A presión social logra que se universalice o tratamento da hepatite C, pendente aínda de financiamento

Doentes de hepatite protestan no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordaron este mércores estender o tratamento da hepatite C con antivirais de acción directa aos pacientes menos graves, os de grao de fibrosis F0 e F1, polo que se universalizan os medicamentos logo de anos de loita por parte de diferentes colectivos. O acordo alcanzado no Consello Interterritorial de Saúde foi confirmado polo conselleiro de Sanidade da Xunta, Jesús Vázquez Almuíña, aínda que na xuntanza non se determinou aínda o que se cadra é o aspecto máis importante: como se van financiar os novos tratamentos para estes doentes. 

Ministerio e autonomías acordan estender o tratamento da hepatite C con antivirais de acción directa tamén aos pacientes menos graves

Sexa como for, esta universalización dos medicamentos supón para a Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C (PGHC) e para todos os colectivos do Estado "unha nova conquista", tal e como asegura o seu portavoz, Quique Costas. A primeira foi a aprobación do plan estratéxico que entrou en vigor o 1 de abril de 2015 e que permitía que se tratasen todos os enfermos na fase 3 e 4. "Mantivemos a mobilización para que se puidesen tratar todos os pacientes e non só conseguimos iso, senón tamén que o plan se estendese no tempo", engade. 

Refírese Costas á aprobación na xuntanza de ampliar o plan desde o 2018 no que estaba previsto que finalizase até 2020, tal e como confirmou Almuíña sobre un proxecto que, dixo, "serviu para curar unha porcentaxe moi importante de pacientes cunha enfermidade mortal". "Desde 2015 avanzamos en tratar os doentes máis graves e agora avanzamos co resto", asegurou o conselleiro, que cre que en tres anos se pode "ter erradicado o virus ou tratado todos os pacientes". 

A plataforma galega de afectados asegura que esta universalización é "unha nova conquista" da presión social logo de lograr a aprobación do plan estratéxico en 2015

Pero as boas noticias deben confirmarse aínda e para que estes tratamentos se universalicen entre todos os doentes fai falta financialos. Tanto a ministra Dolors Montserrat como outros cargos do Ministerio adiantaran en comparecencias no Congreso un investimento de 200 millóns de euros para ampliación do plan, unha partida que, como lembra Quique Costas, "non está recollida nos Orzamentos Xerais do Estado". Na xuntanza do pasado mércores, segundo transcendeu, varios conselleiros de Sanidade autónomicas, tanto do PP como do PSOE, amosaron as súas dúbidas sobre a viabilidade do plan no caso de que non se acheguen cartos. "É un asunto que non está aclarado e que se debería aclarar axiña", di o voceiro da PGHC. 

O Ministerio adiantara un investimento de 200 millóns para ampliar o plan pero a partida non está nos Orzamentos Xerais do Estado

"O que nos toca agora é reclamar que haxa cartos, que os saquen de onde queiran pero que se saquen para que o acordo se cumpra efectivamente", engade Costas, que advirte de que, no caso de que non exista financiamento abondo, "pode ocorrer o mesmo que coa lei da dependencia, coa que se recoñeceu un dereito aos dependentes pero á que non se dotou". "Agora os pacientes teñen o dereito a ser tratados, pero hai que lograr que sexan tratados", di. 

Almuíña, á saída da xuntanza, avogou por ampliar o debate a "todo o financiamento sanitario" ao entender que "sería un erro falar só dunha enfermidade concreta cando temos moitas enfermidades, tratamentos novidosos, pero que evidentemente temos que falalo no seu conxunto". 

A plataforma advirte do risco de que pase "como coa lei de dependencia, na que se recoñeceu un dereito pero que non se dotou de cartos"

Desde a PGHC, Quique Costas asegura que será necesario coñecer máis detalles sobre outros aspectos como o plan de detención precoz que "permita facer agromar todos eses doentes que forman parte da chamada bolsa oculta", unha opción que se prevé incorporar ao plan xeral estratéxico e que espera que as autoridades do Ministerio lle aclaren no vindeiro comité de coordinación do devandito plan ao que asistirá como portavoz da plataforma. 

En canto á cifra de novos pacientes que agora poderán acceder aos tratamentos en Galicia, desde a PGHC recoñécese a dificultade de facer o cálculo aínda que diversos estudos sitúana en arredor de 1.000. Vázquez Almuíña, pola súa banda, destacou que máis de 5.000 pacientes coa enfermidade máis avanzada xa foron tratados, ademais de 300 coas fibroses agora incluídas (F0 e F1) que xa foron tratados ao incluírse nalgunhas das excepcións que incluía o plan. Agora, segundo os seus cálculos, serán 2.000 os que se beneficiarán neste ano dos novos medicamentos, entre os enfermos graves que estaban sen tratar e os leves. A extensión das menciñas, dixo, podería elevar a 18 millóns o gasto sanitario da Xunta

Segundo explicou o conselleiro no Parlamento hai tan só unhas semanas, ata a aplicación do novo plan estratéxico, o Sergas tiña iniciado 1.137 tratamentos para a hepatite C cos novos antivirais comercializados desde o ano 2012. Logo da posta en marcha deste, o número de tratamentos case se cuadruplicou, ata chegar aos 4.188 dous anos despois. Desta cifra, 51 corresponden a segundas liñas de medicación a pacientes con retratamentos con antivirais de acción directa. 

E mentres, mantense aberta nos xulgados de Compostela a causa que instrúe o xuíz Andrés Lago e na que se investiga o daquela director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial; e a subdirectora de Farmacia, Carolina González-Criado, aos que se lles atribúen delitos de homicidio por imprudencia profesional grave e prevaricación administrativa. Trátase de aclarar se houbo un atraso ilícito na avaliación de doentes con hepatite C e, xa que logo, na subministración de medicamentos que poderían terlles salvado a vida. A Fiscalía acusara a Xunta de demorar a administración dos fármacos "por razóns orzamentarias".

Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.