A queima dun estaleiro tradicional moañés pon o foco no desleixo sobre o patrimonio

Incendio no estaleiro Casqueiro en Moaña © ACR Sueste

"Este galpón vamos a 'derribar' para que o 'pueblo' poida pasear por Beiramar". Esta foi a pintada que desde hai uns días lucía nunha das paredes da fachada do estaleiro tradicional de Casqueiro, en Moaña. A ameaza, en forma escrita pero que xa chegara de moitas outras, estaba feita. Na madrugada do sábado ao domingo un incendio acabou coa carpintería histórica. A alcaldesa da localidade cualificou de "atentado terrorista" un lume que, segundo as primeiras investigacións, foi provocado, para o que se usaron acelerantes e que levou por diante unha importante peza do patrimonio etnográfico e cultural da vila. 

O estaleiro foi atacado e incendiado logo doutros intentos e despois de ameazas verbais e en forma de pintadas

O incendio, que de estenderse puido ter provocado moitos máis danos, calcinou numerosas embarcacións, entre elas unha de vela de clase olímpica, varias históricas, outras de paseo, unha polbeira ou unha dorna nai. Tamén ferramentas tradicionais de difícil recuperación, ademais de toda a estrutura deste estaleiro histórico. Nel, e no colindante de Carlagho, traballaba a asociación recreativa e cultural Sueste, que se encarga de recuperar embarcacións tradicionais e mantén un acordo cos propietarios do inmoble agora esnaquizado. É a familia Casqueiro, que loita co apoio dunha maioría dos veciños pola súa conservación e por que acabe sendo un museo cando remate a súa titularidade en 2018, data para a que o Concello prevé a súa reversión ao público de fructificaren as súas negociacións con Costas. 

O estaleiro é propiedade da familia Casqueiro, cuxa titularidade remata en 2018, ano no que o Concello quere recuperalo para facer un museo

O ataque desta fin de semana -houbo outros antes e intentos de prenderlle lume non hai moito- supón o punto álxido e a escenificación máis dura e violenta dun conflito enquistado en Moaña desde hai un par de anos. Desde que en 2015 se intenta a conservación e recuperación desta carpintería de ribeira ubicada en pleno centro urbano da vila, na zona de Seara. Daquela, o goberno local do PP puxo en marcha a construción dun paseo marítimo cuxo proxecto afectaba inevitablemente o histórico inmoble. A negativa dos titulares da concesión a que os operarios ocupasen as fincas para construír o trazado previsto paralizou as obras, un rexeitamento ás intencións do executivo que contaba co apoio dun movemento veciñal liderado pola asociación Sueste, que pelexa pola conservación e revitalización cultural do estaleiro. 

Logo das eleccións municipais de maio de 2015, un goberno de coalición entre BNG e PSdeG substituíu o PP á fronte do Concello. O executivo da alcaldesa nacionalista Leticia Santos buscou unha alternativa e propuxo que as obras do paseo continuasen pero bordeando o estaleiro pola parte interior da vila. Tamén negociou con Costas a posibilidade dun trazado elevado sobre o mar mediante unha pasarela que non foi aceptado. O pasado ano, o proxecto paralizouse á espera de que a administración local arranxase os atrancos na cesión dos terreos necesarios.

O goberno local do PP proxectou un paseo que afectaba o estaleiro tradicional; o actual executivo de BNG e PSdeG evitou a derruba, busca alternativas e activou a súa protección

Mentres, xurdía na vila unha plataforma en contra da conservación do estaleiro. Co apoio e impulso do PP, leva ano e medio celebrando manifestacións e actos de protesta cada pouco reivindicando a construción do paseo de acordo ao proxecto orixinal do goberno local do Partido Popular. "Fóra museo, queremos paseo" é unha das consignas máis repetidas nas concentracións deste colectivo, á que acoden cargos municipais do PP habitualmente. 

O conflito é evidente. Na última concentración de rexeitamento ao incendio intencionado o pasado domingo, e mentres un poeta local lía o manifesto, un membro da directiva da plataforma Beiramar púxose a increpar os asistentes. A alcaldesa Santos interviu para advertirlle que o pobo de Moaña "xa non ía calar". No fondo, un conflito que a rexedora insiste que é avivado "por unha minoría" da vila. 

Unha plataforma veciñal leva ano e medio protestando contra o estaleiro co apoio do PP local: "Fóra museo, queremos paseo"

 

Ataque "contra o patrimonio marítimo"

En conversa con Praza.gal, Leticia Santos é contundente: "A queima do estaleiro é o resultado dunha sementeira de odio contra unha familia que sofre a persecución desde hai tempo", di en referencia aos Casqueiro. Lembra, ademais, que o incendio intencionado desta pasada fin de semana "é o terceiro atentado en pouco máis dun ano" contra a carpintería. "Acaban co noso patrimonio marítimo", insiste a rexedora, que advirte de que a perda "é difícil de recuperar" ao estragarse de vez ferramentas e embarcacións tradicionais "que son irrecuperables". 

"A queima do estaleiro é o resultado dunha sementeira de odio contra unha familia que sofre persecución", di a alcaldesa

O Concello, mentres, "reafírmase" en que esa concesión que remata o ano vindeiro "sexa revertida" á administración local para "a posta en valor e musealización" do estaleiro de Casqueiro. Este mesmo martes darase traslado desde Moaña a Patrimonio dos informes técnicos sobre o estado da construción, así como a avaliación de danos. Lembra a alcaldesa que o inmoble atopábase xa inmerso nun expediente de protección. Curiosamente, a asociación Sueste destacou o feito de que o lume arrasase a infraestrutura xusto dous días despois de que a Xunta publicase -o pasado venres- a resolución da Consellería de Cultura para declarar ben de interese cultural (BIC) como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia as técnicas construtivas da carpintería de ribeira. 

A queima chegou dous días despois de que a Xunta declarase BIC as técnicas construtivas da carpintería de ribeira

Patrimonio xa lle manifestou á asociación Sueste que prepara tamén un expediente sobre o acontecido, ao danar o incendio un ben protexido, polo que o remitirá á Fiscalía para que abra as dilixencias oportunas. Ademais, a tramitación do informe para a declaración como BIC seguirá adiante, xa que a perda material non inflúe na catalogación patrimonial do estaleiro, que será reconstruído e para o que se pretenderá a implicación de todas as administracións competentes. 

Con todo, en Moaña hai un grupo de veciños -"minoritario" segundo insiste a alcaldesa- que aposta pola derruba dos estaleiros. "Queren que se constrúa un aparcadoiro e o paseo por esa zona; a súa consigna é 'queremos paseo e non museo' e só hai que ler as pintadas que aparecen para decatarse de cal é o seu ideario: non queren protexer o patrimonio senón acabar con el", explica a rexedora do BNG. 

Patrimonio elabora un expediente sobre os danos provocados polo incendio que trasladará á Fiscalía

No transfondo, tamén un conflito alentado desde formacións políticas. Desde o goberno local de Moaña lémbrase que na directiva da plataforma Beiramar hai algún importante cargo do PP, mesmo candidatas ao Congreso dos Deputados por un partido que, segundo a alcaldesa, ten moito que ver no ambiente de crispación. "Hai concelleiros que se dedican a sementar xenreira contra a familia Casqueiro mentres integrantes da plataforma rebentan plenos municipais", describe. 

Sexa como for, logo de ameazas, berros e pintadas que advertían do futuro negro para o estaleiro, un incendio provocado acabou por destruír importantes embarcacións e aparellos, ademais de causar importantes danos cunha carpintería tradicional que está xa baixo un réxime de protección. 

Incendio no estaleiro Casqueiro en Moaña © ACR Sueste
Estaleiros tradicionais na costa de Moaña © ACR Sueste

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.