"A radio comunitaria veu substituír o servizo público que daban as radios locais"

Miriam Meda CC-BY-SA drow male

Este venres comeza na Coruña o Encontro Europeo de Medios do Terceiro Sector, que até o domingo reunirá na cidade a responsables de radios e televisións libres e comunitarias de todo o continente. O evento está organizado pola Rede de Medios Comunitarios (ReMC) e impulsado principalmente polo traballo local de Cuac FM e no seu marco tamén se celebrará a xuntanza anual do Consello Europeo da Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC). Serán tres días de debates e obradoiros, de posta en común de experiencias e de problemáticas e éxitos compartidos, co obxectivo de mellorar o funcionamento, a incidencia e o impacto destes medios nacidos dende abaixo.

Miriam Meda (Fuenlabrada, 1986) é a presidenta da Rede de Medios Comunitarios e traballa en Radio Ritmo (Getafe), emisora en activo dende o ano 1991. Falamos con ela sobre a situación das radios e televisións do terceiro sector en España e da súa función social e xornalística

"A pesar de que a lei de 2010 recoñece expresamente a existencia de medios libres e comunitarios, na práctica isto non foi regulado, na forma de decretos autonómicos, nin se puxo en práctica de maneira estrita"

No 2010 aprobouse unha nova lei de telecomunicacións que por fin recoñece os medios comunitarios. Hai avances reais?

Eu dividiría a situación en dúas partes: unha político-legal e outra parte organizativa. Na primeira, resulta curioso que o Estado, a pesar de que ser de carácter autonómico, con moitas competencias descentralizadas, por exemplo no audiovisual, a situación é bastante homoxénea en todos os territorios, e para mal. A pesar de que a lei de 2010 recoñece expresamente a existencia de medios libres e comunitarios, na práctica isto non foi regulado, na forma de decretos autonómicos, nin se puxo en práctica de maneira estrita. Pasounos un pouco como con Arxentina; aplaudimos moito cando aprobaron en 2009 a súa lei, que era moi avanzada e repartía un terzo do espectro radioeléctrico para os medios comunitarios, pero na práctica case non se aplicou. En España é certo que se concedeu algunha licenza, por exemplo en Navarra a Xorroxin, pero fóra diso case non hai exemplos de radios ou televisión que conseguiran algún tipo de permiso habilitante para emitir. Varios dos concursos están impugnados, como é o caso de Galicia ou Canarias e mesmo se anulou o concurso en Euskadi. En resumo, na práctica non estamos mellor que en 2010. O peor de todo é que sufrimos moitas interferencias de sinal de frecuencias comerciais piratas, e ao non ter licenza non o podemos denunciar. Porén, a parte positiva é que a nivel interno e a nivel organizativo si hai unha coordinación que antes non había. Somos moitos os medios que traballamos en conxunto, a visibilidade en Europa está aumentando moitísimo. Esa parte positiva deberíamos difundila moito máis.

"A parte positiva é que a nivel interno e a nivel organizativo si hai unha coordinación que antes non había. Somos moitos os medios que traballamos en conxunto, a visibilidade en Europa está aumentando moitísimo"

O problema é que se contempla o espectro como negocio e non como servizo público?

Si, iso é moi certo. A persoa ou entidade que acada unha licenza enténdeo como algo da súa propiedade, cando iso non é así: o espectro radioeléctrico é propiedade de todas as persoas. Se ti cumpres unha serie de requisitos cédenche unha autorización de uso, pero non pasa a ser da túa propiedade. A lei de 2010 si abre a porta a esta idea, porque alguén a quen se lle concedeu unha frecuencia agora pode vendela ou arrendala, o que é completamente aberrante, e non sucede no resto do mundo.

"En España, para pechar as emisoras comunitarias, terían que pechar tamén centos de emisoras dos grandes grupos. Así que se mantén esa lei da selva, porque a eles lles beneficia"

Chámanvos a vós "piratas", pero son as emisoras comerciais as que exercen con máis frecuencia este pirateo, a ocupación de frecuencias que non lles corresponden...

Eu diría que todas as grandes cadeas emisoras que coñecemos emiten por unha ou moitas frecuencias para as que non teñen licenzas, ou licenzas que incorren nalgún tipo de ilegalidade. Isto é algo que á xente de fóra de España lles chama moito a atención: pregúntanos “non vos pechan a emisora por non ler licenza?”. E non nos pechan, e para eles é inconcibible, porque nos seus países, se non tes unha licenza, o Estado péchache a emisora, pero pechan as emisoras comunitarias e pechan tamén as emisoras das grandes cadeas. A lei é igual para todos. O que pasa é que en España, para pechar as emisoras comunitarias, terían que pechar tamén centos de emisoras dos grandes grupos. Así que se mantén esa lei da selva, porque a eles lles beneficia. E a nós tampouco nos pechan, a non ser que chamemos moito a atención ou que lle pisemos o sinal a unha cadea legal.

Neste Encontro participan medios comunitarios de todo o continente. Como está a situación en Europa en comparación co que sucede en España?

Europa é moi grande e moi diversa, neste sentido. Non é o mesmo as radios comunitarias que están xurdindo na Europa do leste, ou no norte, ou no Reino Unido ou Francia. Pero xeneralizando, e agás excepcións, as emisoras comunitarias en Europa adoitan ter unha protección legal moi ampla, adoitan estar recoñecidas, e hai países que curiosamente recoñecen os medios comunitarios como de servizo público e dentro dos medios públicos na lexislación. Contan cunha parte de financiamento público, para equipamento ou para a realización de proxectos. E o que cambia é a conciencia social que se ten sobre os medios, esa conciencia de que os medios deben difundir información veraz si que está máis consolidada, e tense unha idea máis clara do que é un medio comunitario cidadán. Mentres nós andamos con debate sobre a legalidade, sobre se resistir na FM ou xa esquecernos e emitir só por Internet, eles están noutro tipo de debates, por exemplo que tipo de tecnoloxía van utilizar, DAB ou DRM

O sábado celébrase a asemblea da Rede de Medios Comunitarios. Que temas se tratarán alí?

Na asemblea vanse tratar temas internos, de organización, sobre todo, os procesos legais nos que participa a asociación, faremos tamén un repaso pola actividade que tivemos no último ano e o que imos facer no ano que vén... Máis interesante se cadra son os contidos doutras seccións do Encontro, que van ser eminentemente prácticos, a través de obradoiros. Algún dirixido a debater e a aprender que ten que facer unha emisora para ter unha maior incidencia na comunidade na que se integran, cales son as posibilidades de financiamento que proveñen de Europa, que tipo de xornalismo podemos facer nos nosos medios comunitarios, a aprendizaxe de contidos hoxe esquecidos na radio, como as radionovelas...

"A radio comunitaria, de forma non sei se dicir inconsciente ou intuitiva, veu substituír o servizo público que daban as radios locais, uns contidos de proximidade, que lles falaban directamente aos veciños"

Exercen os medios comunitarios a radio local e de proximidade que cada vez vai perdendo máis peso (e horas de programación) nas grandes cadeas?

A radio comunitaria, de forma non sei se dicir inconsciente ou intuitiva, veu substituír o servizo público que daban as radios locais, uns contidos de proximidade, que lles falaban directamente aos veciños. Pero iso vaise perdendo. Ademais a televisión e a radio públicas cada vez están máis deostadas, hai intereses para se pechen. E a radio e a televisión comunitarias cubriron ese oco. E en comunidades nas que fala unha lingua distinta do castelán, as emisoras comunitarias cumpren unha función absolutamente fundamental, porque os grandes medios e as emisións en cadea o que fan é homoxeneizar a comunicación, e nesa homoxeneización tamén se homoxeneíza a lingua, e neste caso o español.

"Esas persoas que non estudaron esa carreira, que non saben o que é un código deontolóxico, resulta que fan unha mellor información que noutros medios a xente que presume de ser xornalista e ser licenciado"

Dirixes o obradoiro de Xornalismo do Encontro e na súa presentación escribiches que "o xornalismo ben exercido é un dos garantes da democracia". É unha máxima na que temos que crer todos os días, a pesar das dificultades?

Eu, non sei se por deformación profesional, analizo moito o traballo que fan as persoas que colaboran nos medios comunitarios. Hai xornalistas, e tamén hai persoas que nunca fixeron nada relacionado co xornalismo, nin teñen esa titulación. E sorpréndeme que esas persoas que non estudaron esa carreira, que non saben o que é un código deontolóxico, resulta que fan unha mellor información que noutros medios a xente que presume de ser xornalista e ser licenciado. Sorpréndeme que as bases do xornalismo as teñan mellor interiorizadas, aínda que sexa intuitivamente, persoas que nunca se aproximaron a esta profesión. E creo que as persoas que si somos xornalistas de oficio temos moito que aprender deles.

Miriam Meda CC-BY-SA drow male

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.