A praza de touros de Pontevedra 'pecha' en protesta pola "tortura animal"

Peche simbólico da praza de Pontevedra CC-BY TFP

A asemblea cidadá Touradas Fóra de Pontevedra (TFP) vén de realizar este mércores un peche simbólico da praza de touros da cidade por ser, segundo o colectivo, "un lugar de tortura animal". Por cuarto ano consecutivo e de forma totalmente pacífica, varios membros deste grupo empapelaron con faixas e mensaxes antitaurinos a entrada do tendido número 3 do Coso de San Roque para "reiterar a petición da abolición das touradas e pedir a conversión das prazas en coliseos de uso cultural, social ou deportivo".

"O peche definitivo chegará pronto porque as touradas son un espectáculo violento, cruel e sanguento"

Segundo TFP, o peche definitivo da praza "acabarase producindo en pouco tempo", xa que as touradas "son un espectáculo violento, cruel e sanguento, que nada teñen que ver nin coa arte, nin coa cultura, nin coa historia de Galicia". "Non teñen cabida nunha sociedade avanzada e moderna", aseguran. 

"É un espectáculo inútil en todos os sentidos, mantido por subvencións directas ou axudas encubertas que, de non recibir, hai tempo que desaparecería", asegura TFP, que cre que a sociedade pontevedresae galega non permintirán "e menos en tempos de crise e de recortes de dereitos sociais" que o Goberno Central "aprobe para as touradas 600 millóns de euros en 2012, a Deputación preto de 60.000 euros entre 2008 e 2010 de xeito indirecto ou encuberto ou que o Concello non se comprometa máis activamente en reixeitar as touradas".

Touradas Fóra de Pontevedra lembra que son varias as enquisas que confirman o rexeitamento ás touradas en Galicia

Para TFP, o rexeitamento ás touradas vén demostrado "por multitude de estudos demoscópicos que se fan cada ano nos que se amosa que unha altísima porcentaxe da cidadania (o 89´6% da galega por exemplo) non está de acordo con elas", ademais de destacar que o movemento abolicionista de Pontevedra "está a medrar cada ano". 

Peche simbólico da praza de Pontevedra CC-BY TFP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.