Ducias de milleiros de persoas (seis mil para a Delegación do Goberno) rodearon de forma pacífica o Congreso durante horas, cumprindo co obxectivo de ocupar simbolicamente a cámara baixa. Os manifestantes comezaron a chegar pouco antes das seis da tarde en dúas grandes marchas, que previamente celebaran masivas asembleas. As proximidades do Congreso estaban tomadas por máis de 1.300 policías, que ao redor das sete da tarde cargaron con dureza contra os concentrados, provocando 36 detidos e 50 feridos, un deles grave, cunha lesión medular.
Os deputados de Esquerda Unida, encabezados por Cayo Lara, Gaspar Llamazares e Alberto Garzón, e algúns dos Grupo Mixto, entre eles Olaia Fernández Dávila, saíron da cámara para recibir os manifestantes, que aplaudiron o seu xesto.
A tensión foi aumentando ao longo da tarde. Os manifestantes deixaran claro a súa intención de que a protesta fose pacífica e que non se intentaría rachar o cerco que a policía establecera ao redor do Congreso. Porén, ás sete produciuse unha forte carga, e as accións dos antidisturbios aumentaron a partir das nove da noite. A partir desa hora, xusto no momento en que algún membros do Goberno chegaban á cámara para participar nunha votación, as cargas e carreiras foron continuas, mesmo en rúas moi afastadas da Carrera de San Jerónimo. Ao remate dunha hora de cargas a os antidisturbios limparan varios quilómetros ao redor do Congreso.
En twitter, o secretario xeral do Sindicato Unificado de Policía (SUP), José Manuel Sánchez Fornet, foi dando a súa "receita" para rematar coa concentración: "Mi opinión: disolver, empujando o con cargas. Este o es un país serio o es una mierda. Y esto tiene de pacífico lo que yo de santo. Leña ya". Mesmo algúns xornalistas foron agredidos e case ás nove e media da noite Alberto Garzón e outros deputados de IU foron empurrados pola policía. Ademais os organizadores acusaron a infiltrados policiais de ter provocado actos de violencia.
En calquera caso parece que a protesta cumpriu con creces os seus obxectivos, converténdose na nova do día non só en España (nunha xornada especialmente densa en canto á actualidade co adianto electoral en Catalunya) senón en todo o mundo, protagonizando as portadas da BBC ou a CNN- A manifestación buscaba ser un acto de afirmación e de forza máis da cidadanía, nin o primeiro nin o último, co obxectivo de presionar o Goberno central e forzalo a recuar na súa política de recortes.
Manifestación en Santiago
Tamén houbo mobilizacións en Barcelona e Sevilla, ante os parlamentos catalán e andaluz, ambas as dúas moi masivas. En Compostela varios centos de persoas manifestáronse dende a Praza Roxa até o Parlamento, para desprazarse despois até o Pazo de Raxoi, no Obradoiro, sempre baixo a chuvia. A marcha estaba convocada pola Asemblea Aberta de Compostela para denunciar que "o noso sistema político resultou ser unha fraude na cal os distintos gobernos nos traizoan facendo exactamente o contrario aos seus compromisos electorais, e no que a xustiza non actúa contra os banqueiros, políticos e empresarios culpábeis da situación".
Os manifestantes berraron contra os recortes, o control da polítíca polos poderes económícos e a prol da apertura dun novo proceso constítuínte. Á concentración acudiron Yolanda Díaz e outros dirixentes de Esquerda Unida, aínda que salientaron que o facían "como cidadáns".