125 xornadas temáticas desde a formación en novas tecnoloxías á nutrición pasando polos hábitos saudables e a información sanitaria. O programa Xunt@s da Deputación de Lugo persegue "fortalecer os lazos da comunidade"
"O que necesita o rural é que as administracións apostemos por dotalo de servizos públicos para que a xente se poida quedar nel. Iso é polo que estamos traballando cada día dende a Deputación de Lugo, tamén con este programa Xunt@s que agora poñemos en marcha".
A voceira do Goberno do ente provincial e alcaldesa socialista de Antas de Ulla, Pilar García Porto, explica que o programa Xunt@s organiza actividades gratuítas, de lecer e formativas, co obxectivo de contribuír ao envellecemento activo no rural, "para enriquecer a oferta de ocio e cultural dos pequenos concellos e, polo tanto, para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, un factor determinante para fixar poboación no territorio".
No marco desta iniciativa, que está en funcionamento desde comezos deste ano e percorrerá ata o mes de xuño 25 concellos lucenses, a veciñanza accede a actividades para a promoción do deporte e a inclusión duns hábitos saudables no día a día; formación nas TIC, as tecnoloxías da información e da comunicación, fundamentais para manterse 'conectado' na actualidade; conferencias sobre nutrición e hábitos saudables arredor da alimentación; charlas informativas sobre aspectos sanitarios despois da pandemia da COVID; e accións para favorecer un envellecemento activo.
En concreto, a Deputación de Lugo destina un total de 91.000 euros do seu orzamento ao programa Xunt@s, que se organiza da man dos concellos como os de Pedrafita do Cebreiro, Trabada, Antas de Ulla, Taboada, Navia de Suarna, A Pontenova, A Fonsagrada, Monforte, Vilalba ou Guitiriz e celebrará unha serie de 125 xornadas temáticas gratuítas.
"Xa participaron 1.000 veciños e veciñas da provincia, o que nos dá boa mostra de que funciona e de que estamos dando resposta ás necesidades e intereses que ten a nosa poboación", salientou o presidente da Deputación, José Tomé, que asistiu este abril ao encontro de promoción da saúde cos doutores da Real Academia de Medicina de Galicia José Luis Rodríguez-Villamil (xeriatra) e Rosendo Bugarín (médico de Familia) en Monforte.
"Vivimos máis tempo e debemos procurar que sexa tempo con calidade de vida. Con este compromiso traballamos cada día dende o Concello de Monforte, e tamén dende a Deputación de Lugo, para proporcionar servizos públicos de calidade que favorecen o benestar das persoas. Como se adoita dicir: darlle anos á vida e vida aos anos", debullou José Tomé.
As actividades do programa Xunt@s fomentan a interacción da veciñanza nas zonas rurais e contribúen a "fortalecer os lazos da comunidade", segundo valorou a deputada provincial Pilar García Porto, para quen "a propia temática das xornadas favorecerá os hábitos de vida saudable, a práctica de actividade física, unha educación en prevención ou rachar coa brecha dixital integrando as novas tecnoloxías na vida diaria da xente".
Sesións do programa Xunt@s previstas para abril:
- Xermade
17/04/2024 - 16:00 horas Nutrición e hábitos saudables. Biblioteca de Xermade - Ourol
19/04/2024 - 17:00 horas Nutrición e hábitos saudables. Edificio Multiusos - Navia de Suarna
23/04/2024 - 18:00 horas Xornadas TIC. Salón de plenos da Casa do Concello - Vilalba
24/04/2024 - 18:00 horas Envellecer de forma activa. Casa Escola de Ladra - Lourenzá
24/04/2024 - 18:00 horas Nutrición e hábitos saudables. Salón de actos da Casa do Concello - Ribeira de Piquín
25/04/2024 - 11:30 horas Conferencia: "Ameazas para a saúde no futuro. É bo vacinarse?", impartida pola doutora Raquel Barbosa Lorenzo, xefa da Unidade de Medicina Preventiva do Hospital da Costa de Burela. Centro de día municipal