é unha escolla casual, senón que queríamos darlles ás mulleres o protagonismo co que habitualmente non contan. As mulleres son practicamente a metade da poboación migrante pero ademais teñen algunhas diferenzas cualitativas moi importantes. Sobre todo dende mediados dos noventa en España houbo unha incorporación moi grande de mulleres autóctonas ao mercado de traballo. As mulleres que se incorporaron ao mercado laboral entraron con moitas peores condicións que os homes e así mesmo non houbo un reparto social dos coidados, e en consecuencia as migrantes foron ocupando o espazo dos coidados, substituíndo parcialmente as mulleres autóctonas, e fixérono nunhas condicións de total precariedade. Os fluxos migratorios tiveron outra consecuencia, que foi que estas mulleres nos seus lugares de orixe cada vez tiveron que responsabilizarse máis de asegurar a supervivencia das súas familias.

"Os vendedores da manta sofren máis violencia policial pola súa visibilidade, pero esa mesma visibilidade fai que tamén nos sexa máis fácil aos grupos de apoio axudalos. A figura oposta é a muller que traballa interna ou a muller que traballa nun club, mulleres invisibles para todos"

No libro tamén se fai alusión á situación específica das mulleres que cruzan a fronteira sur e que sofren a violencia das policías marroquí, alxerina ou española. Ás veces vense atrapadas en redes de trata, que trafican con seres humanos, e son enviadas a Europa para traballar no mercado do sexo. No libro tamén tratamos as cuestións da visibilidade e a invisibilidade, como os propios colectivos sociais tivemos máis acceso a grupos de homes migrantes que aos de mulleres migrantes. Por exemplo, os vendedores da manta sofren máis violencia policial pola súa visibilidade, pero esa mesma visibilidade fai que tamén nos sexa máis fácil aos grupos de apoio axudalos. A figura oposta é a muller que traballa interna ou a muller que traballa nun club, mulleres invisibles para todos. Necesitamos dende os colectivos construír ferramentas para poder acceder a esas mulleres e crear redes de apoio.

Só somos conscientes das políticas migratorias cando suceden cousas coma as de Lampedusa?

Máis de 20 mil persoas morreron afogadas tentando chegar a Europa nos últimos 20 anos, e outras 8 mil están desaparecidas. O suceso de Lampedusa non é unha noticia extraordinaria, ás veces parece que 50 mortos non son suficientes para ser noticia, parece que teñen que ser máis de 100. Europa cada vez pon máis recursos policiais, militares, económicos e tecnolóxicos ao servizo da vixilancia de fronteiras. Tamén chega a acordos con Alxeria, Libia, Marrocos ou Mauritania, para que estes países exerzan ese papel de xendarmes, de controladores da fronteira de Europa, creando centros de detención ilegais. Que morrera tanta xente no mar non é culpa só de que non fosen socorridos, senón que en boa parte é culpa da presión crecente das policías de fronteira, que os obriga a arriscarse por rutas moito máis perigosas.

"Medidas coma a retirada da atención sanitaria aos migrantes sen papeis non teñen un obxectivo económico, senón que se busca dirixir o foco a eles como xeradores de conflitos"

As políticas do Goberno, coma a privación da atención sanitaria para as persoas en situación irregular, néganlle a estas persoas a súa condición humana?

O PP prometeu modificar a política migratoria que aplicaba o PSOE, comezando polos centros de internamento ou as redadas racistas. Pero, dende logo, non o cumpriu, e a política foi moi continuista coa anterior. En boa medida o obxectivo desta xestión, da criminalización da inmigración, é crear un inimigo interno ao que se pode culpar da crise, do paro ou da inseguridade. Medidas coma a retirada da atención sanitaria aos migrantes sen papeis non teñen un obxectivo económico, senón que se busca dirixir o foco a eles como xeradores de conflitos, e tamén abolir a universalidade da sanidade sen que o conxunto da cidadanía interprete que a medida os ameaza a eles.

"Quen foi por diante en cuestión de racismo foi o Estado"

Como analizas a resposta da sociedade española ante a inmigración?

Con respecto aos brotes xenófobos que houbo nalgún momento, eu sempre sosteño que quen foi por diante en cuestión de racismo foi o Estado. Nos últimos anos os partidos gobernantes en España levaron a cabo políticas racistas propias de partidos de ultradereita. As detencións masivas de persoas pola cor da súa pel non son algo anecdótico, senón que é unha política continuada durante moitos anos. A historia debería facernos a crítica de que a nosa sociedade permitiu que houbese estas redadas racistas e permitiu que houbese centros de internamento para estranxeiros, e de que non houbo unha mobilización masiva para deter estas políticas. Pola contra, tamén houbo loitas e experiencias moi interesantes para pelexar contra estas prácticas, e deben ser valoradas e recoñecidas.

Eduardo Romero © Praza Pública
Programa da Semana Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.