A rebelión municipal ameaza con boicotear Sogama pola suba do canon

Instalacións de Sogama en Cerceda © Sogama

A rebelión municipal contra a reforma local esténdese agora á suba na factura do lixo de Sogama que a Xunta prevé aplicar aos concellos. O incremento no importe deste canon supón que os 2,3 millóns de galegos que viven nos 296 concellos que envían os seus residuos á planta de incineración de Cerceda teñan que pagar un 34% máis polo tratamento dos residuos. Así, os municipios, que até agora pagaban 61,5 euros por tonelada de refugallos tratada, pasarán a abonar 82,1, un incremento que repercutiría no 50% da factura que se remite aos fogares, xa que a outra metade do recibo refírese a outros conceptos.

Foi unha decisión unilateral e sen ningún tipo de negociación nin consulta por parte da Xunta, o que xa provocou a reacción dunha morea de concellos que ven nesta medida -e tras a reforma local que xa se tramita no Congreso- un novo golpe económico ás administracións locais. A iniciativa desta fronte común contra o incremento da factura de Sogama xurdiu tamén na provincia de Lugo e foi liderada polos alcaldes de Monforte, Ribadeo, A Pastoriza, Pedrafita e Chantada, cuxo concello foi sede dunha xuntanza. Preparan unha resposta contundente á decisión do Goberno galego e veñen de convocar a alcaldes e concelleiros de toda Galicia -"e de todas as cores políticas", aclaran- a unha nova reunión en Compostela para o vindeiro día 18 de novembro.

Os alcaldes chaman a todos os alcaldes a unha xuntanza para artellar unha resposta común á suba da factura do lixo

A idea é solicitar un encontro cos presidentes e voceiros da Fegamp e tamén co presidente Núñez Feijóo para buscar alternativas a esta elevada suba na factura do lixo. De non haber reunión urxente ou non chegarse a un acordo, a resposta sería o boicot. Os concellos impulsores, e aqueles que compartan a iniciativa, deixarán de pagar a Sogama a partir do 1 de xaneiro de 2014.

"Entendemos que non hai por que subir de golpe a factura do lixo neste momento e a través dun incremento tan grande; a crise é delicada e aféctanos a todos", explica a Praza José Luis Raposo, alcalde socialista de Pedrafita, que aclara que os concellos só terían dúas opcións de confirmárense as intencións da Xunta: "ou esa suba repercute nos veciños ou a asumen os concellos que xa teñen problemas económicos e que xa están a asumir moitas competencias que non cobre nin o Goberno central nin o galego".

Pedirán unha reunión coa Fegamp e con Feijóo para buscar alternativas; se non hai acordo, deixarán de pagar a Sogama

A orixe desta suba está na necesidade da planta de Sogama de equilibrar as súas contas. A incineradora de Cerceda veu reducidos os ingresos que obtén pola venda da electricidade nuns 13 millóns de euros anuais, tras a decisión do Goberno de Mariano Rajoy de eliminar as primas ás renovables. Gas Natural-Fenosa, que posúe o 49% de Sogama, non quere aceptar unha baixada nos beneficios da incineración, e a Xunta tampouco se quere facer cargo das perdas xeradas polo sistema de tratamento de residuos que promove. Lava as mans neste asunto e trasládalle directamente o incremento aos concellos, que agora deberían decidir de que xeito llelo repercuten aos seus cidadáns.

"Queren que unha empresa pública dea beneficios e con esta suba terían 10 millóns para logo pagar 4 a Facenda; ou buscan pagar máis en impostos ou lucrarse", explica Raposo, que cre que hai moitos ámbitos da Administración onde se podería aforrar, pero tamén na propia Sogama. "Hai 28 persoas que traballan en Sogama que supoñen un salario de máis de 2 millóns de euros", engade, para aclarar que a idea de moitos alcaldes é tamén "solicitar unha auditoría para que se explique a todos os que pagamos o canon como se gastan os cartos alí e onde se pode recortar". "Nin se sobe o IPC nin é un incremento mínimo; supón moitos cartos para os veciños ou para os concellos", insiste.

A suba do canon suporían 150.000 euros anuais máis para  un concello como Monforte ou 750.000 para o de Lugo

En Pedrafita, o Concello xa asume boa parte da factura que lle tocaría a cada cidadán, que pasaría a pagar sobre tres euros mensuais fronte ao un e pouco que paga agora e fronte aos oito euros que se cobrarían se o importe fose gravado directamente aos veciños. En Monforte, segundo aclarou o seu alcalde Severino Rodríguez a Radiofusión, o gasto incrementaríase nuns 150.000 euros anuais. En Lugo, uns 750.000. 

O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, insiste en recordarlles aos concellos que a adhesión a Sogama é voluntaria e que para ter un bo servizo de lixo "hai que pagalo". Moitos alcaldes responden que o sistema de tratamento de Sogama non cumpre -nin nunca cumpriu- co acordado e lémbranlle o seu fracaso. Sogama só recicla o 1,5% dos residuos que lle chegan, segundo recoñece na súa Memoria de 2008, fronte á media do 24% que se rexistra no conxunto da UE. A planta de Cerceda incinera o 51% e manda directamente ao seu vertedoiro o 47%, tal e como lle recorda tamén o rexedor de Monforte. "Que nos solucione un problema non quere dicir que sexa o método que defendemos; o sistema non é bo, non cumpre o contrato e é desastroso", di.

Os concellos recórdanlle á Xunta que Sogama "só incinera o 51% do que recibe" e que "incumpre" co acordado: "é un desastre"

O alcalde de Pedrafita vai máis aló e asegura que "medioambientalmente" Sogama non cumpre. "Exixen aos demais pero eles enterran a maioría do lixo; eu teño aquí unha mina abandonada, así que podería meter os residuos aquí, tería menos cantidade que nos vertedeiros, danaría menos a contorna e non tería que asumir o custo de trasladar os refugallos ata Cerceda", advirte en referencia a vertedoiros como os da Areosa, que acumulan toneladas de ciscallo sen apenas control ao carón da planta de tratamento.

O Goberno galego, ademais, tamén adoita lembrar que un de cada catro concellos debe recibos a Sogama e que a débeda supera os 15 millóns de euros. Non é o caso dos municipios que impulsaron esta rebelión contra a suba do canon, nin da maioría. "Ese non é problema dos municipios que pagamos, senón un problema que ten que arranxar a Xunta. Só faltaba que as localidades que cumprimos teñamos que pagar agora o que deben os demais", explica José Luis Raposo, un dos alcaldes que comezou a rebelión contra a reforma local que acabou xuntando todos os concellos galegos. Agora, tamén desde o interior de Lugo, son varios os rexedores que están dispostos a facerlle boicot á planta de Cerceda se a Xunta teima en impor unha suba da factura "sen negociación e unilateralmente".

 

O BNG apoia a rebelión e pide conxelar o canon

O BNG cre que a redución de salarios e a subida de impostos, taxas e prezos públicos de servizos básicos que aplica o PP “está sangrando ás familias” e provoca "desigualdade, exclusión social e un empobrecemento das rendas dos galegos e galegas que frea a saída da crise". “O PP ten unha estratexia de aumento continuado, a modo de choiva fina, das taxas e dos prezos públicos. En definitiva, cobran por todo, cada vez máis e con peores servizos”, denunciou este luns o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.

Vence lembrou que "o canon da auga subiu entre un 150 e un 300%, o IBI entre un 4 e 10%, o recibo da luz un 13,5%, as escolas infantís nun 19% de media, os comedores escolares un 40% e o transporte metropolitano un 12%”, enumerou Vence, salientando que se trata de servizos indispensables: auga, luz, vivenda, transporte. Así, advertiu de que esa “política fiscal regresiva” do PP ten continuidade en 2014 "cos céntimos sanitarios, o copagamento dos medicamentos hospitalarios e co anunciado incremento do 34% da taxa de lixo de Sogama".

"Os concellos teñen dereito a declararse insubmisos a aplicar a suba", di o BNG

Por iso, o BNG formula unha alternativa articulada en tres puntos: "conxelación do canon do lixo en 2014, inicio dunha negociación entre municipios, Sogama e Xunta para buscar alternativas e, senón hai acordo, os concellos teñen dereito a declarase insubmisos a aplicar a suba".

“Non pode haber unha modificación unilateral da Xunta e de Gas Natural decretando  unha subida espectacular do 34% do canon do lixo, porque implica un cambio nas condicións contractuais que hai entre os concellos e Sogama”, explica Vence. En caso de que as negociacións concluísen sen acordo, “os concellos teñen todo o dereito a declararse insubmisos na aplicación desta subida porque consideramos que os dereitos da veciñanza están por riba da conta de resultados de Gas Natural-Fenosa”, alega o portavoz nacionalista.

O BNG considera "fracasado" o modelo de xestión de residuos centrado en Sogama, que" non é sustentable desde o punto de vista medioambiental, -coa súa aposta pola incineración-, económico nin social, polo escaso nivel de emprego que xera". Así, opta por camiñar cara a un modelo "baseado en plantas de reciclaxe a nivel comarcal máis eficiente en termos ambientais, económicos e de emprego".

Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama
José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.