A privatización da extinción de incendios con helicópteros "busca beneficiar certas empresas"

Brigadistas de Medio Rural, ante un helicóptero © Inaer

Apropiga, asociación de traballadores do Servizo de Incendios da Consellería de Medio Rural, denuncia “un novo paso cara á privatización” da prevención e defensa contra os incendios en Galicia. O Consello da Xunta do pasado mércores autorizou a contratación do servizo integrado de helicópteros e brigadas helitransportadas con destino á prevención e defensa contra incendios forestais durante as precampañas e campañas dos anos 2013 e 2014 por un importe total de máis de 12,3 millóns de euros, unha medida que inclúen nas “politicas de privatización e despilfarro de recursos públicos que está a levar o goberno galego”.

Os traballadores denuncian un novo paso cara á privatización da prevención e defensa contra os incendios tras a autorizarse a contratación do servizo de helicópteros por 12,3 millóns

Así, Apropiga lembra que esta liña de privatización “xa comezou na pasada campaña de alto risco” cando tiveron entrada na loita contra os incendios forestais empresas privadas que xestionaron a coordinación, contratación e dirección dunha parte do dispositivo a través dun procedemento sen publicidade que foi adxudicado ás empresas Inaer e Natutecnia.

"A Xunta teima en desmantelar e privatizar os servizo público e continuar cun modelo de prevención e extinción fraccionado e dividido"

“A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, continúa na súa teima de desmantelar e privatizar o servizo público; pretende dar continuidade a un modelo de prevención e extinción fraccionado e dividido en varias empresas públicas e privadas convertendo nun negocio a prevención e extinción de incendios en Galicia a costa da precarización das condicións de traballo dos profesionais e prestando un servizo deficiente ós cidadáns”, quéixanse os traballadores, que acusan de “mentir” á Xunta cando xustifica a privatización na integración, optimización do funcionamento e do custo.

“Cando se fala de servizo integral e se privatiza unha parte do dispositivo está fraccionándose e, polo tanto, segundo o propio argumento de Medio Rural deixa de ser integral e deixa de ser óptimo”, recordan, tras advertir de que o custo que suporá a privatización do dispositivo das brigadas helitransportadas “vai ser moi superior” ao que costan as birgadas das que dispón a Xunta con persoal propio. “Só se xustifica a privatización no afán de beneficiar determinadas empresas a costa de precarizar as condicións de traballo das persoas contratadas para esas brigadas”, denuncian.

"Contrataranse traballadores a dedo, sen fixarse nos principios de igualdade, méritoo e capacidade"

“A introdución de empresas na prevención e extinción de incendios supón que os traballadores contratados non o serán polas listas públicas que xa existen para a contratación de traballadores e, polo tanto, os requisitos que se lles esixan non se fundamentarán nos principios de igualdade, mérito e capacidade”, denuncian, tras lembrar que o ano pasado as empresas adxudicatarias excluíron persoal “con experiencia  formación”. “A selección foi a dedo”, insisten.

Ademais, Apropiga censura os baixos soldos pagados polas compañías, “que quedan coa meirande parte dos cartos”, así como a fragmentación do dispositivo contra o lume e que prexudica a efectividade do traballo.

“Estamos ante unha política absolutamente irresponsable nun tema tan complexo en Galicia como é a prevención e extinción dos lumes, e onde se renuncia de antemán a realizar unha política preventiva e forestal verdadeira de tal nome. Gastamos millóns de euros en contratar helicópteros, namentres se descuidan as labores de prevención”, finalizan.

Imaxe dun incendio desde o aire Dominio Público @BrifLaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.