'A Radio Conta', a unión da radio local nun proxecto histórico

Moncho Viña e Fernández Pernas, na presentación Dominio Público @aradioconta

Un proxecto pioneiro. A primeira vez na historia da radio que todas as emisoras dunha mesma cidade levarán a cabo unha emisión conxunta. Así é A Radio Conta, unha iniciativa solidaria que se celebrará o vindeiro sábado 28 na Coruña co obxectivo de recadar fondos para a asociación benéfica Renacer da cidade. Radio Galega, Radio Nacional de España (RNE), Radio Coruña-SER, Onda Cero, Radio Voz, Radio Marca e Cope, os seus produtores e os seus xornalistas. Unhas trinta persoas elaborarán un programa único e simultáneo en todos os seus diais desde as 17 ás 20 horas no que será "o programa máis grande da historia de Galicia".

Será un programa único e conxunto, un proxecto pioneiro na historia da radio en Galicia e no Estado

Así o define Luís Llera, un dos periodistas impulsores dun "traballo colectivo" que, como destaca, foi posible grazas á implicación "de todos, desde as directivas das emisoras ata os seus traballadores", e que contará co número máis alto de "locutores, produtores e técnicos da historia da radio en Galicia e posiblemente de España". "A xente moverá o dial e pode pensar que a radio está avariada, pero non estará avariada, senón que demostrará que está máis viva que nunca", engade quen cre que a emisión conxunta servirá tamén de "eloxio á radio local" e na que haberá numerosos convidados importantes que se irán desvelando nos vindeiros días. Radio Galega e RNE retransmitirán o evento, ademais, para toda Galicia.

Pero, malia todo, ese non será o obxectivo principal. O propósito é a colaboración coa entidade benéfica Renacer, fundada polo médico José Fernández Pernas, e que traballa a prol das persoas en risco ou en situación de exclusión social. Para iso, a xente que acuda ao salón de actos da ONCE da Coruña, onde se celebrará o programa, poderá axudar achegando alimentos non perecedoiros, comprando camisolas do evento ou con doazóns económicas nos petos de recadación que se instalarán, pero tamén nas contas que se abrirán en La Caixa e Novagalicia Banco.

O obxectivo é conseguir fondos para a asociación benéfica Renacer

O obxectivo será obter fondos suficientes para sufragar o arranxo de dúas das casas de acollida que ten Renacer. No caso de alcanzar ese obxectivo, os fondos que sobren empregaranse para mercar un vehículo adaptado para a asociación, que conta con varios pisos e almacéns nos que distribúen comida e roupa, ademais dun centro de formación e once para persoas en problemas. "Só podo dar as grazas. Estou abraiado con todo o que traballa a xente da radio, que se pon á cabeza das iniciativas solidariedade e cuxas emisoras se converten en cadeas da solidariedade", asegurou  José Fernández Pernas, presidente desta ONG, que explicou os problemas que sofren algunhas familias na Coruña e puxo exemplos, como os de pais que non poden pagar os medicamentos necesarios ou que teñen dificultades para alimentar os seus fillos.

Para dirixir este programa histórico, A Radio Conta recupera un veterano xornalista como Moncho Viña, que será o presentador dun programa no que haberá entrevistas e entrevistadores moi especiais, actuacións en direto, conexións co exterior e moita participación do público. Todo froito dun traballo que supera os dous meses e que culminará "unha idea xenial", como lembra o coñecido locutor. "Será moi dinámico e participativo", engade un periodista que destaca a unión de emisoras e liñas editoriais tan diferentes. "Adóitase transmitir as diferenzas, pero á hora de axudar, a radio sempre está xunta", remata.

Micrófonos de emisoras de radio Dominio Público Praza Pública
Moncho Viña e Fernández Pernas, na presentación Dominio Público @aradioconta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.