A promotora Promociones San Ciprián, S.L., propietaria da urbanización que en 2007 destruíu unha parte importante do Castro da Atalaia (Cervo), será indemnizada pola paralización das obras e a conseguinte "redución do aproveitamento urbanístico". O Tribunal Supremo vén de atender a súa reclamación, despois que o pasado ano o TSXG desestimara esta petición. Complétase así un auténtico despropósito legal, administrativo e político nacido en plena burbulla inmobiliaria e que acabou estragando un valioso xacemento castrexo.
A promotora será indemnizada pola paralización das obras e a conseguinte "redución do aproveitamento urbanístico"
Manuel Miranda, voceiro de Mariña Patrimonio, unha das entidades que no seu momento denunciou estes feitos, cualifica de "escandaloso" o conxunto do proceso que acabou na destrución do castro, cheo de "irregularidades". Miranda sinala as responsabilidades que no sucedido teñen tanto o Concello de Cervo, que concedeu as licenzas de construción, coma a Consellaría de Cultura, por non protexer o castro antes. E alerta de que o pagamento desta indemnización, que deberá aboar Patrimonio, pode detraer recursos económicos que servirían para protexer outros elementos ameazados.
O 29 de setembro de 2005 documentouse a descuberta dos restos dun castro no lugar de Punta Atalaia (San Cibrao, Cervo), inscribíndose o achado no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos e sendo comunicado ao Concello de Cervo. Nos dous anos seguintes, nun momento no que a febre construtora no litoral chegara con forza á Mariña lucense, a empresa Promociones San Ciprián, S.L. mercou tres parcelas no lugar co obxectivo de levantar tres edificios de 42, 32 e 26 vivendas, para os que o Concello de Cervo outorgou as pertinentes licenzas. A Dirección Xeral de Patrimonio (que recibira unha denuncia anónima) mandou paralizar as obras, pero as autoridades municipais tardaron cinco días en comunicarllo á construtora, que estragou unha superficie de ao redor de 1.600 metros cadrados de valiosos restos arqueolóxicos. As pedras foron retiradas en camións ata un vertedoiro próximo, onde os técnicos de Patrimonio as inventariaron, constatando o seu valor. Unha vez estragado o castro, Cultura deixou continuar as obras, coa condición de que a promotora presentase un proxecto arqueolóxico para a escavación da zona non afectada. Porén, a construtora ignorou esta petición, continuando cos traballos sen sequera comezar a cata do resto do xacemento.
Manuel Miranda (Mariña Patrimonio) sinala as responsabilidades que no sucedido teñen tanto o Concello de Cervo coma a Consellaría de Cultura
En 2009, un informe da Delegación Provincial de Cultura constatou que tanto o Concello coma a Xunta eran coñecedores da existencia dun castro nese lugar dende o ano 2005, criticando que o Goberno galego tardara dous anos en aplicar a debida protección, pero sobre todo denunciando que o Goberno local concedera as licenzas de obra a pesar de que o lugar figuraba no catálogo do PXOM como xacemento arqueolóxico. En 2010 Patrimonio ditaminou a obriga para a construtora de conservar in situ os restos atopados, así coma a adopción de medidas de protección axeitada para evitar a degradación dos restos, algo que a promotora non cumpriu.
Estes obstáculos e a propia crise do mercado inmobiliario paralizaron de facto as obras, ficando en pé apenas o esquelete dun dos edificios, podéndose recoñecer no resto do predio, desprotexidos, algúns dos elementos que conformarían o castro, que pode constituír -segundo Mariña Patrimonio- un dos máis importantes do norte peninsular, seis veces máis grande que o de Viladonga. A presión de Mariña Patrimonio e de Adega conseguiu que en 2011 a Xunta actuase para protexer os restos, tapándoos para evitar a súa degradación.
A promotora decidiu nese momento presentar unha reclamación de responsabilidade patrimonial contra a Consellaría de Cultura por un valor de 4,4 millóns de euros, atendendo ao valor do terreo, á redución do aproveitamento urbanístico, ao lucro cesante e ao custe das obras xa realizadas. O TSXG desestimou en 2015 esta petición, pois "o propietario do solo ten o deber xurídico de soportar esas limitacións do seu dereito de propiedade", sinalando ademais que "a obriga de realizar a intervención arqueolóxica viña imposta desde o momento en que consta no expediente administrativo que desde o 29 de setembro de 2005 comunicouse a aparición de restos arqueolóxicos (...) e sobre todo e moito máis cando xa no primeiro solar propiedade da actora atopáronse vestixios e paralizouse a obra que logo foi de novo autorizada".
O Tribunal Supremo prioriza o feito de que a promotora contase cunha licenza de edificación legalmente outorgada polo Concello
Fronte á rotundidade da sentenza do TSXG, o Tribunal Supremo prioriza o feito de que a promotora contase cunha licenza de edificación legalmente outorgada polo Concello: "A licenza incorpora ao patrimonio do seu titular o dereito a edificalo nos termos nela autorizado (...) A recorrente tiña as pertinentes licencias cando se descubriron os primeiros vestixios arqueolóxicos con ocasión do movemento de terras no solar contiguo, tamén da súa propiedade, por iso a imposibilidade de executar os proxectos, sen outra solución alternativa comporta a privación dun dereito". A sentenza ordena o pagamento dunha indemnización pola redución do aproveitamento patrimonializado nas licenzas, así como o reintegro dos gastos satisfeitos polos proxectos, licenzas e promoción inmobiliaria, mais non recoñece o reclamado pagamento polo "lucro cesante". O ditame non fixa unha indemnización precisa e indica que a cantidade final "concretaranse en trámite de execución de sentenza de acordo aos parámetros establecidos".