O territorio da provincia de Lugo ofrece un espazo inmellorable para as actividades deportivas e de lecer en pleno contacto coa natureza
Tirolina, paddle-surf, BTT, kaiak, canoa, trekking, barranquismo, escalada, equitación, tiro con arco... De norte a sur, dende o mar ata os ríos e dende a chaira á montaña, o territorio da provincia de Lugo ofrece un espazo inmellorable para as actividades deportivas e de lecer en pleno contacto coa natureza. Dende hai tres anos a Deputación de Lugo desenvolve o programa Actívate, un conxunto de actividades gratuítas coas que se promove o turismo activo, deportivo e de aventura nos concellos da provincia.
O pasado luns abriuse o prazo para inscribirse nas primeiras sesións de Actívate, que se desenvolverán todas as fins de semana entre o 15 de abril e o 14 de maio en 18 concellos da provincia. Cada unha das actividades ten entre 15 e 20 prazas, sumando un total de 300 entre todas as actividades. As persoas interesadas en participar xa poden anotarse cubrindo o formulario de inscrición dispoñible na páxina web inscricions.deputacionlugo.org ou na de turismo.deputacionlugo.gal
Dende hai tres anos a Deputación de Lugo desenvolve o programa Actívate, un conxunto de actividades gratuítas para promover o turismo activo, deportivo e de aventura en 18 concellos da provincia
As inscricións para as próximas actividades abriranse progresivamente todos os venres, ás 8 da mañá, cunha semana de antelación ao día de celebración de cada proposta. Unha vez cubertas as prazas solicitadas, abrirase a opción de anotarse nunha lista de agarda, a cal recorrerase no caso dalgunha baixa dos participantes.
Hai actividades para todos os públicos, dende as máis sinxelas, con dificultade media-baixa e sen necesidade de experiencia previa, coma o cicloturismo, o sendeirismo ou a iniciación á equitación, ata outras de nivel medio-alto de dificultade, como surf, kaiak no mar, escalada ou barranquismo e mesmo un raid de aventura con actividades que combinan o kaiaking, trekking, orientación e a bicicleta de montaña.
Este luns abriu o prazo para inscribirse nas primeiras actividades, que se desenvolverán todas as fins de semana entre o 15 de abril e o 14 de maio
En cada unha das actividades os e as participantes contarán cos materiais e equipamento necesarios e tamén co apoio e supervisión dun guía ou monitor especializado, e un seguro de responsabilidade civil e de accidentes.
Hai opcións para todos os gustos e o importante é, precisamente, "activarse", realizar actividades que nos fagan sentirnos máis vivos e vivas e aproveitando para estar en contacto coa natureza. Os e as menores de idade deberán ir acompañados en todo momento por unha persoa adulta (pai, nai ou titor/a legal).
Hai actividades para todos os públicos, dende as máis sinxelas, coma o cicloturismo, o sendeirismo ou a iniciación á equitación, ata outras de nivel medio-alto de dificultade, como surf, kaiak no mar, escalada ou barranquismo e mesmo un raid de aventura que combina o kaiaking, trekking, orientación e a bicicleta de montaña
A programación bota a andar este 15 de abril nos concellos de Guitiriz e Chantada, cunha ruta BTT e kaiak polo río, respectivamente. O domingo 16 de abril os participantes poderán elixir entre paddle surf ou kaiak para realizar unha ruta polo río Sil, en Monforte de Lemos.
A actividade que se levará a cabo este sábado en Guitiriz, co nome de "Serpeando en Guitiriz", presenta unha dificultade media e ten unha duración prevista de catro horas. Recoméndase ter unha "condición física boa" dada a lonxitude (36,5 km) e desnivel (582 metros) do percorrido proposto. A ruta polos canóns do Sil en Monforte deste domingo, en cambio, ten unha dificultade media-baixa, esixíndose unicamente saber nadar. No percorrido poderaae coñecer a contorna do río e da súa paisaxe extraordinaria.
A programación bota a andar este 15 de abril nos concellos de Guitiriz e Chantada, cunha ruta BTT e kaiak polo río, respectivamente. O domingo 16 de abril os participantes poderán elixir entre paddle surf ou kaiak para realizar unha ruta polo río Sil, en Monforte de Lemos
A fin de semana as citas programadas terán lugar en Ribadeo e A Fonsagrada (o sábado) e na Pontenova (o domingo). En Ribadeo proponse un percorrido en canoa polo Eo, cunha dificultade baixa e esixíndose unicamente saber nadar. O obxectivo é "coñecer a contorna do río Eo en plena Reserva da Biosfera, durante unha actividade divertida en augas tranquilas".
O domingo 23 na Pontenova terá lugar unha das actividades máis interesantes, a "Ruta dos fornos", que inclúe un descenso en tirolina e a posterior visita á Mina Consuelo, a segunda maior paraxe espeleolóxica de Galicia tras a cova do Rei Cintolo. A experiencia permite vivir o acceso á mina como o facían os propios traballadores hai un século
Calendario
- 15 de abril: Ruta en bicicleta de montaña (BTT), en Guitiriz; e pola tarde Kaiak polo río desde a presa de Belesar, en Chantada
- 16 de abril: Rutas en paddle surf e kaiak polo río Sil, en Monforte de Lemos
- 22 de abril: Canoeing, en Ribadeo; e tiro con arco, na Fonsagrada
- 23 de abril: Ruta dos fornos, descenso en tirolina e visita á Mina Consuelo, na Pontenova
- 29 de abril: Raid de aventura con actividades que combinan o kaiaking, trekking, orientación e a bicicleta de montaña, en Viveiro; e pola tarde, surf, en Barreiros
- 30 de abril: Escalada I e II na aldea de Vicuña, en Folgoso do Courel; e pola tarde iniciación á equitación, en Taboada
- 6 de maio: Ruta da Faba, en Lourenzá; e pola tarde, Paintball, na Pastoriza.
- 7 de maio: Cicloturismo histórico, en Abadín e Vilalba
- 13 de maio: Barranquismo, en Quiroga; e pola tarde, Snorkel, en Foz
- 14 de maio: Kaiak de Mar, en Burela